Noticias

'O Corno', de Jaione Camborda, convértese no filme en galego con mellor arranque comercial da historia

O CORNO, a segunda longametraxe da directora e guionista Jaione Camborda, convocou máis de 20 mil espectadores nos seus primeiros 5 días nos cines, que coincidiron coa ponte do 12 de outubro. Consegue así ser a película en galego máis vista na súa primeira fin de semana da historia, superando os títulos recentes do noso cinema. Trátase tamén da película española gañadora da Cuncha de Ouro con mellor arranque comercial desde “Os luns ao sol”, de Fernando León de Aranoa, rodada en Vigo e estreada en 2002. Despois de xirar durante esta semana por localidades galegas como A Coruña, Santiago, Vilanova de Arousa, Vigo, Ferrol ou Lugo, o equipo de O CORNO continúa esta semana facendo presentacións e coloquios en cines de Madrid e Barcelona.

O filme estreouse este mércores 11 de outubro nun total de 82 salas en todo o territorio español –24 delas en Galicia–, o que supón a maior estrea en salas dun filme en versión orixinal galega da historia.

O CORNO foi a película gañadora da Cuncha de Ouro á mellor película no 71º Festival Internacional de Cine de San Sebastián, onde Camborda xa fixo historia ao ser a primeira directora muller española que acada co seu filme a Cuncha de Ouro, por primeira vez cun filme en galego.

A película, un drama rural ambientado na Galicia dos anos 70, está protagonizada pola bailarina Janet Novás (Premio ‘El Ojo Crítico’ de Danza 2021 de RNE), no que é o seu debut no cinema, e conta no seu reparto con Carla Rivas, Nuria Lestegás, María Lado, Siobhan Fernandes, Julia Gómez e Diego Anido, entre outros.

O CORNO está rodada en galego e en portugués en varias localizacións das comarcas de Arousa e Baixo Miño (Pontevedra) e Alto Minho (Portugal) e narra a historia de María, unha mariscadora e tamén parteira que, tras un terrible suceso, vese ve obrigada a fuxir a través dunha ruta de contrabandistas.

Sinopse

Illa de Arousa, 1971. María é unha muller que gaña a vida mariscando. Tamén é coñecida na illa por axudar outras mulleres nos seus partos con especial dedicación e coidado. Tras un inesperado suceso, vese obrigada a fuxir e comeza unha perigosa travesía que a fará loitar pola súa supervivencia. Buscando a súa liberdade, María decide cruzar a fronteira por unha das rutas de contrabando entre Galicia e Portugal.

JAIONE CAMBORDA (Donostia, 1983)

Cineasta donostiarra afincada en Galicia, cursa os seus estudos na Escola de Cinema de Praga (FAMU) e na Escola de Cinema de Múnich (HFF). É en Galicia onde desenvolve un recoñecido traballo como directora e guionista. A súa primeira longametraxe, Arima (2019), obtivo o premio á mellor dirección na sección Nuevas Olas do Festival de Cine Europeo de Sevilla, e á mellor película na sección Escáner do festival Márgenes, ademais de pasar pola sección Made in Spain do Festival de San Sebastián.

Previamente destaca o seu traballo dirixindo pezas curtas rodadas con material fílmico, como Proba de axilidade, Nimbos, Lilit ou Rapa das Bestas, todas elas coa súa produtora Esnatu Zinema, fundada en Santiago de Compostela. Participou ademais como guionista das longametraxes Os fenómenos e Ons, dirixidas por Alfonso Zarauza, e ten traballado como directora de arte en varias películas doutros cineastas.

Tamén foi seleccionada para participar en diferentes laboratorios e residencias como o TIFF Filmmaker Lab do Festival Internacional de Cinema de Toronto, no programa de desenvolvemento La Incubadora – The Screen da ECAM, no programa Ikusmira Berriak do Festival de San Sebastián, ademais de ser recentemente beneficiaria da bolsa TIFF Canada Goose.

O CORNO é unha produción de Esnatu Zinema, Miramemira e Elastica Films, en coprodución con Bando à Parte (Portugal) e Bulletproof Cupid (Bélxica). Conta co financiamento do ICAA – Unión Europea – NextGenerationEU e coa subvención de Agadic - Xunta de Galicia. Coa participación de RTVE, Televisión de Galicia, Radio Televisión Portuguesa, Movistar Plus+. Co apoio de Eurimages, Ibermedia, The Taxshelter Of The Federal Government Of Belgium, BNP Paribas Fortis Film Finance, Deputación de Pontevedra, Ikusmira Berriak (San Sebastián Film Festival), The Screen - ECAM, Toronto FilmMaker Lab.

Elastica Films distribuirá o filme nos cinemas do territorio español. As vendas internacionais corren a cargo de Films Boutique.

R., 2023-10-16

Actualidad

Foto del resto de noticias (20261016-xunta.jpg) O xurado dos Premios da Cultura Galega 2026 reuniuse hoxe en Santiago de Compostela para outorgar os recoñecementos desta edición. A xuntanza, que tivo lugar na Cidade da Cultura de Galicia, estivo presidida polo conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos. Ao remate do acto, fíxose público o fallo nas distintas categorías propostas, resultando galardoados María Solar, en Letras; Almudena Fernández Fariña, en Artes Visuais; a compañía Elefante Elegante, en Artes Escénicas; a Asociación Galega de Empresas Musicais, en Música; Alfonso Zarauza, na categoría Audiovisual; Espazo Lectura, en Lingua; o Obradoiro de Gaitas Seivane, en Patrimonio Cultural; e o Festival EmigraSON, en Proxección Exterior.
Foto de la tercera plana (apoio.jpg) O obxectivo desta rede de recursos é acompañar ás persoas con discapacidade ao longo da súa vida, desde os primeiros anos ata que se fan maiores, ofrecendo respostas axeitadas a cada etapa e a cada necesidade. Desde o ano 2016, o número de unidades de atención temperá aumentou ata as 57. Estes servizos públicos e gratuítos dirixidos a nenas e nenos de 0 a 6 anos de idade son fundamentais para detectar, previr e actuar ante trastornos de desenvolvemento. A Rede galega de atención temperá na actualidade chega a máis de 200 concellos e a 6.000 familias.

Notas

A Cátedra Rosalía de Castro da Universidade de Santiago de Compostela, dirixida por María do Cebreiro Rábade Villar e Fernando Cabo Aseguinolaza, acaba de publicar Cartas de Alejandra Murguía de Castro a Ángela Santamarina (1916-1925), un epistolario que recupera a voz dunha muller durante moito tempo eclipsada polas figuras dos seus pais e que achega novos datos sobre a familia Murguía-Castro e, de maneira moi especial, sobre a vida e a obra de Rosalía de Castro.
O Congreso XoveTIC, organizado polo CITIC e a Facultade de Informática da UDC, recoñeceu os mellores traballos presentados na súa novena edición, destacando a excelencia investigadora e a innovación tecnolóxica en distintos ámbitos das tecnoloxías da información e das comunicacións. Este congreso consolídase como un espazo de intercambio de coñecemento e presentación de resultados científicos.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES