
A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, presentou esta mañá en Santiago o acto de apertura do Xacobeo 2021 que terá lugar o vindeiro 31 de decembro. Fíxoo co anuncio de que o músico Carlos Núñez será o encargado de acompañar coas súas notas parte do acto de apertura da Porta Santa. Segundo explicou a directora de Turismo de Galicia, trátase dun acto inspirador de reducidas dimensións, acorde á actual situación sanitaria, co que queremos celebrar o comezo deste Xacobeo 2021, que está chamado a ser motor de recuperación emocional e económica para toda Galicia.
A conta atrás que da comezo ao Xacobeo 2021 remata coa apertura da Porta Santa, explicou Nava Castro, un acto especialmente simbólico que queremos achegar ao maior número de persoas.
A retransmisión chegará a 16 países de Europa e América como Italia, Portugal, Holanda ou Arxentina, grazas a colaboración de Turespaña, a través de pantallas como as que teremos na praza do Gran Sablón en Bruxelas, a situada na praza do Doumo en Milán, a de Pistoia, na Haia ou en Bos Aires, explicou a directora de Turismo de Galicia. Ademais, a Televisión de Galicia retransmitirá todo o acto, a través do sinal convencional e da súa canle de Youtube.
Tamén será un acto seguido polas máis de 350 asociacións de Amigos do Camiño de Santiago e os 150 centros galegos repartidos polos cinco continentes, así como polos centros culturais da Axencia Española de Cooperación Internacional para o Desenvolvemento (AECID), que tamén colaborarán na difusión do acto, o que permitirá que o comezo da celebración do Ano Santo compostelán chegue a milleiros de persoas en todo o mundo.
Vídeo e actuación especial de benvida
Neste marco de benvida encádrase tamén o acto videomusical co que se acompañará a benvida do Xacobeo 2021 e que terá a Carlos Núñez como condutor. Así, tralo peche do acto litúrxico, Núñez interpretará dúas pezas especialmente escollidas para a ocasión que se completarán coa proxección na praza da Quintana dun fermoso percorrido visual e musical pola historia de Galicia e do Camiño. Da man do recoñecido gaiteiro, o vídeo conta coa colaboración dunha trintena de artistas como Julio Iglesias, Alejandro Sanz, Rozalén, Amaral, Iván Ferreiro ou Andrés Suárez; escritores, artistas da música celta e galega como Xabier Díaz, Tanxugueiras ou Fon Román saúdan a esperanza de volver atoparse nesta Galicia que forma parte de todos eles dun xeito ou doutro.
Dirixido por Fon Cortizo, e producido pola galega Ollovivo, na presentación desta mañá púidose ver un pequeno avance do vídeo que se proxectará o 31 de decembro e que tamén se emitirá pola TVG e por streaming en canles institucionais da Xunta. Un audiovisual que representa todo o que queremos que sexa este Xacobeo, destacou Nava Castro, que destacou que este Xacobeo suporá un gran reto e unha gran oportunidade para o noso territorio. Un Xacobeo que será diferente a calquera outro, aberto e integrador, pero, sobre todo, seguro e diversificado por todo o territorio, explicou a directora de Turismo de Galicia.
Impactos en toda España
Neste sentido, Nava Castro aproveitou para destacar a boa acollida que está a ter a campaña institucional Camiña a Galicia, que ten como obxectivo chegar ao 70% da poboación española nestes 10 días de campaña intensa. Tamén destacou o excelente retorno que está a colleitar a iniciativa #AcendeOXacobeo, lanzada a xeito de conta atrás de cara ao Ano Santo e que hoxe comeza a súa derradeira fase. Ao seu remate, o 31 de decembro, teranse iluminado case un cento de emprazamentos singulares por toda España para celebrar o comezo deste Ano Santo.
O 68,7 % da poboación galega de 16 a 74 anos dispón de competencias dixitais básicas ou avanzadas, fronte ao 61,4 % de 2025, o que supón un incremento relativo do 11,9 %. O 42,6 % da poboación galega de 16 a 74 anos ten competencias dixitais avanzadas, cinco puntos porcentuais máis ca en 2025, e o 26,1 % ten competencias básicas. Son datos publicados hoxe polo INE no informe sobre equipamento e uso das TIC nos fogares, analizados polo Observatorio da Sociedade da Información da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).
Foi presentada na Cidade da Cultura a iniciativa 'Circo no Camiño', que celebrará entre o 12 de novembro e o 6 de decembro a súa primeira edición, na que contará con artistas nacionais e internacionais. A proposta Circo no Camiño quere achegar as artes escénicas a diferentes localidades galegas relacionadas co Camiño de Santiago. Para isto avanza unha programación variada de espectáculos de circo, maxia, música, acrobacias, humor e animación de rúa dirixidos a todos os públicos, que se desenvolverán tanto nunha gran carpa como nas rúas.En concreto, a programación desenvolverase en catro localidades galegas: Verín, Lalín, A Estrada e Santiago de Compostela, onde se pechará a programación, entre os días 3 e o 6 de decembro.