
O Centro Dramático Galego (CDG) estreará a obra 'Serva me, servabo te' (axúdame e axudareiche, en latín) este domingo 5 como espectáculo inaugural do Festival de Teatro Galego Celso Parada, no Carballiño. A creación de Belén Bouzas, Diego M. Buceta e Fran Martínez representarase ás 22,00 horas no Auditorio Municipal Manuel María, segundo se anunciou hoxe na rolda de prensa de presentación do evento, na que participaron o director do CDG, Fran Núñez, e a directora e actriz Belén Bouzas.
Na súa intervención, Fran Núñez definiu Serva me, servabo te como unha viaxe á procura de novos retos, na que o risco, a xenerosidade e o traballo comprometido do seu equipo creador deu como resultado unha proposta fermosa e desafiante. Co corpo como elemento central da escena, xorde unha dramaturxia desde o movemento e o xesto que explora novas rutas na comunicación co público, apuntou.
Segundo explicou, a peza aborda os afectos e o colectivo, ademais de reivindicar o corpo como materia que nos iguala sen distincións. Deste xeito, o escenario, no que se fantasía co derrubamento dun edificio de vinte alturas, preséntase como un corpo nu ante a inmensidade. O director do CDG tamén salientou a elevada presenza de actrices e actores formados na Escola Superior de Arte Dramática de Galicia na composición do elenco, composto por Belén Bouzas, Olga Cameselle, Bal Castro, Raquel Crespo, María Llanderas, Diego M. Buceta, Fran Martínez e Cris Vilariño.
Canto á parte artística, a recoñecida creadora escénica AveLina Pérez é a asistente de dirección. Pola súa banda, a escenógrafa, vestiarista e iluminadora Carmen Triñanes asume a iluminación e a videocreación, así como a escenografía de xeito compartido con Laura Iturralde. O vestiario corre a cargo do actor e deseñador Xoel Álvarez e o espazo sonoro, de Xavier Bértolo. Roberta Ferrara e Xandre Vázquez son asistentes de coreografía e de produción, respectivamente.
Tras a súa estrea no Carballiño, o espectáculo representarase do 10 ao 26 de setembro no Salón Teatro de Santiago de Compostela, con funcións de xoves a domingo.
Cuarta produción do ano
'Serva me, servabo te' é a última das producións postas en marcha neste ano polo Centro Dramático Galego. O pasado xaneiro arrancaba a programación propia con O charco de Ulises, da que está prevista unha xira a finais de ano. En abril facíao Terceiro acto, que despois de estar un mes en cartel volveu o pasado xullo ao Salón Teatro, ademais de representarse na Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia.
A elas súmaselles A contenda do río Miño, a coprodución coa Companhia de Teatro de Braga estreada en xullo no Festival Internacional de Teatro Clásico de Almagro e con funcións en Braga, Cangas e Tui ao longo do verán.
De cara á nova temporada, a unidade de produción teatral da Xunta está xa no proceso de selección dos elencos das vindeiras producións. Trátase dunha adaptación teatral de A peste, de Albert Camus, dirixida por Cándido Pazó, e de Ás 8 da tarde cando morren as nais, baixo a dirección de Marta Pazos a partir da dramaturxia de AveLina Pérez.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.