Notas de prensa

Santiago de Compostela acolle a pegada de Afonso X na cultura galega

A mostra ‘Afonso X e Galicia’, último proxecto expositivo que acolle a Igrexa da Universidade e impulsada polo do Consello da Cultura Galega (CCG), fusiona dúas das conmemoracións máis relevantes que teñen lugar neste 2021 que acaba de botar a andar: a celebración dun novo Ano Santo e o 800 aniversario do nacemento de Afonso X, unha das figuras máis relevantes da cultura europea.

A exposición inaugurada este martes, convida a coñecer a enorme influencia da figura de Afonso X cunha peregrinaxe a través de documentos, testemuños arqueolóxicos, literarios e musicais que amosan o legado afonsino en paralelo ao esplendor da cultura galega na etapa medieval. No acto inaugural, alén do reitor Antonio López, tomaron parte, a presidenta do CCG, Rosario Álvarez; o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijoo; o conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez; e o presidente da Deputación de Ourense, José Manuel Baltar. O músico, musicólogo e medievalista Antoni Rossell é o comisario desta mostra que estará aberta ata o 24 de abril.

O reitor mostrouse satisfeito de poder sumar a implicación da USC a un proxecto singular pola propia personalidade poliédrica do personaxe. “Afonso X garda unha estreita relación coa idiosincrasia universitaria en canto foi unha figura máis preocupada polos límites do saber que polos lindeiros do territorio nun contexto histórico no que resultaba unha actitude adiantada ao seu tempo” engadiu. A presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez, destacou, pola súa parte, que a mostra “ofrece un itinerario polo universo afonsino en Galicia e reivindica a vixencia do seu legado”. O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, puxo o acento na conexión do monarca con Galicia. “Unha conexión que se manifesta no literario coas Cantigas de Santa María, que situaron o galego como lingua de prestixio cultural e protagonista dun dos fenómenos artísticos máis valiosos e representativos da cultura medieval, que logrou inspirar aos nosos creadores do século XIX e XX” lembrou. O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, afirmou que Afonso X e os seus colaboradores “elevaron a lingua galega, na lírica profana e relixiosa da Idade Media, á maior categoría. Por iso foi polo que, en 1980, lle correspondeu ser homenaxeado co Día das Letras Galegas”, e salientou: “A miña beizón para todas as persoas que traballaron para facer realidade esta mostra, e o meu desexo de que sirva para descubrir, 800 anos despois do nacemento dun rei sabio que non puido chegar a ser emperador, as súas pegadas ourensás”.

Percorrido flexible

O relato expositivo non segue un criterio cronolóxico, senón que ofrece un percorrido flexible e multidisciplinar con cinco bloques temáticos. A entrada sitúa o personaxe Afonso X na súa dimensión máis humana. Unha vez dentro, o segundo espazo está destinado a ofrecer a vida e conflitos persoais do monarca. O terceiro espazo recreará o obradoiro onde os manuscritos e as miniaturas cobran o protagonismo presentando o seu labor científico, histórico e cultural. De seguido, o cuarto espazo está dedicado á zona da música e dos instrumentos medievais coas distintas reproducións chegadas de diferentes espazos. Desde aí accédese ao espazo central onde as Cantigas de Santa Maria relacionadas con Galicia se presentarán simultaneamente en seis pantallas aéreas, a modo de constelacións, facendo ese aceno ao mundo da astroloxía e astronomía tan importante para o monarca. O último espazo está dedicado a ilustrar graficamente a sociedade medieval e a vida do monarca a través das imaxes do Códice Rico do Escorial das Cantigas de Santa Maria.

A exposición ten diferentes niveis de lectura, a través de códigos QR que remiten a un espazo web onde se aloxan textos recitados, música e informacións, ademais do catálogo virtual para enriquecer a visita. Entre os contidos complementarios destaca unha serie de entrevistas aos especialistas Henrique Monteagudo, Helena de Carlos, Francisco Prado-Vilar, Carlos Núñez, Elvira Fidalgo e Eduardo Cebreiros.

Un proxecto político e cultural

A mostra presenta o Rei Sabio como un monarca que tivo grandes logros culturais, pero tamén grandes fracasos e contradicións, que soñou ser o grande emperador de Europa e que acabou destronado polo seu propio fillo. O relato constrúe a un home ocupado na construción dunha monarquía absoluta fronte á Igrexa e a aristocracia, cunha personalidade que se posiciona entre o pobo e a divindade, que ensalza a figura de Santa María en conflito co cabido compostelá. Ademais, emprega a lingua castelá na chancelaría e o galego na invocación a Deus e á Virxe coa intención de relegar o latín dos clérigos nunha estratexia político-cultural.

Tamén afonda na visión de universalidade do Rei Sabio no ámbito cultural, cos proxectos de tradución de/a diferentes linguas, coa súa vontade científica e coa súa concepción historiográfica. A isto engádese a conexión política do proxecto real con todos os campos da cultura, é dicir, a «utilización» do proxecto cultural con obxectivos políticos, combinando diversos sistemas ideolóxicos para un mesmo fin: a consolidación e xustificación dun proxecto político centrado na persoa do monarca.

Universidade de Santiago de Compostela, 2021-01-13

Actualidad

Foto del resto de noticias (tecnoloxia-maiores.jpg) O 68,7 % da poboación galega de 16 a 74 anos dispón de competencias dixitais básicas ou avanzadas, fronte ao 61,4 % de 2025, o que supón un incremento relativo do 11,9 %. O 42,6 % da poboación galega de 16 a 74 anos ten competencias dixitais avanzadas, cinco puntos porcentuais máis ca en 2025, e o 26,1 % ten competencias básicas. Son datos publicados hoxe polo INE no informe sobre equipamento e uso das TIC nos fogares, analizados polo Observatorio da Sociedade da Información da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).
Foto de la tercera plana (circo-camino-2026.jpg) Foi presentada na Cidade da Cultura a iniciativa 'Circo no Camiño', que celebrará entre o 12 de novembro e o 6 de decembro a súa primeira edición, na que contará con artistas nacionais e internacionais. A proposta Circo no Camiño quere achegar as artes escénicas a diferentes localidades galegas relacionadas co Camiño de Santiago. Para isto avanza unha programación variada de espectáculos de circo, maxia, música, acrobacias, humor e animación de rúa dirixidos a todos os públicos, que se desenvolverán tanto nunha gran carpa como nas rúas.En concreto, a programación desenvolverase en catro localidades galegas: Verín, Lalín, A Estrada e Santiago de Compostela, onde se pechará a programación, entre os días 3 e o 6 de decembro.

Notas

O profesor da Facultade de Fisioterapia e investigador do grupo HealthyFit Pablo Campo é o coordinador dun proxecto que emprega a realidade virtual inmersiva e o exercicio terapéutico para promover a recuperación física e psicolóxica das e dos pacientes que se atopan ingresados tras someterse a tratamentos de terapia celular, como un transplante de medula ósea.
A raza Can de Palleiro demostrou unha constitución xenética singular e diferenciada con respecto doutras razas. Esta é unha das principais conclusións do estudo liderado polo catedrático da USC Paulino Martínez e cuxas conclusións se deron a coñecer nun acto que se desenvolveu na Facultade de Veterinaria de Lugo. Esta investigación xenómica para a caracterización e recuperación desta raza evidenciou que a diversidade xenética do Can de Palleiro sitúase no rango superior entre as razas estudadas.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES