Noticias

A música galega preséntase no Womex do Porto para a promoción dunha decena de empresas e o concerto das Tanxugueiras

Unha decena de empresas integran a delegación galega en Womex, a Worldwide Music Expo que se está a desenvolver na cidade portuguesa do Porto, recuperando así a súa celebración presencial tras a edición en liña do ano pasado. A Xunta apoia a presenza da nosa música neste multitudinario encontro internacional coa organización dun encontro coas promotoras galegas acreditadas, así como a través da colaboración coas Tanxugueiras para o concerto que ofrecerán dentro do programa oficial. A primeira destas citas terá lugar o venres no Noble Hall do Centro de Congressos Alfândega do Porto, que aloxa o recinto feiral desta 27ª edición de Womex.

A delegación galega será anfitrioa desta sesión, impulsada pola Xunta de Galicia para facilitarlles o networking con axentes musicais desprazados ata O Porto desde máis de 80 países.

Presentación de temas inéditos

Esa mesma noite, a música galega soará no Lusofónica Stage, instalado no histórico Teatro Nacional São João, da man das Tanxugueiras, que foron seleccionadas pola organización da feira para este escenario dedicado á lusofonía. Nel, o trío galego presentará o seu novo espectáculo, que inclúe temas como os populares Midas ou Figa, algunhas das súas pezas máis coñecidas, como O querer, e outras cancións aínda inéditas como adianto do seu terceiro disco, que verá a luz no primeiro semestre de 2022.

Considerado o maior acontecemento internacional para a difusión da música tradicional e de raíz de todo o mundo, Womex regresa este ano ao seu formato presencial itinerante, reunindo no Porto máis de 2500 profesionais arredor dun amplo programa de concertos en sete escenarios, conferencias, proxeccións, encontros e reunións, ademais da actividade feiral desenvolvida por 700 compañías expositoras. Entre os últimos destinos deste evento, atópanse Tampere (Finlandia) en 2019, As Palmas de Gran Canaria en 2018, Katowice (Polonia) en 2017 e as dúas entregas celebradas en Santiago de Compostela en 2016 e en 2014, para as que a organización contou tamén coa colaboración da Xunta.

Axudas para a asistencia a mercados

Ademais, a Consellería de Cultura, Educación e Universidade contribúe economicamente á presenza das empresas galegas nesta e noutras feiras internacionais do sector a través das subvencións ás actividades de distribución nas industrias culturais. A convocatoria deste ano, resolta o pasado mes de xullo, supuxo a adxudicación de 460.000 euros en axudas para levar a cabo máis de 500 concertos, funcións escénicas e accións de difusión en mercados profesionais en nove países e no resto de España.

Este é tamén o caso de BIME PRO, outra das grandes citas da industria musical a nivel internacional, que se celebra estes días en Bilbao coa asistencia de varias promotoras galegas. En canto á representación artística, o acordo da Xunta coa organización do Bizcaia International Music Experience garantiu a presenza galega no cartel de Bime City, que seleccionou para tal fin a Allova e Xisco Feijoó, aos que tamén se lles sumou Sés.

Os tres actuaron onte en diferentes salas da capital biscaíña no marco desta iniciativa, que lle dá voz ao talento emerxente coincidindo coas primeiras xornadas da novena edición do encontro profesional.

R., 2021-10-28

Actualidad

Foto del resto de noticias (estudantes.jpg) A Consellería de Educación vai dotar aos centros educativos de apoios específicos de acompañamento, formación e recursos materiais para desenvolver os novos programas de reforzo Avanza Lectura e Avanza Matemáticas, que se van poñer en marcha este curso en Primaria ao abeiro do novo Marco galego para o impulso educativo. O conselleiro Román Rodríguez reuniuse co Consello Escolar de Galicia para avaliar o inicio de curso e dar conta das accións da Xunta enfocadas a 'reforzar aprendizaxes apoiando a quen máis o precise, fomentar a cultura do esforzo e impulsar unha mellora integral e continua do sistema'.
Foto de la tercera plana (incendios-xente.jpg) O Consello da Xunta analizou na súa reunión de hoxe un informe da Consellería do Medio Rural sobre o anteproxecto de Lei de loita contra os incendios forestais de Galicia (LLCIF), antes da súa remisión para consulta ao Consello Forestal de Galicia, cuxa reunión está prevista para mañá martes. A futura normativa prioriza reforzar a protección da poboación e a xestión integral do territorio. O presidente do Goberno autonómico, Alfonso Rueda, lembrou que actual lexislación sobre incendios forestais 'ten case 20 anos' e 'cómpre actualizarla e adaptala aos novos tipos de lumes así como aos avances que houbo tanto na loita como na prevención de incendios'.

Notas

A Universidade de Santiago de Compostela presenta a súa programación para o Outono Cultural de 2026, unha proposta que reúne música, exposicións, audiovisual, teatro e formación, con novas iniciativas que amplían a oferta en materia de cultura da institución. Entre as principais novidades no campus compostelán destaca ‘Sons de peto’, un novo ciclo de música de pequeno formato pensado para un gran espazo como a Igrexa da Universidade.
Ecofeminismo, arte en contexto, comunidade, herdanza e territorio. Estes cinco conceptos guían ao longo desta semana os once artistas, investigadoras e investigadores que participan en Ons na residencia Geografía Poética, promovido pola profesora da Facultade de Belas Artes da UVigo Holga Méndez e a docente da Universidad de Zaragoza Belén Díez, no marco da rede europea Artistic Intelligence. Responsiveness, accessibility, responsibility, equity (ARTinRARE).
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES