
O Proxecto de lei aprobado hoxe polo Consello da Xunta incorpora diferentes achegas dos sectores implicados, de organismos públicos, de entidades sociais e da cidadanía e será agora remitido ao Parlamento de Galicia, co obxectivo de que 'poida ser aprobado antes de que remate este ano', indicou Rueda. 'Trátase dunha norma necesaria, valente e ambiciosa coa que buscamos unha acción coordinada de toda a sociedade para protexer a saúde dos menores', engadiu o conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño.
Desta forma, a Xunta é a primeira Administración en elaborar un proxecto normativo que abrangue todos os riscos de comportamento para os menores de idade, incluídos produtos emerxentes. Tal e como explicou o conselleiro parte dun enfoque integral e transversal, que aborda 'tanto adiccións con substancias como sen substancia (xogo, tecnoloxías...)' e combina a prevención, a promoción da saúde co control da oferta.
As medidas recollidas na Lei fundaméntanse na evidencia científica e en resultados da enquisa nacional Estudes elaborada polo Ministerio de Sanidade entre estudantes de Secundaria.
Segundo os datos do informe de 2023, con 14 anos o 41,5 % da cativada xa probou algunha vez os vapeadores. En concreto, o 45,9 % das nenas e o 37 % dos nenos e con maior porcentaxe nas rapazas de todas as idades. En cambio, o consumo de tabaco é notablemente inferior, dun 17,2 % en nenas e nenos de 14 anos e tamén sempre superior no sexo feminino con respecto ao masculino.
Debido a que os cigarros electrónicos conteñen elementos tóxicos aínda sen ter nicotina, o Proxecto de lei prohibe a súa venda e consumo a menores.
Amplíase, ademais a prohibición de fumar aos accesos de centros da administración pública, centros educativos e sanitarios, nos que non se permite fumar, nun radio de 50 metros.
Para reducir o número de fumadores pasivos, 'tampouco estará permitido fumar nas marquesiñas de transporte público nin nas piscinas de uso público', indicou o conselleiro.
Riscos das bebidas enerxéticas en menores
As bebidas enerxéticas que conteñen 32 mg ou máis de cafeína por cada 100 ml e outros ingredientes estimulantes equivalen a beber tres cafés, o que se considera excesivo para menores. En adolescentes, inxestións superiores a 60 mg poden afectar o sono e, a partir de 160 mg, poden xurdir alteracións psicolóxicas e de comportamento, ademais de trastornos cardiovasculares.
Por este motivo Galicia será pioneira a nivel nacional na súa prohibición de venda e consumo por parte de menores, unha medida que tomaron polo de agora países europeos como Polonia ou Letonia.
Para contribuír á concienciación social sobre o contido destas bebidas, 'os establecementos deberán situalas nun espazo separado con respecto aos refrescos', indicou Gómez Caamaño.
O consumo destas bebidas é habitual entre a xuventude mesturado con alcohol, o que incrementa os riscos de coma etílico. Neste sentido, a Consellería de Sanidade establece que os servizos sanitarios solicitarán a presenza das familias do menor que teña que ser atendido por intoxicación provocada polo consumo dalgunha substancia psicoactiva proporcionándolle asesoramento e recursos de axuda preventivos e asistenciais.
No suposto de que sexa atendido por segunda vez, ofrecerase participar nun programa de axuda e recomendarase a participación do adulto responsable.
Con respecto ao alcohol, a Xunta incidirá no papel de exemplo cara á infancia que teñen os adultos e non estará permitida a venda en centros docentes, centros de lecer infantil e outros centros de recreo dirixidos a menores ou en recintos destinados a espectáculos públicos durante actividades dirixidas a este tipo de audiencia.
Prohíbese a promoción de bebidas alcohólicas en establecementos onde estea autorizado o consumo no propio local, mediante prácticas que inciten ao consumo excesivo ou descontrolado.
Ademais, as máquinas expendedoras só poderán ofrecer bebidas alcohólicas cando dispoñan de sistemas que permitan acreditar a maioría de idade.
Foco na promoción da saúde
O Proxecto de lei incorpora como novidade a posibilidade de substituír as sancións pola participación en programas preventivos ou asistenciais como, por exemplo, programas de cesación tabáquica ou de concienciación sobre os prexuízos de beber alcohol, fumar ou consumir cánnabis, ou, tamén, traballos en beneficio da comunidade, preferentemente relacionados coa conduta infractora.
En liña coas suxestións recibidas por parte de organismos públicos, empresas dos sectores implicados, entidades sen ánimo de lucro e cidadanía, incídese na prevención no ámbito familiar, escolar, comunitario e sanitario.
En concreto, nos controis do programa de saúde infantil a partir dos 12 anos incorporaranse intervencións preventivas de cribado e intervención do consumo de alcohol, tabaco, cánnabis, bebidas enerxéticas e uso problemático das tecnoloxías dixitais.
No referente ás competencias das distintas administracións, o Proxecto de lei define as mesmas competencias para os entes locais que as establecidas na Lei de 2010 de prevención do consumo de bebidas alcohólicas en menores e que foi pioneira a nivel estatal cando se permitía beber viño ou cervexa con menos de 18 anos. De feito, a nova norma traslada a competencia na imposición de sanción relativas ao botellón dos concellos aos departamentos territoriais de Sanidade.
Para garantir a coordinación institucional, crearase unha comisión en materia de prevención das adiccións en Galicia que estará integrada por responsables das áreas da Xunta competentes en materia de sanidade, educación, xogo, xuventude e protección da infancia, ademais das administracións locais e entidades sociais que realizan o seu labor no ámbito da prevención das adiccións, cos que se prevé asinar convenios de colaboración.
O Consello da Xunta analizou na súa reunión de hoxe un informe da Consellería do Medio Rural sobre o anteproxecto de Lei de loita contra os incendios forestais de Galicia (LLCIF), antes da súa remisión para consulta ao Consello Forestal de Galicia, cuxa reunión está prevista para mañá martes. A futura normativa prioriza reforzar a protección da poboación e a xestión integral do territorio. O presidente do Goberno autonómico, Alfonso Rueda, lembrou que actual lexislación sobre incendios forestais 'ten case 20 anos' e 'cómpre actualizarla e adaptala aos novos tipos de lumes así como aos avances que houbo tanto na loita como na prevención de incendios'.
Galicia é a rexión que máis solicitudes presentou en Europa para participar en proxectos interrexionais de I+D+i. Así o indican os datos da Vanguard Initiative, alianza europea da que a nosa Comunidade forma parte, xunto a outras rexións, para estimular o crecemento europeo da I+D+i a través da colaboración entre territorios de distintos países e a especialización intelixente. Precisamente a Xunta vén de publicar a convocatoria VInnovate Galicia, unha liña de axudas para organismos de investigación e empresas que presenten proxectos con outras rexións. Para poder candidatar á convocatoria VInnovate Galicia da Xunta, cuxo prazo de presentación de propostas está aberto desde hoxe ata o 19 de outubro, os posibles participantes teñen que presentarse antes á fase europea.