Noticias

Grupo Chévere, Paula Quintas Cía. e Pérez & Fernández representan a Galicia no programa 'Camiño Escena Norte'

O programa de intercambio cultural Camiño Escena Norte presentou en Santander as principais novidades da súa sétima edición, que terá lugar do 12 de setembro ao 26 de outubro coa participación de 18 compañías de teatro, circo, danza e artes do movemento de Galicia, Asturias, Cantabria, País Vasco, Navarra e, como nova incorporación en 2025, A Rioxa. Nesta iniciativa poderán verse os espectáculos procedentes das outras cinco comunidades autónomas, mentres que as compañías Chévere, Paula Quintas Cía. e Pérez & Fernández foron seleccionadas para xirar polo resto dos territorios en representación das nosas artes escénicas.

O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, participou neste acto oficial, celebrado no Palacio de Festivales de Cantabria, xunto aos representantes dos outros gobernos autonómicos implicados e da organización do circuíto pola banda cántabra. Na súa intervención, explicou que a Xunta mantén a súa aposta e compromiso con este proxecto, ao que apoia desde o seu nacemento en 2018 e do que destacou non só a oportunidade para a proxección exterior das artes escénicas galegas, senón tamén a posta en valor do Camiño do Norte, o acceso do público a propostas doutros panoramas escénicos, o intercambio profesional ou o compoñente formativo.

Espectáculos galegos

Ao respecto da selección galega, cos espectáculos Helen Keller, a muller marabilla? do Grupo Chévere, Multiperspectivas#3 de Paula Quintas Cía. e a versión en castelán da montaxe para público familiar Nanai da China, de Pérez & Fernández, o representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude sinalou que se trata dun exemplo do noso “enorme capital escénico”, para o que Camiño Escena Norte funciona como unha gran ferramenta para se atopar co público de fóra de Galicia. Estas tres propostas foron seleccionadas a partir do Catálogo de espectáculos recomendados Camiño Escena Norte, que funciona como selo de calidade para a promoción e o apoio á distribución das compañías que o integran por todo o territorio español.

Sutil expresou o seu agradecemento ao Goberno cántabro e á Asociación Cántabra de Empresas de Artes Escénicas como anfitrións da presentación desta nova entrega da iniciativa, que promoven os principais colectivos empresariais do sector en cada un dos territorios, con Escena Galega como representante da nosa Comunidade.

Sementar, coidar e xermolar é o lema desta sétima edición e inspira, así mesmo, o cartel realizado pola deseñadora cántabra Isabel de la Sierra. Cantabria será, así mesmo, a comunidade que inaugurará a nova sección Focos, programa de actividades de dinamización sectorial e promoción exterior que cada ano estará protagonizado por un dos territorios de Camiño Escena Norte.

R., 2025-06-25

Actualidad

Foto del resto de noticias (alume-app.jpg) A loita contra os incendios forestais suma un novo aliado tecnolóxico ao servizo de toda a sociedade. A aplicación móbil ALume, deseñada para facilitar que calquera persoa poida dar a alarma sobre un foco de lume de forma inmediata e precisa, xa se atopa plenamente operativa e dispoñible para a súa descarga de balde nas plataformas Android e iOS. O obxectivo principal desta ferramenta é potenciar a detección temperá dos incendios forestais. Nunha emerxencia no monte, os primeiros minutos son decisivos para evitar que un foco inicial se converta nun gran incendio; por iso, ALume nace para acurtar os tempos de aviso e facilitar ao servizo de extinción datos exactos antes de despregar os medios sobre o terreo. Cabe sinalar que a aplicación leva xa 7.000 descargas e 200 notificacións que axudaron ao operativo.
Foto de la tercera plana (titiribeira-2026.jpg) Un dos grandes atractivos desta undécima edición será a estrea de dez novos espectáculos, todos eles impulsados por compañías galegas, un dato que evidencia o dinamismo creativo do sector dos monicreques na Comunidade. A programación abrirase coa nova versión de A festa dos títeres, presentada por Viravolta, Vai de Roda e Títeres Alakrán, para continuar coa estrea de Treco-lerias, de Trécola Producións, e A rosa de papel, adaptación ao teatro de monicreques do texto de Valle-Inclán realizada por Alakrán.

Notas

'Dálle á lingua' é un proxecto de divulgación lingüística da USC que se desenvolverá en colaboración con bares de diversas localidades galegas. O seu obxectivo é 'poñer a lingüística sobre a mesa', literalmente, a través de pousavasos de dobre cara que ofrecerán información para desmontar mitos sobre diversos temas relacionados coa lingua e a lingüística. A iniciativa que agora bota a andar busca locais interesados en participar. Ademais, os establecementos inscritos participarán nunha competición, denominada Liga Mente e Palabra.
A Universidade da Coruña desenvolverá durante os próximos tres anos o proxecto 'INTERLYNX: Estudo paleomolecular da interacción interespecífica de poboacións de lince antigo na conca do Mediterráneo occidental', unha investigación financiada pola Axencia Estatal de Investigación (AIE) dentro da convocatoria de Proxectos de Xeración de Coñecemento 2025.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES