
O Congreso dos Deputados deu onte un mandato claro ao Goberno de España, que é o mesmo que lle demos os gobernos autonómicos no Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde: que esas reformas non poden agardar máis, -aseverou o conselleiro-, que lembrou que a meirande parte destas demandas están pendentes desde abril do ano 2018, cando foran acordadas de xeito unánime no Consello Interterritorial por Ministerio e gobernos autonómicos.
O responsable do departamento sanitario da Xunta salientou que os únicos votos contrarios aos puntos onte aprobados foran dos grupos parlamentarios de PSOE e Sumar: é lamentable que os únicos partidos que negan a urxencia destas medidas sexan precisamente os que teñen na súa man executalas desde o Goberno de España, mentres que os que temos responsabilidades de xestión sanitaria nas comunidades autónomas, sexamos do partido que sexamos, clamamos por que se nos permita formar a máis especialistas para poder contratalos nos nosos centros de atención primaria.
O conselleiro remarcou as dificultades que están a ter o conxunto de comunidades autónomas para cubrir as baixas e as ausencias dos profesionais na atención primaria, ao estar baleiras as listas de contratación.
Nomeadamente, a iniciativa aprobada onte, ao igual que o manifesto promovido por Galicia, fai fincapé en que é preciso realizar un incremento extraordinario de 1.000 prazas anuais na oferta formativa da especialidade de medicina familiar e comunitaria, ademais de modificar o sistema de elección de prazas MIR, de xeito que non queden prazas sen cubrir.
Para facelo, proponse unha flexibilización dos criterios fixados para a acreditación das unidades formativas. A rixidez dos requisitos actuais provoca que dos máis de 460 centros de saúde cos que conta Galicia, soamente 100 teñan a posibilidade de formar novos especialistas.
Entre o conxunto de solicitudes da Xunta de Galicia ao Goberno central agora respaldadas polo Congreso, tamén se atopa a de acelerar os prazos para a entrada en vigor da nova especialidade de Urxencias e Emerxencias, que evitaría que entre o 25 e o 30% dos facultativos que ocupan prazas formativas de Medicina Familiar e Comunitaria rematen traballando en urxencias, posto que non teñen opción de formación propia.
A Consellería de Educación vai dotar aos centros educativos de apoios específicos de acompañamento, formación e recursos materiais para desenvolver os novos programas de reforzo Avanza Lectura e Avanza Matemáticas, que se van poñer en marcha este curso en Primaria ao abeiro do novo Marco galego para o impulso educativo. O conselleiro Román Rodríguez reuniuse co Consello Escolar de Galicia para avaliar o inicio de curso e dar conta das accións da Xunta enfocadas a 'reforzar aprendizaxes apoiando a quen máis o precise, fomentar a cultura do esforzo e impulsar unha mellora integral e continua do sistema'.
O Consello da Xunta analizou na súa reunión de hoxe un informe da Consellería do Medio Rural sobre o anteproxecto de Lei de loita contra os incendios forestais de Galicia (LLCIF), antes da súa remisión para consulta ao Consello Forestal de Galicia, cuxa reunión está prevista para mañá martes. A futura normativa prioriza reforzar a protección da poboación e a xestión integral do territorio. O presidente do Goberno autonómico, Alfonso Rueda, lembrou que actual lexislación sobre incendios forestais 'ten case 20 anos' e 'cómpre actualizarla e adaptala aos novos tipos de lumes así como aos avances que houbo tanto na loita como na prevención de incendios'.