Buscador
Noticias
Ao longo do encontro poderán verse 67 pezas procedentes de máis dunha ducia de nacionalidades. Serán 13 os filmes que compitan na sección oficial, dos que oito están dirixidos por mulleres. Deste xeito, a mostra, dirixida por Ana Estévez Lavandeira, volve un ano máis a darlle visibilidade ao traballo das realizadoras e directoras, o que supón un 50 % na programación desta edición. Ao mesmo tempo, o foco está posto na ollada do cinema etnográfico sobre o político, os rituais, o seu poder simbólico ou os espazos nos que se tecen as súas prácticas, relacións e significacións.
Un CanSat é unha simulación satélite integrada dentro dunha lata de refrescos. O desafío para o alumnado consiste en introducir nun espazo reducido os principais elementos dun satélite real, como a alimentación eléctrica, os sensores e o sistema de comunicacións. A continuación, lánzase o CanSat a unha altura aproximada dun quilómetro e déixase caer desde unha plataforma mediante un dron, un globo cativo, un foguete ou calquera outro método. O experimento científico consiste en lograr unha aterraxe sen danos e a análise dos datos durante o descenso.
Galicia participa cun espazo propio dentro do expositor de Turespaña, coordinado pola Oficina Española de Turismo en Berlín, con mostradores de información e unha área específica de encontros de traballo. No espazo galego está tamén representado o Clúster Turismo de Galicia, que asiste á feira en misión comercial con diferentes empresarios e profesionais do sector turístico galego. O ano pasado aloxáronse nos establecementos turísticos galegos máis de 170.000 viaxairos alemáns que fixeron preto de 300.000 noites, superando un 8,2% o volume de noites do ano anterior, así como os niveis previos á pandemia, nun 9,7% neste caso. O ano pasado rexistráronse maiores incrementos na tempada baixa fronte á media e alta no mercado alemán, que incrementou a súa estadía un 3%.
Un total de seis institutos e centros integrados de FP veñen de alzarse cos premios do concurso Eduemprende Idea 2023, un certame impulsado polas Consellerías de Cultura, Educación, FP e Universidade e de Promoción do Emprego e Igualdade co obxectivo de incentivar a realización de proxectos empresariais entre o alumnado das ensinanzas de FP, deportivas ou de artes plásticas e deseño. As persoas participantes debían presentar ideas de negocio orixinais que puideran dar lugar ao desenvolvemento de novas empresas, promovendo, deste xeito, a cultura emprendedora entre o alumnado galego.
O filme Tratamos demasiado bien a las mujeres, de Ficción Producciones, estreouse esta pasada noite no Festival de Málaga como parte da ampla participación do audiovisual galego na 27º edición do certame, especializado en cine español e iberoamericano, que exhibe estes días unha decena de títulos con produción galega e moitas outras obras con talento galego nos equipos artísticos e técnicos. Dirixida por Clara Bilbao na súa ópera prima e con guión de Miguel Barros, Carmen Machi e Antonio de la Torre encabezan un reparto coral que inclúe os galegos Luis Tosar, Diego Anido, Cris Iglesias ou Iván Marcos, entre outros. Trátase dunha comedia negra de maquis ambientada nos Pirineos, que chegará ás salas de cinema o 15 de marzo distribuída por Filmax.
A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade en funcións, Elena Rivo, valorou hoxe os datos de paro rexistrado e de afiliacións á Seguridade Social en Ourense, onde indicou que a cifra de desemprego acadada en Galicia en febreiro -130.583- é a máis baixa neste mes desde que hai serie histórica (1996), é dicir, desde hai 28 anos. O paro caeu na evolución anual (-9,38%) e na mensual (-0,40%), superando nas dúas variables os descensos acadados na media do Estado, ao tempo que creceron as afiliacións nas comparativas anual e mensual. Con respecto a febreiro de 2023, Galicia é a 4ª comunidade autónoma na que máis baixou o paro, en termos absolutos e relativos.