Archivo (3 del 2024)

Buscador

Noticias

As deputacións provinciais galegas son entidades financeiramente saneadas. Presentan un endebedamento moi baixo e mesmo nos anos de recesión económica constátase un saldo orzamentario axustado positivo. O groso dos seus orzamentos destínase a infraestrutura, servizos sociais e transferencias a outras administracións. Ourense e Lugo son as que contan con máis recursos por habitante. Estas son algunhas das conclusións recollidas nun informe feito público este luns polo Observatorio Municipal Galego, da Rede Localis, no marco das actividades da Cátedra de Bo Goberno Local da Universidade de Vigo.
O conselleiro de Sanidade en funcións, Julio García Comesaña, urxiu hoxe de novo ao Goberno de España a “non perder un minuto máis e acelerar dunha vez as reformas precisas dentro das súas competencias” para abordar o problema de déficit de especialistas en medicina de familia que está a sufrir o Sistema Nacional de Saúde. Comesaña referiuse á aprobación onte mesmo, na Comisión de Sanidade do Congreso dos Deputados, dunha iniciativa que reproducía de xeito literal os puntos do “Manifesto de conselleiros de Sanidade para a toma de medidas estatais urxentes en materia de atención primaria” que fora promovido en 2022 polos gobernos galego e vasco, e ao que se foron adherindo progresivamente outros gobernos autonómicos de distinto signo político ata chegar a obter o apoio de 14 dos 17.
Xosé Luís Pensado (Negreira, 1924- Salamanca, 2000) foi un filólogo, lingüista e profesor que, entre outros aspectos, dedicou parte da súa vida á edición da obra do ilustrado frei Martín Sarmiento. Estudou os dous primeiros cursos de Filosofía e Letras en Santiago para trasladarse despois a Madrid, onde cursou a especialidade de Filoloxía Románica e fixo a tese de doutoramento con Dámaso Alonso, con quen traballou ata que en 1957 gañou por oposición a cátedra de Filoloxía Románica da Universidade de Oviedo.
Presentouse o programa da décima edición de Escenas do cambio na Cidade da Cultura, unha cita que consolida a aposta por xerar espazos para o desenvolvemento da vangarda nas artes escénicas. Dirixido pola bailarina e coreógrafa Kirenia Martínez, este aniversario, que decorrerá entre os días 3 e 5 de maio, concíbese como unha celebración da traxectoria do festival e da súa capacidade transformadora. O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, destacou na presentación o carácter rompedor e diverso do festival, no que o público poderá gozar de 13 propostas que desafían, nos seus procesos e resultados, os límites da creación artística.
Galicia e Portugal colaborarán ata 2026 na mellora da selección e tratamento de residuos de envases mediante o uso da intelixencia artificial a través do proxecto europeo Gresint. Esta iniciativa, que conta cun orzamento de preto de 800.000 euros, contribuirá a modernizar as infraestruturas existentes de xestión de residuos e optimizar os seus resultados. Os traballos incluirán a instalación de novos sensores en cintas e motores das plantas de tratamento de Cerceda e Porto, co obxectivo de separar mellor os residuos; o uso de dispositivos para detectar de xeito áxil os materiais que non poden recuperarse; e o emprego de intelixencia artificial e de robots para axilizar todo o procedemento.
Coincidindo co 20 aniversario da creación da Rede Temática de Investigación Las Literaturas Infantiles y Juveniles del Marco Ibérico e Iberoamericano (LIJMI), celébrase o Seminario Internacional Investigación e Crítica na Literatura Infantil e Xuvenil (2004-2024), que se desenvolve no compostelán Pazo de San Roque coa colaboración do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades e do grupo de investigación universitario LITER21. A Rede Temática de Investigación Las Literaturas Infantiles y Juveniles del Marco Ibérico e Iberoamericano é un grupo multidisciplinar e multicultural composto por profesorado de distintos ámbitos lingüísticos ibéricos e iberoamericanos que achegan claves estéticas para xulgar o feito literario.
O presidente da Xunta en funcións, Alfonso Rueda, anunciou hoxe o reforzo con 3,6 millóns de euros da Rede galega de acollemento a vítimas de violencia de xénero que irán destinados a mellorar as dez casas de acollida ou vivendas tuteladas repartidas por toda a Comunidade, á vez que para crear un novo centro no Porriño, que estará especializado en atender aquelas vítimas con algún trastorno aditivo.
Celebrouse a reunión da asemblea e o consello superior da Agrupación Europea de Cooperación Territorial (AECT) da Eurorrexión Galicia - Norte de Portugal, na que se aprobou o plan de actividades e o orzamento do organismo para este exercicio. Neste encontro fíxose balance das principais levadas a cabo pola entidade ao longo de 2023, entre elas, a sinatura o pasado novembro do protocolo co Consello Sindical Interrexional Galicia- Norte de Portugal, para mellorar as condicións socio-laborais dos traballadores transfronteirizos; a celebración do 2º Encontro de AECT Ibéricas en materia de cooperación transfronteiriza ou o 1º Seminario de Directores e Editores de Medios de Comunicación da Eurorrexión organizado o pasado xuño co obxectivo de debater a situación no sector e encontrar novas vías de colaboración.
Reuníronse hoxe de forma telemática os responsables de Medio Rural das comunidades da Cornixa cantábrica para avanzar nunha ampla alianza común -na que tamén participan as organizacións profesionais agrarias e cooperativas de Galicia- co fin de reclamar, de maneira conxunta, maior flexibilidade na PAC e a súa adaptación á realidade destes territorios. Este encontro coincide no tempo co que celebra en Madrid o Órgano de Coordinación do PEPAC, no que participan as comunidades autónomas -entre elas Galicia- e o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación. Nesta xuntanza de carácter técnico púxose de manifesto, a xuízo da Xunta, que a Comisión Europea está sendo mesmo “máis ambiciosa” que o Ministerio á hora de abrirse á flexibilización da PAC, grazas á presión negociadora das comunidades autónomas.
Neste Plan anual 2024, enmarcado no V Plan Director da Cooperación Galega 2023-2026, recóllese a publicación das convocatorias plurianuais de subvencións para proxectos de cooperación no exterior e outros axentes de cooperación, de Educación para o Desenvolvemento e a Cidadanía Global, a convocatoria anual de acción humanitaria e a de 6 bolsas de formación para persoas expertas en cooperación internacional para o desenvolvemento. Ademais, neste ano manterase a liña financeira para axuda humanitaria ou de emerxencia co obxectivo de dar resposta por parte da Xunta cando se produza un chamamento internacional por mor dunha catástrofe ou crise humanitaria.
« Anterior | 3  de  5 | Siguiente »

Archivo

2024 (209)

2023 (515)

PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES