Noticias

Galicia traballa a prol dunha 'alianza cantábrica' para esixir ao goberno unha flexibilización da PAC 'real e adaptada aos nosos territorios'

Reuníronse hoxe de forma telemática os responsables de Medio Rural das comunidades da Cornixa cantábrica para avanzar nunha ampla alianza común -na que tamén participan as organizacións profesionais agrarias e cooperativas de Galicia- co fin de reclamar, de maneira conxunta, maior flexibilidade na PAC e a súa adaptación á realidade destes territorios. Este encontro coincide no tempo co que celebra en Madrid o Órgano de Coordinación do PEPAC, no que participan as comunidades autónomas -entre elas Galicia- e o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación. Nesta xuntanza de carácter técnico púxose de manifesto, a xuízo da Xunta, que a Comisión Europea está sendo mesmo “máis ambiciosa” que o Ministerio á hora de abrirse á flexibilización da PAC, grazas á presión negociadora das comunidades autónomas.

O conselleiro do Medio Rural en funcións, José González, reuniuse hoxe de forma telemática cos seus homólogos das comunidades da Cornixa cantábrica para avanzar nunha ampla alianza común -na que tamén participan as organizacións profesionais agrarias e cooperativas de Galicia- co fin de reclamar, de maneira conxunta, maior flexibilidade na PAC e a súa adaptación á realidade destes territorios. Na videoconferencia convocada desde Galicia participaron, ademais do representante da Xunta, Marcelino Marcos, consejero de Medio Rural y Política Agraria do Principado de Asturias; Pablo Palencia, consejero de Desarrollo Rural, Ganadería, Pesca y Alimentación do Goberno de Cantabria e Arantxa Tapia, consejera de Desarrollo Económico, Sostenibilidad y Medio Ambiente e Bittor Oroz, viceconsejero de Agricultura, Pesca y Política Agroalimentaria, ambos do Goberno Vasco.

Segundo explicou o conselleiro galego, o que se pretende con estas xuntanzas -a de hoxe e a do luns cos representantes do sector- é continuar incorporando consensos para reforzar a posición de Galicia e o resto dos territorios da España húmida diante da negociación entre o Goberno central e as comunidades autónomas para modificar o Plan Estratéxico da PAC, o chamado PEPAC.

Este encontro coincide no tempo co que celebra en Madrid o Órgano de Coordinación do PEPAC, no que participan as comunidades autónomas -entre elas Galicia- e o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación. Nesta xuntanza de carácter técnico púxose de manifesto, a xuízo da Xunta, que a Comisión Europea está sendo mesmo “máis ambiciosa” que o Ministerio á hora de abrirse á flexibilización da PAC, grazas á presión negociadora das comunidades autónomas.

Por iso, neste sentido José González sinalou que do que se trata é de tentar consolidar unha alianza cantábrica, porque “estamos vendo que, da mesma forma que na negociación da PAC a unión destes territorios foi positiva, entendemos que agora temos que volver ter esa unión”, remarcou. Así, -indicou o conselleiro- ao igual que se fixo coas organizacións agrarias, se lles pediu a estas comunidades que trasladen as súas propostas para enriquecer a batería de medidas nas que está traballando Galicia, con demandas claves para o futuro do sector, arredor das políticas estatais e comunitarias.

Deste xeito, como exemplos de reclamacións concretas, o conselleiro mencionou a redución da carga burocrática que soportan agricultores e gandeiros derivada da nova PAC, a voluntariedade do caderno dixital das explotacións e a non aplicación da normativa vencellada á figura do veterinario das explotacións. Sobre as trabas da burocracia, José González subliñou que estas “vense moi agravadas por circunstancias coincidentes na Cornixa cantábrica”, caso do minifundismo, a pluviometría, o relevo e o tamaño das explotacións ou os tipos de solo, entre outras.

Nesta liña, José González advertiu que as propostas de modificación do PEPAC realizadas ata o de agora polo Ministerio de Agricultura son “insuficientes” e non se adecúan nin a Galicia nin ao resto da Cornixa cantábrica, xa que “teñen moito máis en conta á España mediterránea que á húmida”.

Adaptar os ecorrexímenes e a condicionalidade reforzada aos territorios

No mesmo sentido, o conselleiro insistiu en demandar a modificación dos ecorrexímenes e a chamada “condicionalidade reforzada”, para adaptarse á realidade específica da Cornixa e non prexudicar os seus agricultores e gandeiros. Nesta liña, González advertiu que “non hai ningún produtor que estea en contra das esixencias medioambientais da PAC, pero se están poñendo enriba da mesa ecorrexímenes imposibles de cumprir” para os agricultores e gandeiros destes territorios.

Así, sobre a condicionalidade, considérase que deberían reducirse ou adaptarse determinados requisitos non axeitados para a Cornixa e que resultan moi difíciles de cumprir nas explotacións galegas e dos demais territorios cantábricos.

Canto aos ecorrexímenes, insístese en que os do Plan Estratéxico da PAC (Pepac) non están adaptados a estas zonas e apenas tres das sete prácticas actuais teñen viabilidade no territorio cantábrico. Desta forma, proponse mellorar os relativos ao pastoreo extensivo, ás illas de biodiversidade e á rotación de especies mellorantes e introducir outros novos.

Entre estes últimos estarían o de cultivos tradicionais de baixos insumos, con especial referencia ao grelo; o de cultivos existentes, como a pataca e as especies hortícolas -que en Galicia se producen de xeito máis sustentable- ou o de pastoreo con vacún de aptitude cárnica, ovino, cabrún e mesmo equino en zonas con elevado risco de incendios forestais. En relación con estas propostas, o conselleiro advertiu que todas elas xa foron trasladadas ao Ministerio ao longo da negociación do novo PEPAC e que “están avaladas polas organizacións profesionais agrarias”, sen que se tiveran en conta. A maiores, José González tamén explicou que se está procurando unha alianza común para fixar unha posición conxunta en cuestións estratéxicas para o futuro do agro, a nivel estatal e comunitario. Nesta liña, referiuse ao documento, actualmente en elaboración, que conten diferentes demandas, entre elas a revisión de toda a normativa nacional derivada das directivas europeas da nova PAC, con especial énfase na necesidade de reducir a burocracia.

Instar ao Goberno a modificar a Lei da Cadea Alimentaria

Tamén se quere procurar consensos para reclamar igualdade nas regras de xogo nos mercados para todos os produtores, de forma que nos tratados internacionais con terceiros países se inclúan cláusulas espello que garantan un trato idéntico para todos os produtos. Sobre os prezos, úrxese ao Goberno á modificación da Lei da cadea alimentaria para que se cumpra dun xeito efectivo. Por parte da Xunta, en concreto, reclámase a introdución de mecanismos como os deseñados por Galicia -Contaláctea e Contacarne- e traballar en coordinación coas comunidades autónomas para que os prezos que perciben os agricultores e gandeiros cubran os seus custos, máis a marxe de beneficio correspondente. Outra demanda estratéxica ten que ver coa mellora da fiscalidade para o agro.

Así mesmo, insístese en reclamar do Goberno que asuma o carácter de potencia agroalimentaria de España para esixir en Bruxelas unha suspensión urxente e temporal das medidas europeas que afogan hoxe en día os agricultores e gandeiros. Trátase, concluíu González, de “gañar tempo” para realizar unha reflexión estratéxica sobre o futuro do sector, que desemboque no redeseño das políticas cuestionadas, favorecendo unha introdución gradual no territorio.

R., 2024-03-13

Actualidad

Foto del resto de noticias (presentes-2026.jpg) A Xunta de Galicia puxo en marcha a plataforma PRESENTES.gal, unha ferramenta pública destinada a visibilizar o talento feminino galego e facilitar a presenza de mulleres expertas nos espazos de debate, coñecemento e divulgación. Impulsada pola Consellería de Política Social e Igualdade, esta iniciativa constitúe a maior comunidade dixital de mulleres profesionais de Galicia, co obxectivo de facilitar que organizadores de eventos, institucións, empresas ou medios de comunicación poidan localizar referentes femininos nos distintos ámbitos profesionais.
Foto de la tercera plana (turismo-santiago.jpg) O proxecto, que leva por nome Ways, usa o concepto do Camiño de Santiago para conectar á cidadanía coa ciencia inspirándose no espírito de intercambio e mobilidade que caracteriza á Ruta Xacobea. Con esta finalidade, proponse converter o proxecto nun percorrido europeo que une tres rexións: Galicia (España), Pomorskie (Polonia) e Emilia-Romagna (Italia) a través das cidades de Santiago, Gdynia, Rávena e Módena. A Comisión Europea é a institución encargada da convocatoria, denominada Science Comes to Town e que acada a súa terceira edición. A través dela, financia iniciativas que achegan a ciencia á sociedade. Apoia a organización de eventos públicos como festivais, obradoiros ou actividades educativas co obxectivo de promover a cultura científica, fomentar o interese pola investigación e fortalecer a relación entre ciencia e cidadanía.

Notas

A catedrática de Estatística e Investigación Operativa Rosa Crujeiras converterase na primeira reitora da historia da USC logo de ser elixida cun total de 1.397 votos ponderados, fronte aos 721 acadados pola catedrática de Óptica Maite Flores e 148 votos ponderados en branco. O día 12 produciuse a proclamación provisional da reitora e do 13 ao 20 establécese o prazo de recursos ante a Comisión Electoral Central.
Vigo convértese esta semana no punto de encontro internacional para a investigación en nanociencia aplicada á biomedicina coa celebración da 5ª Conferencia Internacional sobre Nanomateriais Aplicados ás Ciencias da Vida. O evento, organizado pola UVigo e o Grupo de Nanomateriais Híbridos do Centro de Investigación en Nanomateriais e Biomedicina, desenvólvese ata o venres na sede de Afundación e reúne a 127 participantes procedentes de diferentes países.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES