
O martes 17 de outubro, só cinco días despois da xornada en que se cumpriron 100 anos daquela andaina a Ortoño que dou comezo oficialmente á historia do Seminario de Estudos Galegos, o comisario da exposición Luz na Terra, Ramón Villares, abre este ciclo de visitas guiadas especiais. Catedrático Emérito de Historia Contemporánea da Universidade de Santiago de Compostela, institución da que foi decano e reitor, Villares é hoxe un dos historiadores máis destacados de Galicia.
As persoas asistentes a esta visita poderán coñecer, de primeira man e cun guía de excepción, o proceso de traballo e conceptualización da exposición e tamén o devir desta institución de espírito estudantil e afán investigador que impulsaría de xeito determinante a modernización cultural e científica de Galicia.
Calendario de visitas guiadas
O martes 24 de outubro será a quenda da vicepresidenta do Museo do Pobo Galego unha das institucións herdeiras do Seminario, María Xosé Fernández Cerviño e, xa en novembro, o ciclo continuará o martes día 7 cunha visita conducida polo presidente da Fundación Castelao e un dos asesores documentais da mostra, Miguel Anxo Seixas Seoane.
As dúas últimas quendas serán para o presidente do novo Seminario de Estudos Galegos, o científico e escritor Francisco Díaz-Fierros Viqueira o 14 de novembro e para o catedrático de Filoloxía Galega e Portuguesa e investigador do Instituto da Lingua Galega da USC, Henrique Monteagudo o 21 de novembro. Todas as visitas serán ás 17,00 horas e de balde, e para asistir cómpre facer a reserva de praza na web da cidadedacultura.gal.
Programación didáctica
A partir da vindeira semana, o Museo Centro Gaiás convértese tamén nun enorme taboleiro de xogo onde a rapazada descubrirá e interpretará o mundo, experimentando con diferentes linguaxes e achegándose dun xeito lúdico á nosa historia e ao espírito aberto, integrador e científico do Seminario de Estudos Galegos.
O empeño por coñecer Galicia, por divulgar a cultura e o patrimonio e a aposta pola ciencia como vía de progreso foron os sinais de identidade que un século atrás marcaron o traballo dos integrantes do Seminario, e esa mesma paixón será recuperada polos nenos e nenas participantes en dous obradoiros didácticos, impartidos en colaboración coa Fundación Castelao, nos que descubrirán a exposición Luz na Terra coa súa propia ollada.
Baixo os títulos O mundo invisible e O espírito innovador, desenvolveranse en catro domingos diferentes (22 de outubro e 5, 12 e 19 de novembro) entre 11,00 e 13,00 horas, con entrada de balde previa inscrición a través de Ataquilla.com ou cidadedacultura.gal.
A proposta compleméntase coas actividades do programa Experimentia, o espazo didáctico do Museo Gaiás que nas súas quendas de novembro prestará unha atención especial tamén a esta mostra. Ambas propostas infantís están encadradas no Plan Corresponsables, posto en marcha pola Xunta de Galicia para ofrecer alternativas de conciliación nas bibliotecas, arquivos e museos de xestión autonómica, a través do convenio asinado entre a Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades e a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade co financiamento do Ministerio de Igualdade
O xurado dos Premios da Cultura Galega 2026 reuniuse hoxe en Santiago de Compostela para outorgar os recoñecementos desta edición. A xuntanza, que tivo lugar na Cidade da Cultura de Galicia, estivo presidida polo conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos. Ao remate do acto, fíxose público o fallo nas distintas categorías propostas, resultando galardoados María Solar, en Letras; Almudena Fernández Fariña, en Artes Visuais; a compañía Elefante Elegante, en Artes Escénicas; a Asociación Galega de Empresas Musicais, en Música; Alfonso Zarauza, na categoría Audiovisual; Espazo Lectura, en Lingua; o Obradoiro de Gaitas Seivane, en Patrimonio Cultural; e o Festival EmigraSON, en Proxección Exterior.
O obxectivo desta rede de recursos é acompañar ás persoas con discapacidade ao longo da súa vida, desde os primeiros anos ata que se fan maiores, ofrecendo respostas axeitadas a cada etapa e a cada necesidade. Desde o ano 2016, o número de unidades de atención temperá aumentou ata as 57. Estes servizos públicos e gratuítos dirixidos a nenas e nenos de 0 a 6 anos de idade son fundamentais para detectar, previr e actuar ante trastornos de desenvolvemento. A Rede galega de atención temperá na actualidade chega a máis de 200 concellos e a 6.000 familias.