Noticias

A Xunta aproba un límite de gasto non financeiro para 2024 de 13.257 millóns de euros

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou que o Consello aprobou hoxe o límite de gasto non financeiro da Comunidade Autónoma para o exercicio 2024, que ascende a 13.257 millóns de euros, un 5% máis que o orzamento do presente exercicio. “É dicir, aprobamos un ano máis o teito de gasto máis alto da historia”, resaltou. Rueda lembrou que a Conta Xeral de 2022 revela que a Xunta “fixo ben os deberes” na xestión dos recursos de todos os galegos “cumprindo o obxectivo de déficit e débeda sen renunciar a ofrecer servizos de calidade”. Pola súa banda, o conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, asegurou que o obxectivo do Goberno galego é “dar certezas á cidadanía e ás empresas” neste contexto económico.

Por iso, Rueda explicou que a Xunta agardou o máximo posible polos datos que lle debe proporcionar o Goberno central como son as entregas a conta e o obxectivo de estabilidade orzamentaria, pero non pode agardar máis para poder aprobar os orzamentos da comunidade cara 2024 en tempo e forma. “Galicia precisa seguir funcionando”, subliñou o presidente.

Un ano máis, a Xunta cumpriu co establecido na lei galega de disciplina orzamentaria de 2011 e aprobou o teito de gasto non financeiro, que agora será remitido ao Parlamento para o seu debate e posterior autorización. Este límite establece o máximo gasto que se pode acadar no proxecto de Lei de orzamentos xerais de Galicia.

Este teito está conformado por 13.326 millóns de euros de recursos non financeiros (recursos do sistema de financiamento, fondos finalistas e outros recursos non financeiros). Dentro deles, a partida máis importante é a dos ingresos procedentes do sistema de financiamento autonómico, que ascende a 10.206 millóns de euros, un 8,6% máis respecto do importe para 2023.

Pola súa banda, en canto aos ingresos finalistas, a previsión é que se incrementen nun 16,6%, ata os 1.693M€, e o apartado doutros recursos non financeiros ascende a 919 millóns. En canto aos recursos extraordinarios, para 2024 o montante do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia volve superar os 500 M€ por segundo ano consecutivo e chega aos 508 M€.

En total, apróbase un teito de gasto non financeiro de 13.257 millóns de euros que está composto por 13.326M€ de ingresos non financeiros cun axuste negativo de contabilidade nacional de 69 millóns de euros. Ademais, tal e como salientou Corgos, “o orzamento de 2024 será o primeiro en 16 anos nos que non será necesario recorrer ao endebedamento”.

Cadro macroeconómico

Ademais da aprobación do teito de gasto, a Xunta “actualizou á alza pero con prudencia as previsións económicas para o peche de 2023”, indicou Rueda.

En canto ao crecemento da economía galega, o Goberno autonómico prevé un avance do 1,8% no 2023, unha décima máis do previsto nos orzamentos vixentes. En canto á taxa de paro, para este 2023, a Xunta prevé que a media do ano se sitúe por primeira vez desde hai 15 anos por debaixo do 10%, en concreto no 9,8%.

E, para 2024, seguirase a consolidar o crecemento económico, cunha taxa estimada no entorno do 2%, e a taxa de desemprego seguirá baixando, en concreto outras catro décimas, ata o 9,4%.

R.v, 2023-10-11

Actualidad

Foto del resto de noticias (20261016-xunta.jpg) O xurado dos Premios da Cultura Galega 2026 reuniuse hoxe en Santiago de Compostela para outorgar os recoñecementos desta edición. A xuntanza, que tivo lugar na Cidade da Cultura de Galicia, estivo presidida polo conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos. Ao remate do acto, fíxose público o fallo nas distintas categorías propostas, resultando galardoados María Solar, en Letras; Almudena Fernández Fariña, en Artes Visuais; a compañía Elefante Elegante, en Artes Escénicas; a Asociación Galega de Empresas Musicais, en Música; Alfonso Zarauza, na categoría Audiovisual; Espazo Lectura, en Lingua; o Obradoiro de Gaitas Seivane, en Patrimonio Cultural; e o Festival EmigraSON, en Proxección Exterior.
Foto de la tercera plana (apoio.jpg) O obxectivo desta rede de recursos é acompañar ás persoas con discapacidade ao longo da súa vida, desde os primeiros anos ata que se fan maiores, ofrecendo respostas axeitadas a cada etapa e a cada necesidade. Desde o ano 2016, o número de unidades de atención temperá aumentou ata as 57. Estes servizos públicos e gratuítos dirixidos a nenas e nenos de 0 a 6 anos de idade son fundamentais para detectar, previr e actuar ante trastornos de desenvolvemento. A Rede galega de atención temperá na actualidade chega a máis de 200 concellos e a 6.000 familias.

Notas

A Cátedra Rosalía de Castro da Universidade de Santiago de Compostela, dirixida por María do Cebreiro Rábade Villar e Fernando Cabo Aseguinolaza, acaba de publicar Cartas de Alejandra Murguía de Castro a Ángela Santamarina (1916-1925), un epistolario que recupera a voz dunha muller durante moito tempo eclipsada polas figuras dos seus pais e que achega novos datos sobre a familia Murguía-Castro e, de maneira moi especial, sobre a vida e a obra de Rosalía de Castro.
O Congreso XoveTIC, organizado polo CITIC e a Facultade de Informática da UDC, recoñeceu os mellores traballos presentados na súa novena edición, destacando a excelencia investigadora e a innovación tecnolóxica en distintos ámbitos das tecnoloxías da información e das comunicacións. Este congreso consolídase como un espazo de intercambio de coñecemento e presentación de resultados científicos.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES