Archivo (9 del 2025)

Buscador

Noticias

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, anunciou hoxe o inicio da produción en Galicia dun novo radiofármaco que facilita o diagnóstico de precisión do cancro de próstata avanzado. Durante o mes de agosto e os primeiros días de setembro puideron subministrarse as primeiras doses do radiofármaco, e a finais deste mes a unidade galega estará en condicións de abastecelo de xeito regular a todos os hospitais do Servizo Galego de Saúde. A produción destes radiofármacos ten un impacto moi positivo no sistema sanitario, posto que permite diagnósticos máis temperáns e precisos, especialmente en tumores, patoloxías cardíacas e enfermidades neurodexenerativas como o Alzhéimer.
A Xunta de Galicia vén de lanzar o Protocolo de actuación contra a violencia na infancia e na adolescencia no ámbito educativo, que ten como principal obxectivo que os docentes dispoñan das ferramentas axeitadas, así como dunha folla de ruta clara para activar ante a sospeita de que algún estudante poida estar sufrindo unha situación de violencia de calquera tipo e en calquera contexto. O protocolo establece o procedemento a seguir cunha actuación coordinada do persoal educativo que asegure unha resposta rápida e eficaz e sempre orientada á protección do menor. Nel fai fincapé tanto na prevención como na detección e intervención ante casos de violencia que os estudantes poidan sufrir tanto no propio centro como no seu ámbito social e familiar.
O festival Internacional Intersección da Coruña presentou hoxe a programación completa da súa oitava edición que se desenvolverá do 26 de setembro ao 4 de outubro para ofrecer máis de 100 de películas independentes de 17 países e situarse como punto de encontro do cinema contemporáneo. Na Sección Galicia competirán este ano 11 filmes que viaxan da memoria íntima á mitoloxía, u da exploración ecolóxica ás identidades disidentes. Destacan, neste sentido, as proxeccións de Deuses de pedra, de Iván Castiñeiras, Maldito Espírito, de Carlos Martínez-Peñalver e Alboroque, de Sabrina Fernández Casas.
Anunciouse esta mañá a adhesión de Galicia, e concretamente da xestión do turismo rural, aos principios da Carta Internacional de ICOMOS para o Turismo Cultural Patrimonial de 2022. A Carta de Turismo Cultural Patrimonial 2022 é unha guía para alcanzar un equilibrio entre a actividade turística, a participación dos residentes e demais sectores implicados, e a conservación e goce dos valores do lugar, así como a mitigación dos impactos climáticos e ambientais. O documento céntrase principalmente na xestión e planificación, a cooperación, a gobernanza compartida, a interpretación do patrimonio ou a sustentabilidade na planificación e xestión, entre outros. Manifestando publicamente a súa adhesión aos sete principios da Carta, Turismo de Galicia mostra o seu compromiso por situar a protección e conservación do patrimonio cultural no centro da planificación e xestión responsable do turismo cultural.
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, comprometeu hoxe unha nova Lei de Administración Local de Galicia para a presente lexislatura, que modernizará a organización local e simplificará burocracia. Cómpre lembrar que o Executivo galego xa lle vén reclamando ao Goberno central a aprobación de novos sistemas de financiamento que teñan en conta a dispersión, o envellecemento e o despoboamento do territorio galego. O presidente referiuse aos retos que enfrontan os municipios, como a profesionalización do seu persoal ou a fixación de poboación no rural, e subliñou que un dos sinais de identidade da Xunta é o compromiso sostido co municipalismo galego, especialmente tendo en contas as características demográficas e territoriais de Galicia, cun 90% dos concellos de menos de 15.000 habitantes.
O informe da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas cifra en 2.943 as vivendas de promoción pública en marcha diferentes fases de tramitación e execución na comunidade. Estas vivendas forman parte do traballo do Goberno galego para duplicar o parque público residencial, o que significa que neste momento a Xunta ten xa en marcha o 73 % dos novos fogares comprometidos para esta lexislatura. Cómpre recordar que en 2025 o Goberno galego triplicou o orzamento destinado á vivenda pública e solo residencial. O Informe reflicte así que neste momento, a Xunta de Galicia ten 2.943 vivendas de nova construción en marcha, o que supón un investimento xa licitado de 208 M€, e un total estimado de 451 M€.
A nova ferramenta, que se activará nos próximos días, está configurada como un cuestionario en liña, sinxelo e de fácil aplicación, que poderán empregar os docentes en calquera momento en que sexa necesario para obter información sobre o ambiente de convivencia na súa aula. Está prevista para ser utilizada, tal e como informou Rueda, nos últimos cursos de educación primaria (5º e 6º) e en secundaria, bacharelato e FP. Logo da decisión do profesor de activar o Termómetro Acoso Escolar, e unha vez que o alumnado o complete, xerarase de forma automática un informe detallado para a aula, que incluirá indicadores clave sobre a convivencia, o benestar emocional do grupo e a detección de posibles casos de acoso. Este informe servirá de base para a reflexión docente e para a toma de decisións pedagóxicas orientadas á mellora da convivencia e á intervención educativa cando sexa necesario.
Foi presentada a XLVII Semana de Cine de Lugo, que se desenvolverá entre os días 22 e 27 de setembro. O Grupo Cinematográfico Fonmiñá presentou un completo cartel que suma arredor de 200 proxeccións e actividades paralelas en cinco sedes. A Semana de Cine tamén servirá para homenaxear á actriz galega María Vázquez e a Enrique Muiño, 'O gaucho galego', que terán a súa placa no Paseo do Cine do parque de Frigsa, así como aos fotógrafos Atín Aya e Mercedes Vázquez. O programa complétase con outras actividades como unha mesa redonda sobre o alzhéimer, unha exposición sobre a Muralla de Lugo ou un concurso de escaparates.
Galicia xa ten identificados 1.600 elementos a incluír no futuro catálogo de bens de valor cultural no litoral. Un traballo que se desenvolveu en tan só dous meses desde a asunción das funcións e servizos en materia de ordenación e xestión do litoral por parte do Executivo galego. A Lei de ordenación e xestión integrada do litoral en Galicia (Loxilga), en vigor desde hai dous anos, converteu Galicia na primeira Comunidade Autónoma en regular por lei a totalidade da súa costa, exercendo desde o pasado 1 de xullo a súa xestión plena e efectiva co traspaso das funcións e servizos correspondentes. Este marco normativo supón un punto de partida que dota a Galicia da capacidade de actuar e planificar o futuro do seu litoral.
Galicia rexistrou o verán climatolóxico (xuño, xullo e agosto) máis cálido da serie histórica iniciada en 1961, cunha temperatura media de 21,1 graos, 2 graos máis do habitual neste período, segundo o informe elaborado por MeteoGalicia. Tomando como referencia a media das temperaturas mínima e máxima, cuxas anomalías foron 2,3 graos e 1,7 graos por riba do previsto, respectivamente, este período considérase extremadamente cálido. En concreto, o mes de xuño foi o máis cálido desde 1961 cunha temperatura media de 20,5 graos, 2,8 graos máis do normal. No caso da temperatura mínima -cunha desviación positiva de 2,6 graos- foi tamén o máis cálido da serie histórica, mentres que tendo en conta a media da temperatura máxima -3 graos superior ao habitual- foi o segundo máis cálido rexistrado ata o momento. Estes valores fan que este mes se considere extremadamente cálido.
« Anterior | 3  de  4 | Siguiente »

Archivo

2026 (17)

2025 (461)

PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES