Buscador
Noticias
O principais indicadores sobre a evolución do desenvolvemento e uso das tecnoloxías en Galicia manteñen unha tendencia de crecemento cara á súa universalización, segundo os datos do Observatorio da Sociedade da Información e Modernización de Galicia (OSIMGA), que esta semana presentou a súa memoria anual. O OSIMGA puxo en marcha en 2024 unha nova ferramenta de acceso público que emprega tecnoloxía de intelixencia de negocios (Business Inteligence BI) na que se pode consultar a evolución dos principais indicadores sobre cidadanía, empresas, sector tecnolóxico e Administración. Os indicadores chave deste cadro de mandos son os que mostran esta tendencia cara á universalización da sociedade da información.
O Instituto da Lingua Galega da USC (ILG) acaba de publicar, en colaboración coa Fundación Barrié e USC Editora, o Atlas Lingüístico Galego VIII. Léxico. O ser humano (III). Trátase do oitavo volume do Atlas Lingüístico Galego (ALGa), obra de investigación dialectolóxica amplamente recoñecida no eido dos estudos europeos 'pola rigorosidade dos seus datos e a excelencia das súas visualizacións cartográficas', explican. O novo tomo, froito do traballo dos profesores Rosario Álvarez, Francisco Dubert e Xulio Sousa, está constituído por 280 mapas que dan conta das variedades léxicas no dominio do galego para 259 conceptos vinculados á educación, a música, os xogos, as actividades de lecer, a relixión, as festas relixiosas e profanas, os seres míticos, as características psicolóxicas do ser humano e a roupa e o seu coidado.
A Xunta lembra as recomendacións á poboación para facer fronte á calor ante as temperaturas elevadas que se agardan entre hoxe e o xoves en diversas zonas de Galicia. Durante esta semana as altas presións están estacionarias ao norte da península ibérica con circulación do nordés. Con esta posición, o anticiclón achega unha masa de aire cálida procedente do sur da península ibérica e do norte de África que ocasiona un lixeiro aumento das temperaturas no sur de Galicia. Este aumento das temperaturas polo sur da comunidade deixará máximas durante o día de 30º e 35ºC entre o martes 29 e o xoves 31 na zona das Rías Baixas e no Miño de Pontevedra. Son temperaturas elevadas pero como se agardan mínimas entre 17º e 19ºC non se espera que sexan suficientes para xerar unha alerta por episodio de calor.
O festival de circo, clown e creatividade escénica Festaclown regresa cunha nova edición a Vilagarcía de Arousa, onde ofrecerá, entre o 18 e o 23 de agosto, unha programación ao aire libre para celebrar o circo contemporáneo e servir de encontro entre diferentes xeracións e culturas a través de espectáculos que combinan o humor e as acrobacias co compoñente solidario. O festival arrancará o luns 18 na praza de Galicia e diferentes rúas, polas que o artista catalán Nacho Flores levará unha peza de circo contemporáneo, moi poética e visual, con música en vivo e inspirada nun imaxinario mitolóxico, na que o protagonista cabalgará facendo equilibrios entre minotauros e cabalos de Troia.
O tránsito de xullo a agosto en Atardecer no Gaiás chega con Mocho Gris e La Toñi, dúas propostas pop diferentes para o ciclo de concertos ao aire libre na Cidade da Cultura. O xoves 31 de xullo o dúo galego-portugués formado por Lucas de Centi (líder das bandas galegas Néboa e Mel) e João Neves (artista luso colaborador de Baiuca) actuará no escenario da Praza central cunha proposta que reúne elementos do indie, da electrónica e do jazz para darlle unha volta á música pop de ambos lados do Miño. Mocho Gris presentará o seu disco debut, titulado 2, un álbum que atravesa os códigos do pop alternativo e da canción tradicional galega e portuguesa.
Nos catro días do SonRías Baixas pasarán por Bueu unha trintena de bandas e artistas de referencia no panorama musical estatal e galego, que abranguen estilos moi diversos e reflicten a heteroxeneidade da escena actual, con moitos dos grupos presentando os seus novos traballos desde os dous escenarios instalados nun recinto que contará coa súa propia área gastronómica e unha zona de acampada anexa. Así, no escenario principal FEST Galicia actuarán os cabezas de cartel desta nova edición do SonRías Baixas, onde o público poderá gozar dos concertos dos valencianos La Raíz, os galegos Baiuca e Sen Senra, a gaditana Judeline, as bandas madrileñas Cariño, Delaporte, Marlena, Nena Daconte e Carolina Durante, o catalán Alizzz, e NDLR (Ninhodelosrecaos).
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou hoxe que o Consello aprobou o Proxecto de lei de protección da saúde das persoas menores e prevención das condutas adictivas, que converterá Galicia en pioneira na regulación da venda e consumo de vapeadores e bebidas enerxéticas. Con esta norma, explicou, a nivel de restriccións 'as bebidas enerxéticas quedarán equiparadas ao alcohol e os vapeadores ao tabaco'. 'Galicia vai ser a primeira comunidade de España na que se prohíba a venda e consumo destes produtos aos menores de idade', resaltou Rueda.
O Comité Internacional de Expertos no Camiño reuniuse estes días no Pazo de Amarante, en Santiago. Unha xuntanza na que abordaron diversos asuntos que lles van permitir avanzar na programación relativa ao Xacobeo 2027 e que contou coa presenza do director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles. En concreto, a reunión serviu para debater sobre varias propostas de cara ao Ano Santo 2027, como a realización de varias exposicións ou o Congreso Internacional do Comité de Expertos que se prevé que se desenvolva nese ano. Tamén para o 2027, no mes de outubro, propúxose a participación do Comité nunha xornada en Núremberg sobre a peregrinación a Santiago.
A Xunta de Galicia inicia o proceso para a elaboración da Estratexia galega da paisaxe horizonte 2030 coa licitación do servizo de asistencia técnica para redactar o documento. O obxectivo principal deste contrato é prestar apoio ao Instituto de Estudos do Territorio (IET) co fin de realizar os traballos necesarios para configurar, elaborar e implementar a referida estratexia. Entre os traballos a desenvolver inclúense deslindar e concretar todas as liñas de acción que materializarán as políticas autonómicas neste eido, identificar as actuacións dos diferentes departamentos da Xunta que concorden coas liñas de acción das políticas de paisaxe, ou identificar actuacións doutras administracións que sexan susceptibles de xerar posibles mecanismos de colaboración.
Do total das 21 etapas que compoñen esta edición de La Vuelta , tres desenvolveranse por solo galego. En concreto, o paso por Galicia deste certame será entre o 7 e o 10 de setembro. O día 7, na etapa 15, o grupo de competidores entrará na comunidade desde Asturias, no tramo A Veiga/Vegadeo-Monforte de Lemos. Tras dunha xornada de descanso, a competición retómase o día 9 coa etapa 16, que vai de Poio a Mos -rematando en concreto no Castro de Herville-. O día 10 de setembro, La Vuelta despídese da comunidade galega coa etapa 17, que por primeira vez sairá desde O Barco de Valdeorras para chegar, 143 quilómetros despois, ao Alto de El Morredero, xa en Ponferrada.