Archivo (6 del 2025)

Buscador

Noticias

O festival Meirasland incorpora este ano a música electrónica á oferta dos Concertos do Xacobeo. A segunda edición desta cita que terá lugar o próximo 9 de agosto no campo da festa do Porto, en Meirás. Entre os primeiros nomes confirmados do evento destacan Alvama Ice, un dos referentes urbanos do momento e o DJ compostelán Kike Varela. Ademais da vertente musical, a oferta do festival incluirá foodtrucks, zonas de descanso e actividades paralelas para todos os públicos.
Na edición deste ano, Galicia volve situarse entre as Comunidades Autónomas con máis bandeiras azuis do Estado, cun total de 137 distintivos: 108 en praias, 12 en portos deportivos e 17 en centros azuis. A estes súmanse 54 sendeiros azuis recoñecidos no primeiro trimestre do ano, o que supón un total de 191 galardóns, dous máis que en 2024. Con estas cifras, Galicia mantense como a terceira Comunidade con máis bandeiras e lidera a nivel estatal o número de rutas azuis, que suman preto de 400 quilómetros. Incorpóranse nesta edición a praia de Mende, en Vigo, o Liceo Marítimo de Bouzas, o Museo do Mar de Sorrizo (Arteixo) ou o Visor Nautilus, nas instalacións da Autoridade Portuaria de Vigo.
As curtametraxes volven formar parte do Ciclo de Cinema Mestre Mateo, que levará os oito filmes curtos de ficción e animación finalistas e gañadores da última edición dos Premios Mestre Mateo a 24 concellos das catro provincias localizados fóra da contorna das grandes cidades e que non contan cunha oferta de salas comerciais estables. O programa, dividido en dúas sesións, inclúe os filmes finalistas nas categorías de Mellor Curtametraxe de Animación e Mellor Curtametraxe de Imaxe Real da última edición dos devanditos galardóns. No bloque de ficción poderán verse Pura, de Carmen Méndez; Véxote, de Óscar Pardo; Nai, de Tito Refoxo; e Platónico, Platónica, de Xacio Baño. Na categoría de animación exhibiranse Eu vou comigo, dirixida por Chelo Loureiro; Sinapse, de Carlos Cuesta; Avetimología, de Xosé Zapata; e Noites de prata, de Soraya Antelo.
O título da mostra, que poderá visitarse no Museo de Belas Artes ata o 14 de decembro, xorde das dúas grandes obras que Isaac realizou en distintas épocas sobre o relato mitolóxico da nave do barqueiro do inframundo. O tema, que insinúa a viaxe do pobo galego cara ao seu destino, evoca aquí o propio percorrido creativo do artista. Así, a exposición artéllase en cinco seccións coas que se pretende amosar esa traxectoria, desde os seus inicios pictóricos e a transición da pintura á cerámica, pasando polos seus grandes proxectos como Cerámicas do Castro, o seu labor no Laboratorio de Formas xunto con con Luís Seoane ou o seu papel nos deseños de Sargadelos. A exposición completarase con actividades paralelas cun ciclo temático de conferencias, un curso a cargo do profesor e crítico Alberto Cartón e visitas guiadas para centros escolares, asociacións culturais e público en xeral. Unha programación destinada a difundir o legado de Isaac Díaz Pardo.
Memorias dun neno labrego, de Xosé Neira Vilas, e Hamlet, de William Shakespeare, serán as producións centrais do Centro Dramático Galego para a próxima temporada 2025-2026, na que porá o foco nos clásicos tanto galegos como universais. A unidade teatral acaba de lanzar a convocatoria do proceso de selección dos 23 intérpretes destes espectáculos, que teñen prevista a súa estrea para o primeiro semestre de 2026. Das prazas convocadas, sete corresponden ao elenco da adaptación teatral do emblemático libro de Xosé Neira Vilas, para o que o CDG contará na dramaturxia e dirección con Cándido Pazó. Da súa man, o personaxe de Balbino volverá cobrar vida nunha proposta evocadora que combinará teatralidade e poesía.
'Castelao. Mirar por Galicia' incluirá unha experiencia inmersiva con videoproxección cúbica: un resumo do periplo vital e creativo de Castelao, relatado en primeira persoa, que presentará tamén unha selección de obras dotadas de vida mediante técnicas de animación 3D e intelixencia artificial nunha recreación artística do seu espírito creativo. Ademais, estase a realizar un traballo de recreación da voz do intelectual, da que se conserva un único rexistro sonoro: a mensaxe que gravou en fonopostal na Central de Correos de Bos Aires, co gallo da estrea de Os vellos non deben de namorarse en Montevideo en 1941, conservada no Arquivo Sonoro de Galicia do Consello da Cultura Galega. O arquivo someteuse a un depurado do son para, a continuación, adestrar unha intelixencia artificial para reproducir con fidelidade o timbre, entoación e textura da voz.
Galicia acada en maio o nivel de desemprego máis baixo de toda a súa serie histórica (desde 1996), con 111.641 parados, rexistrando ademais un descenso tanto na evolución anual (-8,52) como na mensual (-3,38), en ambos casos a un ritmo superior ao reflectido na media do Estado. Trátase do segundo mínimo histórico consecutivo tras o rexistrado no mes de abril, con 115.545 persoas paradas. Ademais, acada o mellor nivel de afiliacións á Seguridade Social nun mes de maio de toda a serie (2004), con 1.094.806 persoas, e a segunda cifra histórica máis alta, rozando o máximo absoluto rexistrado en xullo de 2008 (1.094.898), cunha diferencia de só 92 persoas.
« Anterior | 1  de  1 | Siguiente »

Archivo

2025 (223)

2024 (514)

PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES