
Segundo o investigador Alberto Bugarín, nesta liña de traballo integramos dúas áreas científicas que, ata hai moi pouco, eran practicamente unhas completas descoñecidas entre si: a comunidade de Intelixencia Computacional e a de Xeración de Linguaxe Natural. Precisamente dentro desta última atópase a disciplina Datos a texto (Data to text ou D2T), na que os científicos do CiTIUS levan tempo traballando. Entre os seus exemplos de aplicación figura a ferramenta GaliWeather: un sistema de tradución automática de modelos numéricos a texto que dende hai anos está integrado na páxina web de Meteogalicia, o servizo público de información meteorolóxica da comunidade galega.
O tema foi tamén obxecto principal de estudo na tese do primeiro autor do artigo, Alejandro Ramos, que recibiu tamén numerosos premios nos últimos anos, entre outros, o Best PhD Award a nivel europeo e o Premio Nacional de Investigación SCIE - Fundación BBVA.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.