Archivo (9 del 2019)

Buscador

Noticias

O Goberno de Galicia vai destinar preto de 730 millóns de euros durante a próxima década para conseguir un sistema de transporte público que duplique a súa cobertura territorial a través de máis de 3.100 liñas de autobús, ofrecendo aos cidadáns un transporte público eficiente e atractivo, tendo prioridade a cobertura no rural. A Xunta está a traballar no novo Plan de Transporte Público de Galicia, que reordenará e modernizara o sistema de transporte público de viaxeiros por estrada, con máis de 61 millóns de quilómetros de servizos de autobús cada ano, o que suporá máis que duplicar a cobertura territorial existente hai 3 anos, cando se iniciou esta renovación cos posta en marcha da 1ª fase.
A Asociación Internacional para os Sistemas Difusos (IFSA, polas súas siglas en inglés) vén de conceder un dos tres premios internacionais IFSA Journal Best Paper Award a un traballo desenvolvido integramente no Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes da USC, no que os científicos deste centro abordan o papel das descricións lingüísticas de datos na construción de sistemas de xeración de linguaxe natural. Os responsables da IFSA (unha federación de asociacións formada por 16 sociedades científicas mundiais do ámbito da intelixencia computacional) concederon o premio en recoñecemento ao desenvolvemento deste traballo para facilitar a interacción entre investigadores en Xeración de Linguaxe Natural e Intelixencia Computacional.
Doce bandas e artistas vigueses daranse cita o vindeiro 28 de setembro en 'Vigo Emerxe', un gran concerto no Museo do Mar de Galicia que porá en valor a escena musical da cidade. O cartel de Vigo Emerxe inclúe nomes de artistas e bandas locais emerxentes e outros referentes dentro da escena cultural e musical da cidade como The Soul Jacket, Maryland, Basanta, BFlecha, r. e. a. l., Kaixo, Laura Iturralde, Juanma Lodo, BabyKatze ou Santi Araújo. A nómina de participantes complétase cos nomes doutros músicos da cidade cunha ampla traxectoria como Pablo Novoa, exmembro da histórica banda Golpes Bajos, ou Nicolas Pastoriza, protagonista tamén da escena musical da cidade nos anos 80 dentro do grupo Bromea o qué?.
O Festival Internacional Outono de Teatro (FIOT) de Carballo presentou hoxe a programación da súa vixésimo oitava edición, que do 27 de setembro ao 1 de novembro exhibirá 39 espectáculos galegos e de fóra de Galicia, e desenvolverá unha morea de actividades paralelas arredor de todos os ámbitos das artes escénicas. O Pazo da Cultura, principal sede do FIOT, acolleu a presentación da que se reafirma como unha das citas máis relevantes da temporada teatral galega, e que chega á súa nova entrega despois de ter recibido o último Premio da Cultura Galega outorgado pola Xunta de Galicia ao seu labor de excelencia na difusión teatral. O acto contou coa actuación do alumnado da Aula de Teatro Municipal.
Galicia pechou o primeiro semestre cun déficit do 0,59%, un dato por debaixo da media autonómica, que foi do 0,63%, segundo recollen os últimos datos do Ministerio de Facenda, correspondentes ao mes de xuño. A nosa comunidade rexistrou en xuño un déficit de 387 millóns de euros, mentres que o déficit rexistrado polo conxunto das administracións autonómicas situouse en 7.938 millóns. Todas as comunidades autónomas de réxime común rexistraron déficit ao peche do primerio semestre, e Galicia é a sexta comunidade con menor déficit contable. Neste dato repercuten negativamente medidas adoptadas polo Goberno central que afectan directamente ás finanzas autonómicas.
Galicia desenvolverá 17 proxectos piloto que permitirán dispoñer dos servizos avanzados do 5G en eidos como a sanidade, a loita contra incendios, a industria, o vehículo conectado, o turismo ou a educación. Dentro do proxecto Piloto 5G estarán 8 novos proxectos que terán efectos en ámbitos tan relevantes como a asistencia técnica remota ás máquinas do sector naval ou a exploración e diagnóstico oftalmolóxico, e que se suman ás outras 9 iniciativas nas que xa están a traballar os principais operadores adheridos ao Nodo 5G. Despois de que en xuño, Vigo e A Coruña foran das primeiras cidades en contar con redes 5G de España, Galicia é hoxe, xunto con Andalucía, unha das dúas comunidades que acollerán o desenvolvemento dos primeiros pilotos 5G.
O ciclo Viraxes propón tres espectáculos amenos e diferentes, creados por bandas de música de Galicia, que en setembro e decembro levarán á Cidade da Cultura as súas propostas de experimentación musical nas que se atreven con xéneros como o circo, o teatro ou a música clásica. Nestes tres concertos, a Banda de Música Municipal de Valga, a Unión Musical de Meaño e a Unión de Guláns danlle unha volta ao seu repertorio máis tradicional unindo o seu talento ao do coro Gli Appassionati, o do grupo de teatro Todos Xuntos ou o da compañía galega de circo Pistacatro. Como resultado, Viraxes propón un plan de sábado, con entrada de balde, no que gozar en familia de propostas artísticas distintas e divertidas, que de seguro gustarán tanto aos maiores como aos máis pequenos e pequenas da casa.
Galicia e Polonia acordaron estreitar lazos de colaboración para converter este país nun destino prioritario de investidores galegos, nunha xuntanza do presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo coa ministra de Ciencia e Tecnoloxía polaca, Jadwiga Emilewicz. Polonia foi o ano pasado o oitavo destino mundial para os produtos galegos, con exportacións que aumentaron un 13% en 2018. “Tanto a industria galega como a Xunta estamos poñendo todos os nosos esforzos en potenciar a innovación; é dicir, a colaboración entre empresas, os 28 centros tecnolóxicos galegos e as tres universidades”, precisou Feijoo, aseverando que o obxectivo é establecer unha ponte entre os resultados da investigación científico-tecnolóxica e a industria que se traduza en novos produtos e servizos para o mercado.
Un total de 21 núcleos de poboación de toda Galicia, que corresponden a unha vintena de concellos, amosaron xa o seu interese por converterse en aldeas modelo fronte os incendios forestais. Osmo, no municipio ourensán de Cenlle, foi declarada como a primeira aldea modelo de Galicia, e unha vez feita a tramitación previa e conseguida a autorización de todos os propietarios, empezan agora os labores de limpeza. En concreto, nesta aldea limparanse arredor de 30 hectáreas para protexer os veciños dun posible lume forestal e farase por última vez, xa que o obxectivo é crear actividade agrogandeira para evitar ter que desenvolver estes traballos cada ano, de forma que se cree unha devasa natural fronte os incendios.
O WOS Festival afondará na música electrónica xerada por intelixencia artificial nunha nova edición que se celebrará o vindeiro xoves, día 12, no Gaiás e baixo o paraugas nominal de WOS Talk x Fest Galicia 2019. Trátase do festival de música máis vangardista de Galicia, que ofrecerá diversas charlas -con entrada libre ata completar capacidade- que suporán poder coñecer in situ no Gaiás o proceso de creación de Renick Bell. Este programador e músico asentado en Toquio leva máis dunha década de investigación na que música electrónica e intelixencia artificial conversan entre si. Renick Bell amosaranos as entrañas do seu set up, dará unha introdución ao seu modo de pensamento e presentará as ferramentas fundamentais para familiarizarse con estas festas asistidas por IA.
« Anterior | 4  de  5 | Siguiente »

Archivo

2024 (209)

2023 (515)

PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES