Noticias

Galicia desenvolverá 17 proxectos piloto que permitirán dispoñer dos servizos avanzados do 5G en eidos como a sanidade, a loita contra incendios ou a industria

Galicia desenvolverá 17 proxectos piloto que permitirán dispoñer dos servizos avanzados do 5G en eidos como a sanidade, a loita contra incendios, a industria, o vehículo conectado, o turismo ou a educación. Dentro do proxecto Piloto 5G estarán 8 novos proxectos que terán efectos en ámbitos tan relevantes como a asistencia técnica remota ás máquinas do sector naval ou a exploración e diagnóstico oftalmolóxico, e que se suman ás outras 9 iniciativas nas que xa están a traballar os principais operadores adheridos ao Nodo 5G. Despois de que en xuño, Vigo e A Coruña foran das primeiras cidades en contar con redes 5G de España, Galicia é hoxe, xunto con Andalucía, unha das dúas comunidades que acollerán o desenvolvemento dos primeiros pilotos 5G.

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe que Galicia desenvolverá 17 proxectos piloto que permitirán dispoñer dos servizos avanzados do 5G en eidos como a sanidade, a loita contra incendios, a industria, o vehículo conectado, o turismo ou a educación.

Durante o acto esta mañá de presentación do Piloto 5G, déronse a coñecer os 8 novos proxectos que terán efectos en ámbitos tan relevantes como a asistencia técnica remota ás máquinas do sector naval ou a exploración e diagnóstico oftalmolóxico, e que se suman ás outras 9 iniciativas nas que xa están a traballar os principais operadores adheridos ao Nodo 5G do plan da Xunta.

“En total desenvolveranse 17 proxectos en Galicia de uso en ámbitos de especial interese para a nosa comunidade”, abundou, incidindo en que, despois de que en xuño, Vigo e A Coruña foran das primeiras cidades en contar con redes 5G de España, Galicia é hoxe, xunto con Andalucía, unha das dúas comunidades que acollerán o desenvolvemento dos primeiros pilotos 5G subvencionados por Red.es.

“Todas estas decisións que implican a operadores e administracións públicas non son fortuítas, senón que responden ao interese de Galicia e as súas administracións por esta nova tecnoloxía e ao traballo desenvolvido para situarnos como territorio preferente para acollela”, afirmou, facendo fincapé en que non é casual que a comunidade fose a única que presentou a esta convocatoria candidaturas dos tres principais operadores, sendo o de Telefónica o finalmente seleccionado.

Conscientes de que tecnoloxías emerxentes como o 5G permitirán desenvolver novos modelos de negocio e consolidar a especialización tecnolóxica da Comunidade, Feijóo incidiu en que Galicia aspira a ser unha das primeiras rexións europeas en dispor dos servicios avanzados do 5G, que permitirán mellorar aspectos como a calidade dos servizos públicos, incrementar a competitividade das empresas e favorecer o desenvolvemento de cidades intelixentes e vehículos conectados.

Con este obxectivo, subliñou que Galicia foi a primeira comunidade que aprobou un plan para facilitar a extensión desta tecnoloxía: o Plan Galicia 5G. Unha folla de ruta que traballa xa para facilitar aos municipios un modelo de ordenanza tipo que axilice os despregues e, posteriormente, elaborar un catálogo de solucións técnicas para a extensión do 5G en núcleos históricos e contornas protexidas.

Así mesmo, e para consolidar o ecosistema 5G galego, Feijóo confirmou que esta mesma semana empeza o primeiro curso de especialista en tecnoloxías de quinta xeración, con 200 horas lectivas e a participación de expertos do mundo empresarial.

Feijóo concluíu lembrando que a aposta da Administración autonómica polas infraestruturas capaces de mellorar a nosa conectividade, fai posible que Galicia sexa a terceira comunidade con mellor cobertura 4G; e que o 98% da poboación teña acceso a internet a través de redes fixas e sen fíos.

R., 2019-09-11

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES