Noticias

A meirande parte dos españois recrutados polas forzas armadas dos EE.UU durante a Segunda Guerra Mundial eran galegos

O alistamento e servizo de españois residentes nos Estados Unidos nas súas forzas armadas durante a Segunda Guerra Mundial non foi un feito infrecuente, sendo Galicia a rexión de orixe máis afectada, cun 30.8% do total de recrutados. Esta é unha das principais conclusións do estudo desenvolvido polo profesor da USC Javier Fernández Castroagudín en colaboración con Óscar Galansky López, Jesús González Beade e Rubén Travieso Díaz da Asociación GRH Big Red One ‘Manuel Otero’. O obxectivo da investigación foi analizar de forma sistemática o perfil e traxectoria dos emigrantes galegos que serviron nas forzas armadas dos Estados Unidos durante o conflito. Para logralo, realizouse un proceso secuencial de busca nos rexistros militares da National Archives and Records Administration (NARA, College Park, Maryland e St Louis, Missouri, Estados Unidos).

Tras o estalido da Segunda Guerra Mundial en 1939, os Estados Unidos mantiveron un estado inicial de neutralidade, malia que o presidente Franklin D. Roosevelt asinou o 16 de setembro de 1940 a ‘Selective Training and Service Act’, “pola que se establecía a obrigatoriedade de rexistro e, eventualmente, selección e alistamento de todos os homes estadounidenses con idades comprendidas entre os 21 e os 36 anos, no que constituíu o primeiro servizo militar obrigatorio do país en tempo de paz”, explican os investigadores. Tras o ataque xaponés a Pearl Harbor en Hawai o 7 de decembro de 1941 e a entrada do país na guerra, o 20 de decembro modificouse a lei ampliando o rexistro a todos os homes, estadounidenses ou estranxeiros, con idades entre 18 e 64 anos, e declarando seleccionables para o servizo a todos os homes capaces entre 20 e 44 anos.

“Estímase que máis de 19.000 homes españois residentes nos Estados Unidos, naturalizados ou non, foron rexistrados baixo a Selective Training and Service Act, dos cales unha porcentaxe significativa foi recrutada e serviu nas diferentes ramas das forzas armadas estadounidenses”, afirman. “A pesar de que estes números mostran que o alistamento e servizo de emigrantes de ningunha maneira foi un feito illado ou anecdótico, este aspecto da emigración recibiu ata a data nula atención por parte dos investigadores”, matiza o profesor Fernández Castroagudín.

Analizáronse en total 1.227 rexistros de españois recrutados no US Army. A comunidade máis afectada foi Galicia, con 345 alistados, un 31% daqueles nos que se coñece a rexión de orixe, seguido por Andalucía e as comunidades da cornixa cantábrica (Asturias, Euskadi, Cantabria), así como Castela-León, supoñendo entre elas case o 80% dos emigrantes recrutados. A provincia con máis alistados foi A Coruña con 192 (foi así mesmo a provincia española con maior número de recrutados), seguida de Pontevedra, Lugo e Ourense. “Daqueles nos que se coñece o municipio ou parroquia de orixe pode observarse a existencia dunha especialización xeográfica, cun agrupamento nas zonas costeiras atlánticas, sobre todo na Mariña coruñesa, con Sada como o municipio máis frecuentemente rexistrado, e a zona das Rías Baixas”, explican os investigadores.

Segundo evidencia o estudo, o lugar de destino dos emigrantes galegos máis frecuente foi Nova York, seguido de Nova Jersey, Pennsylvania, California e Florida. En canto á emigración do resto de España, seguiu sendo Nova York o destino preferente, seguido de California e Nova Jersey. A idade media dos homes recrutados foi de 31 anos, estando a idade de dous terzos desta poboación entre 20 e 40 anos. A maioría estaban solteiros.

“Aínda que o estado civil era similar en ambas as poboacións, os emigrantes galegos presentaban maior taxa de dependentes ao seu cargo diferentes do cónxuxe”, explican os investigadores. Así mesmo, presentaban unha maior taxa de estudos básicos e menor de estudos secundarios ou superiores respecto ao resto de España. A poboación galega tendeu a presentar maiores taxas de ocupación no sector servizos e na industria e construción, mentres que o resto de España presentou máis taxa de operadores de maquinaria fixa e móbil. A proporción de ocupacións non cualificadas foi similar en ambos os grupos. En canto ás narrativas persoais, identificáronse ata a data 30 emigrantes nados en Galicia que serviron en ultramar. Deles, reportáronse 9 falecidos en combate (2 deles desaparecidos) e 19 feridos. Os resultados deste traballo presentáronse recentemente no décimo sexto Congreso da Asociación de Historia Contemporánea celebrado en Logroño.

R., 2023-10-13

Actualidad

Foto del resto de noticias (20260619-xunta.JPG) O programa formativo Medrando Xuntas permitiu que as mulleres participantes traballasen habilidades clave como a comunicación, a organización, o liderado, a toma de decisións, a participación interna e a mellora da confianza profesional, ao tempo que se fomentou a creación dunha rede de mulleres que se apoian, colaboran e comparten recursos e que se deron a coñecer proxectos que están a transformar a economía. En primeiro lugar, Medrando Xuntas contou cun programa formativo para reforzar a súa participación nas entidades de economía social. En segundo lugar, a formación para directivas estaba dirixida a mulleres con responsabilidades de dirección ou proxección cara ao liderado.
Foto de la tercera plana (medio-ambiente.jpg) Unha alianza entre o Instituto Tecnolóxico de Galicia (ITG) e as compañías Naturgy InnovaHub e Flythings Technologies desenvolverá unha plataforma enerxética que transformará residuos en produtos de alto valor engadido. Neste caso transformaranse residuos como lodos de depuradora, restos orgánicos e biomasas, en produtos de alto valor engadido como biocombustibles (hidrochar e biometano) e vectores enerxéticos sostibles (hidróxeno e syngas). Para iso, a nova unidade mixta combinará distintas tecnoloxías e incorporará sistemas híbridos de almacenamento con baterías e supercondensadores, ademais de empregar ferramentas como Internet das cousas, os xemelgos dixitais e a aprendizaxe automática.

Notas

A Real Filharmonía de Galicia presentou a súa tempada 2026/27, 'Memoria', unha proposta artística que convida a reflexionar sobre a relación entre a música e a memoria, sobre a forma na que as obras do pasado continúan vivas no presente e sobre como a creación contemporánea dialoga permanentemente coa tradición. Concibida arredor da idea da memoria, a nova programación reúne grandes obras do repertorio sinfónico e algunhas das voces máis destacadas da creación actual.
A sala Normal acolleu a presentación da publicación 'De Esmelle a Ítaca', unha reflexión de Emma Pedreira e María Besteiros sobre a pegada de Begoña Caamaño na escritura mítica feminista, editada polo Servizo de Publicacións da institución académica. O acto, protagonizado por unha das autoras, María Besteiros, foi aberto pola vicerreitora de Divulgación, Cultura e Deportes da Universidade da Coruña, Cristina Naya.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES