//if ($dataid['id'] == 2){ ?>
Noticias cultura
A produción do Centro Dramático Galego 'O charco de Ulises', dirixida por Marián Bañobre e Santiago Cortegoso, arranca este venres día 5 en Tui unha xira que levará a peza a 20 concellos de Galicia e o norte de Portugal. Así o anunciou o director do CDG, Fran Núñez, na rolda de prensa realizada na localidade tudense para presentar a función programada para este venres. O percorrido da montaxe polas catro provincias galegas e o país luso prolongarase ata o 12 decembro. Trátase da xira máis ampla organizada polo CDG nos últimos anos, tanto polo número de funcións como pola diversidade de espazos.
Bernardino Graña, Antón Pulido, Nova Galega de Danza, Natalia Lamas, Zaza Ceballos, o programa da CRTVG Dígocho Eu, o Mosteiro de San Pedro de Rocas e a Federación de Asociacións Galegas da República Arxentina son os galardoados nos Premios da Cultura Galega 2021. Os premiados foron distinguidos nas modalidades de Letras, Artes Plásticas, Artes Escénicas, Música, Audiovisual, Lingua, Patrimonio Cultural e Proxección Exterior, respectivamente, por un xurado que estivo presidido polo conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez.
Unha decena de empresas integran a delegación galega en Womex, a Worldwide Music Expo que se está a desenvolver na cidade portuguesa do Porto, recuperando así a súa celebración presencial tras a edición en liña do ano pasado. A Xunta apoia a presenza da nosa música neste multitudinario encontro internacional coa organización dun encontro coas promotoras galegas acreditadas, así como a través da colaboración coas Tanxugueiras para o concerto que ofrecerán dentro do programa oficial. A primeira destas citas terá lugar o venres no Noble Hall do Centro de Congressos Alfândega do Porto, que aloxa o recinto feiral desta 27ª edición de Womex.
Entre as e os artistas que fotografaron os lugares, camiños e as xentes da parte galega desta ruta desde o século XIX ata os nosos días, e que aparecen compilados nesta nova exposición, cóntanse José Suárez, Otto Wunderlich, Carmenchu Alemán, José Moreira, Joaquín Pintos, Jaime Pacheco ou Vari Caramés, entre outros moitos. Por outra banda, nos vieiros do percorrido en Portugal, os rostros e vilas que o poboan foron retratadas por Artur Pastor, Emilio Biel, Alberto Marçal Brandão, Octávio Lixá Filgueiras, Nicolás Muller, Juan Rodríguez, Juan Manuel Castro Prieto, Guedes, José Gouveia Gomes Junior, Aurelio Paz dos Reis ou Helga Schmidt-Glassner.
O grupo Mevadeus, de Santiago de Compostela, foi o gañador do primeiro premio Xuventude Crea 2021 na categoría de Teatro, unha das catorce especialidades do certame. A fase final celebrouse esta pasada fin de semana no Salón Teatro da capital galega e a ela chegaron seis grupos finalistas dos once que se presentaron este ano. A obra que recibiu o primeiro galardón tiña por título Agro 5G. O segundo premio foi para o grupo As catro, de Vigo, pola súa interpretación da obra Que rima con Chomsky?. En terceiro lugar situouse o grupo Xebra, tamén de Vigo, por Irremediablemente soa.
Inaugurouse na Cidade da Cultura unha exposición coa que se celebran os 10 anos da posta en marcha da Biblioteca de Galicia no Gaiás. Unha década na que a institución conseguiu converterse nun referente cultural custodiando importantes coleccións constituídas por documentos tan antigos como os incunables Libro de las propiedades de las cosas (1494) ou Sermones de patientia in Job (1471). Estas serán dúas das máis de 70 pezas que poderán contemplar os visitantes desta mostra que queda aberta ao público ata o 31 e maio do 2022 no vestíbulo do edificio da Biblioteca e Arquivo de Galicia.
Ao longo de tres días a Cidade da Cultura acollerá representantes da Organización Mundial da Saúde ou a OCDE, científicos recoñecidos por algunhas das institucións máis prestixiosas do mundo, personalidades distinguidas con galardóns como o Premio Nacional de Ensaio, os Premios Princesa de Girona, premios de divulgación científica ou recoñecementos polo seu traballo en causas humanitarias e medioambientais.
Inaugurouse no Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura 'Castillo, escultor', a primeira exposición retrospectiva realizada ata o momento que se centra na escultura de Jorge Castillo, unha faceta artística que se ben é máis descoñecida, comparte a grandeza da súa obra pictórica. Esta escolma de 120 obras percorre as seis décadas de traxectoria dun dos artistas galegos vivos de maior prestixio e relevancia internacional, cuxa obra forma parte de importantes coleccións de arte de todo o mundo, como o Carnegie Institute de Pittsburgh, o San Francisco Museum of Modern Art, o Guggenheim Museum de Nova York ou a Nationalgalerie de Berlín.
O Museo do Pobo Galego acollerá desde o venres ata o domingo a primeira edición de Soa Bonaval, un novo festival con concertos, conversas e itinerarios sonoros polas salas do museo que conta co apoio da Xunta de Galicia. O secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, participou hoxe na presentación da iniciativa que se enmarca na colaboración que o Goberno galego ten co museo. É, ademais, unha nova proposta cultural que se suma as máis de 2.500 iniciativas que apoiamos este outono para impulsar aos creadores galegos e animar a participar da reactivación da cultura despois duns meses complicados, expresou.
As bibliotecas públicas da Xunta nas cidades da Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra, Santiago de Compostela e Vigo, así como a Biblioteca de Galicia, súmanse á conmemoración do Día das escritoras, que nesta sexta edición se celebra o 18 de outubro. A efeméride impulsada pola Biblioteca Nacional de España, xunto á Federación Española de Mulleres Directivas, Executivas, Profesionais e Empresarias, e á Asociación Clásicas e Modernas ten como obxectivo a posta en valor do legado cultural das autoras literarias ao longo da historia.
A obra de 11 artistas novos, que reflexionan sobre o cóncavo e o convexo e sobre os distintos espazos habitables como algo que pode ser real ou ficticio, reúnese desde este luns no Espacio Matrioska da Universidade de Vigo, nunha exposición colectiva comisariada polas estudantes de intercambio Carla Gasparrini e Lorena Sosa, no marco dun traballo académico para unha materia do grao en Belas Artes.
Polos camiños das horas, que recolle a correspondencia entre Ramón Otero Pedrayo e Ricardo Carvalho Calero (as 167 cartas que intercambiaron entre 1949 e 1974), é unha iniciativa da Real Academia Galega (RAG) no marco das homenaxes que se lle renden a Ricardo Carvalho Calero con motivo do Día das Letras Galegas 2020, e que conta co apoio da Xunta así como do Parlamento de Galicia.
As exposicións de Manuel Vilariño e Celeste Garrido prorróganse ata o 4 de abril no MARCO. Os espazos do primeiro andar continúan abertos e o público poderá seguir visitando as mostras en calquera das súas modalidades: individualmente, participando nas visitas guiadas actualmente limitadas a grupos de 5 persoas ou mediante o novo sistema de rutas interactivas.
A mostra Afonso X e Galicia, último proxecto expositivo que acolle a Igrexa da Universidade e impulsada polo do Consello da Cultura Galega (CCG), fusiona dúas das conmemoracións máis relevantes que teñen lugar neste 2021 que acaba de botar a andar: a celebración dun novo Ano Santo e o 800 aniversario do nacemento de Afonso X, unha das figuras máis relevantes da cultura europea.
A presentación do libro 'Senderos de la historia. Miradas y actores en medio siglo de historia rural' serviu para homenaxear no Paraninfo ao catedrático de Historia Contemporánea e ex reitor da USC, Ramón Villares, co gallo do seu 70 aniversario. A obra rende homenaxe á figura de Villares como primixenio historiador agrario que desenvolveu dende Compostela toda unha escola de estudos neste eido do coñecemento sobre bases sólidas e duradeiras.
A compañía viguesa Feira do Leste vén de publicar as bases da terceira edición do Certame de Nova Dramaturxia Galega Actual. Un proxecto que procura dar maior visibilidade aos novos dramaturgos galegos a través da edición e publicación da obra nun volume con obras doutros autores galegos que están a destacar actualmente polo emprego de novas linguaxes e temáticas.
17° Ribeira Sacra Festival confirma que volverá en 2021, un ano moi especial para o festival, que celebra a súa quinta edición, e para o territorio, coa resolución da candidatura a Patrimonio da Humanidade. 17° Ribeira Sacra Festival é unha cita anual na que música, patrimonio, paisaxe, gastronomía e viño únense para crear unha experiencia única para o público.
A Rede de Dinamización Lingüística (RDL) desenvolveu ao longo do ano 2020 un importante labor na visibilización e extensión do uso da lingua galega que se materializa en máis de 400 accións de promoción do uso social de idioma desenvoltas nas súas entidades, cun importante investimento que ascendeu a máis de 900.000 , gran parte deles xestionados desde o Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo 2021.
A retransmisión chegará a 16 países de Europa e América como Italia, Portugal, Holanda ou Arxentina, grazas a colaboración de Turespaña, a través de pantallas na praza do Gran Sablón en Bruxelas, na praza do Doumo en Milán, a de Pistoia, na Haia ou en Bos Aires. Ademais, a Televisión de Galicia retransmitirá todo o acto, a través do sinal convencional e da súa canle de Youtube.
Os Premios Artesanía de Galicia 2020 serven para visibilizar un ano máis a mellora continua no labor dos artesáns galegos. Este certame busca contribuír a poñer en valor o sector, así como a divulgar o traballo dos profesionais entre a sociedade; potenciar a creatividade; promover a captación do talento, facendo fincapé na incorporación dos artesáns máis novos a través do apoio á súa formación especializada; e a impulsar a remuda xeracional.