Archivo (10 del 2023)

Buscador

Noticias

Máis de 450.000 galegos e galegas de entre 65 e 79 anos serán invitados a participar nun estudo sobre a vacina da gripe que vai desenvolver a Consellería de Sanidade e investigadores do Grupo de Xenética, Vacinas e enfermidades infecciosas (GENVIP) do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago (IDIS). O ensaio GALFLU (www.galflu.gal), un dos de maior dimensión realizado en España con vacinas, quere comprobar se a versión da vacina de alta carga da gripe (a que xa se está a empregar en maiores de 80 anos porque se comprobou que é máis eficaz nesa franxa de idade) é igualmente beneficiosa nas persoas de entre 65 e 79 anos.
Este ano os premios recaen en Yolanda Castaño (na categoría de Letras), o Museo do Gravado á Estampa Dixital (Artes Visuais), Pistacatro (Artes Escénicas), a Banda de Música Unión de Guláns (Música), Portocabo (Audiovisual), Ponte...nas Ondas! (Lingua), Eduardo Pardo de Guevara (Patrimonio Cultural) e os curso de verán Galego sen fronteiras (Proxección Exterior). Estes galardóns distinguen un ano máis a excelencia creativa, a capacidade de intercambio, a experimentación e a proxección do panorama cultural da nosa Comunidade, así como o compromiso de proxectos, traxectorias e iniciativas que enriquecen a realidade e identidade cultural de Galicia.
Coincidindo co centenario da fundación do Seminario de Estudos Galegos, a Xunta de Galicia organiza no Gaiás un programa especial de actividades ao redor da exposición Luz na Terra. O Seminario de Estudos Galegos, unha institución de alta cultura. Co propósito de achegar a toda a cidadanía o legado do Seminario, esta programación inclúe tanto obradoiros didácticos para a rapazada como un programa de visitas especiais para público adulto, conducidas por algúns dos maiores expertos de Galicia na historia desta institución determinante na construción da nosa identidade.
O CORNO, a segunda longametraxe da directora e guionista Jaione Camborda, convocou máis de 20 mil espectadores nos seus primeiros 5 días nos cines, que coincidiron coa ponte do 12 de outubro. Consegue así ser a película en galego máis vista na súa primeira fin de semana da historia, superando os títulos recentes do noso cinema. Trátase tamén da película española gañadora da Cuncha de Ouro con mellor arranque comercial desde “Os luns ao sol”, de Fernando León de Aranoa, rodada en Vigo e estreada en 2002. Despois de xirar durante esta semana por localidades galegas como A Coruña, Santiago, Vilanova de Arousa, Vigo, Ferrol ou Lugo, o equipo de O CORNO continúa esta semana facendo presentacións e coloquios en cines de Madrid e Barcelona.
O alistamento e servizo de españois residentes nos Estados Unidos nas súas forzas armadas durante a Segunda Guerra Mundial non foi un feito infrecuente, sendo Galicia a rexión de orixe máis afectada, cun 30.8% do total de recrutados. Esta é unha das principais conclusións do estudo desenvolvido polo profesor da USC Javier Fernández Castroagudín en colaboración con Óscar Galansky López, Jesús González Beade e Rubén Travieso Díaz da Asociación GRH Big Red One ‘Manuel Otero’. O obxectivo da investigación foi analizar de forma sistemática o perfil e traxectoria dos emigrantes galegos que serviron nas forzas armadas dos Estados Unidos durante o conflito. Para logralo, realizouse un proceso secuencial de busca nos rexistros militares da National Archives and Records Administration (NARA, College Park, Maryland e St Louis, Missouri, Estados Unidos).
A Xunta de Galicia urxiu hoxe ao Consello de Estado a que lle traslade 'canto antes' o seu ditame sobre a Lei de ordenación e xestión integrada do litoral de Galicia no que se basea o recurso de inconstitucionalidade en contra desta norma, cuxa presentación foi anunciada a pasada semana na rolda de prensa posterior á reunión do Consello de Ministros. Logo de subliñar que a única comunicación oficial sobre esta cuestión foi unha chamada telefónica ao presidente da Xunta, a vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, exixiu 'claridade e respecto' ao Goberno central porque a Lei do litoral 'non vai contra a Constitución nin vai contra a Lei de costas', senón que responde á defensa dos lexítimos intereses de Galicia en base ás competencias recollidas no Estatuto de Autonomía.
Inaugurouse na Coruña a exposición A Escola de Belas Artes da Coruña e Picasso, que se poderá ver no Arquivo do Reino de Galicia ata o 15 de decembro como peche das actividades de celebración do Ano Picasso. A mostra aberta no Arquivo do Reino de Galicia inclúe máis de 150 documentos e obxectos datados entre os anos 1850 e 1920 procedentes da Escola de Belas Artes Pablo Picasso, do Museo de Belas Artes, do Instituto IES Salvador de Madariaga e do arquivo municipal da cidade da Coruña. Así, repartida en tres apartados, os visitantes atoparán documentos, fotografías orixinais, láminas de debuxos realizados polo alumnado, libros usados nas clases e reproducións de expedientes de estudantes como Picasso.
Do 23 ao 28 de outubro o Teatro Principal de Santiago acollera esta vixésimo primeira edición do AMAL, baixo o lema Ninguén está a salvo. Ao longo da semana, o público poderá gozar de filmes como o premiado en Venecia Entre as figueiras, primeira película de ficción do franco–tunesino Erixe Sehiri; O caftán azul, da directora e guionista marroquí Maryam Touzani; Conspiracíón no Cairo, do guionista e produtor sueco de orixe exipcia Tarik Saleh, e The sage, do director de cine e televisión sirio, de orixe palestina Basil Al-Khatib.
O Seminario de Estudos Galegos foi fundado en outubro de 1923 por un grupo de universitarios co obxecto de formar novo persoal investigador dentro dos diversos aspectos da realidade galega. Malia que puxo o foco inicialmente nas Humanidades, axiña se abriu cara as ciencias sociais e naturais, constituíndo “un refacho de aire fresco na Universidade de Santiago”, tal e como explica o catedrático da USC e comisario da mostra divulgativa ‘Saber de Nós. Seminario de Estudos Galegos (1923-1936)’, Henrique Monteagudo. A esta itinerante que xa pode verse na Facultade de Química, súmase agora a colocación dun vítor no claustro do Colexio de San Xerome coa que a USC rendeu tributo a este grupo de intelectuais entre os que se atopaban Fermín Bouza Brey, Xosé Filgueira Valverde ou Lois Tobío.
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou que o Consello aprobou hoxe o límite de gasto non financeiro da Comunidade Autónoma para o exercicio 2024, que ascende a 13.257 millóns de euros, un 5% máis que o orzamento do presente exercicio. “É dicir, aprobamos un ano máis o teito de gasto máis alto da historia”, resaltou. Rueda lembrou que a Conta Xeral de 2022 revela que a Xunta “fixo ben os deberes” na xestión dos recursos de todos os galegos “cumprindo o obxectivo de déficit e débeda sen renunciar a ofrecer servizos de calidade”. Pola súa banda, o conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, asegurou que o obxectivo do Goberno galego é “dar certezas á cidadanía e ás empresas” neste contexto económico.
« Anterior | 3  de  5 | Siguiente »

Archivo

2024 (209)

2023 (515)

PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES