Noticias

A Cidade da Cultura inaugura a primeira exposición retrospectiva adicada á escultura de Jorge Castillo

Inaugurouse no Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura 'Castillo, escultor', a primeira exposición retrospectiva realizada ata o momento que se centra na escultura de Jorge Castillo, unha faceta artística que se ben é máis descoñecida, comparte a grandeza da súa obra pictórica. Esta escolma de 120 obras percorre as seis décadas de traxectoria dun dos artistas galegos vivos de maior prestixio e relevancia internacional, cuxa obra forma parte de importantes coleccións de arte de todo o mundo, como o Carnegie Institute de Pittsburgh, o San Francisco Museum of Modern Art, o Guggenheim Museum de Nova York ou a Nationalgalerie de Berlín.

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, inaugurou hoxe no Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura Castillo, escultor, a primeira exposición retrospectiva realizada ata o momento que se centra na escultura de Jorge Castillo, unha faceta artística que se ben é máis descoñecida, comparte a grandeza da súa obra pictórica, nun diálogo constante entre ambas disciplinas.

Esta escolma de 120 obras percorre as seis décadas de traxectoria dun dos artistas galegos vivos de maior prestixio e relevancia internacional, cuxa obra forma parte de importantes coleccións de arte de todo o mundo, como o Carnegie Institute de Pittsburgh, o San Francisco Museum of Modern Art, o Guggenheim Museum de Nova York ou a Nationalgalerie de Berlín.

Na inauguración, o representante da Xunta de Galicia salientou a “oportunidade única que supón esta mostra de achegarse á escultura de Jorge Castillo, imprescindible para comprender como un todo a extensa traxectoria e singular universo creativo do artista pontevedrés”. Román Rodríguez destacou a súa figura como “un dos grandes nomes das artes plásticas do último século, de incuestionable prestixio e relevancia internacional, que viviu e traballou por todo o mundo e con obra exposta nalgunhas das mellores galerías de arte”.

O titular de Cultura do Goberno galego quixo ademais agradecer especialmente ao artista “a súa xenerosidade e implicación neste proxecto expositivo, e a súa presenza hoxe aquí para presentarnos esta escolma de máis dun centenar de obras, reunidas de xeito inédito”. A exposición, que abrangue as diferentes etapas artísticas de Jorge Castillo, inclúe recentes obras de grande formato, pezas en bronce e aceiro, arxilas datadas nos últimos cinco anos, así como unha pequena selección de lenzos, augafortes ou cadernos de viaxe.

Oportunidade inédita

A mostra está comisariada por Pilar Corredoira, historiadora da Arte Contemporánea, comisaria de exposicións, investigadora no eido da arte galego dos séculos XX e XXI e unha das maiores coñecedoras da traxectoria de Castillo. Na súa intervención quixo tamén destacar a singularidade deste proxecto que “por vez primeira reúne e afonda no traballo escultórico dun artista poliédrico en quen, desde os comezos da súa traxectoria, a escultura marca notablemente o devir da súa obra, permitindo renovados conceptos e determinando unha identidade e linguaxe propias”.

Corredoira quixo pór tamén en valor a excepcionalidade de poder ver “a obra de Castillo nun espazo tan singular como o Museo Centro Gaiás, no que a montaxe expositiva, as pezas exhibidas e a propia arquitectura establecen un diálogo único de liñas e formas convertendo a exposición nunha experiencia irrepetible”.

Posta en valor de artistas galegos

Castillo, escultor continúa, ademais, a senda doutras exposicións monográficas desenvolvidas polo Museo Gaiás nos últimos anos, dedicadas á traxectoria de grandes figuras das artes, as letras ou a cultura galega, entre as que se atopan Antón Lamazares. Flor Novoneyra; José Suárez, uns ollos vivos que pensan; Baldomero Pestana: a verdade entre as mans; ou Camilo José Cela 1916-2016. O centenario dun Nobel.

A través de proxectos expositivos coma estes, segundo resaltou o conselleiro de Cultura, “a Xunta continúa a traballar na recuperación do legado de galegos que construíron en Galicia e tamén na diáspora unha obra memorable, grandes nomes das nosas artes que nos lembran tamén que dalgún xeito, Galicia esténdese alén do Atlántico”.

A exposición, que abrirá as súas portas ao público mañá xoves, poderá visitarse no segundo andar do Museo Centro Gaiás ata o vindeiro 20 de febreiro de 2022. Conta con entrada de balde, de martes a domingo e de 10,00 a 20,00 horas.

Biografía de Jorge Castillo Casalderrey

Nace en Pontevedra en 1933, mais pasa a súa infancia e xuventude na Arxentina. De formación autodidacta, asiste en 1949 ao taller dos artistas arxentinos Raquel Forner e Alfredo Bigatti e realiza nestes anos as súas primeiras obras, pinturas e debuxos. Nos anos 50 compaxina o traballo de deseñador na industria metalúrxica coa súa faceta artística e axiña entra en contacto coa intelectualidade galega en Bos Aires e con autores como Laxeiro, Colmeiro ou Seoane. A medianos desa década iniciou un periplo europeo que o levaría a residir ou expor en cidades como Madrid, Zaragoza, Barcelona, París, Xenebra ou Berlín, e estendeu o seu traballo aos campos da escultura e o gravado. Tamén conecta con importantes personalidades da arte como Juana Mordó ou Marienza Binetti.

A selección da súa obra para a Bienal de São Paulo en 1960 abre unha década na que consolida a súa proxección internacional e en 1980 instálase en Nova York, facéndose un oco na escena estadounidense da arte contemporánea: a Galería Marlborough de Manhattan comeza a representalo e o Guggenheim Museum adquire parte da súa obra.

A día de hoxe, tras seis décadas en activo, a súa obra forma parte de importantes coleccións de arte de diferentes lugares do mundo, como o Carnegie Institute, o San Francisco Museum of Modern Art, o Albertina Museum, a Fundación Juan March, o Museo de Belas Artes de Vitoria ou a Nationalgalerie de Berlín.

R., 2021-10-21

Actualidad

Foto del resto de noticias (festival-jazz-lugo-2026.jpg) O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito D’Rivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.
Foto de la tercera plana (gripe-vacinacion.jpg) O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade sobre a actividade das infeccións respiratorias agudas referido á semana que rematou o 25 de outubro reflicte que a actividade gripal na comunidade mantén o seu nivel basal con tendencia crecente, constatando un incremento na dispensación de antigripais nas farmacias galegas. En concreto, a taxa de dispensación de antigripais nas farmacias aumentou un 38,9 % na última semana, mentres que a de probas de antíxenos se reduciu nun 17,9 %, tal e como informan as oficinas de farmacia integradas na rede sentinela impulsada pola Xunta, co obxectivo de anticipar a evolución dos virus respiratorios na comunidade.

Notas

O Campus Industrial de Ferrol reúne a máis de 50 empresas, entidades e asociacións na cuarta edición do FESTALENT, Feira de Empresas e Talento, un evento de referencia que se celebra no Pavillón Municipal de Esteiro. Organizada no marco do programa ImpúlsaT da UDC, a feira conta coa colaboración da Xunta de Galicia, a través da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración e da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional.
Una ducia de proxeccións e cinco persoas convidadas conforman o menú da 34ª edición da Semana de Cine Submarino da UVigo, que se celebrará entre os días 3 ao 5 de novembro no auditorio da Afundación. Producións internacionais e nacionais volverán encher de público o auditorio vigués, que acollerá nunha sesión matinal a centos de escolares da provincia, e que poderá somerxerse nas profundidades das augas das Maldivas, do Caribe ou da costa norte galega.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES