Archivo (3 del 2019)

Buscador

Noticias

Bruce Weber estará presente na décimo quinta edición de Play-Doc, que se celebrará do 3 ao 7 de abril en Tui, para mostrar por primeira vez en España a súa película máis recente, Nice Girls Don´t Stay for Breakfast (2018), cuxo estrea mundial tivo lugar na pasada edición do Festival de Cinema de Venecia. Así mesmo, o célebre fotógrafo e cineasta estadounidense presentará no festival galego a súa aclamada Let’s Get Lost (1988) sobre o músico de jazz Chet Baker, e tamén Broken Noses (1987), a súa primeira longametraxe centrada na figura do boxeador Andy Minsker. O propio Bruce Weber estará en Tui falando en persoa co público de Play-Doc sobre as correspondencias entre estas tres películas e os seus excepcionais protagonistas.
Representantes de diversos museos da comunidade reuníronse para iniciar o proceso de elaboración da Lei de Museos de Galicia. O CGAC acolleu este encontro de traballo, que serviu para establecer unha toma de contacto entre o sector museístico e os representantes da Xunta de Galicia. Preto de 30 institucións culturais de toda Galicia participaron nesta primeira xuntanza na que se solicitou a participación e se escoitaron as primeiras achegas técnicas dos profesionais involucrados nas actividades museísticas. Neste caso, trátase de acadar un proceso participativo e transparente, escoitando as opinións e achegas de todos os integrantes do ecosistema galego de museos.
O Instituto Nacional de Estadística (INE) vén de publicar os datos sobre o Padrón de Españoles Residentes en el Extranjero (PERE) a data 1 de xaneiro de 2019. As cifras feitas públicas polo organismo confirman a tendencia demográfica que está a experimentar a comunidade autónoma desde hai varios anos, e que reflicte un incremento do número total de galegos residentes fóra das nosas fronteiras, o que inclúe tanto aos emigrantes como os seus descendentes, xa nados nos seus países de destino, e unha diminución do de galegos nados na comunidade.
O Plan de transporte público de Galicia, que comezará a funcionar o vindeiro mes de agosto, permitirá a posta en marcha das paradas seguras en horario nocturno en case 2.000 liñas de autobús de Galicia, nos servizos de autobús interurbano prestados en 85 concellos galegos. Non obstante, mentres non entran en vigor as novas concesións, o Goberno galego xa lles trasladou unha proposta de protocolo ás empresas concesionarias para que poidan poñer en marcha xa esta iniciativa. Así, unhas oito empresas xa comunicaron a adhesión a este protocolo e trasladaron que teñen servizos na franxa comprendida entre as 22,00 e as 07,00 horas. Esta medida contempla como posibles beneficiarios ás mulleres, ás persoas maiores, aos menores que viaxen sós e aos viaxeiros con mobilidade reducida.
O Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI)-Filmoteca de Galicia programará do 21 de marzo ao 10 de maio un ciclo cinematográfico co que rende homenaxe a Chema Prado, director da Filmoteca Española entre 1989 e 2016, programador desta desde 1975 e, ante todo, amigo e mentor da cinemateca galega desde a súa posta en marcha hai 27 anos. Con motivo desde tributo, o CGAI deulle carta branca a Prado para programar unha serie de películas que marcaron tanto a súa traxectoria profesional como vital, ademais de recibir na Coruña a algunhas das amizades persoais deste galego, natural de Rábade, como é o caso de Marisa Paredes e John Malkovich.
Un total de 65 estudantes de 12 a 17 anos terán unha oportunidade única de experimentar en primeira persoa unha xornada laboral con profesionais das grandes empresas do sector TIC en Galicia, co obxectivo de mellorar a visión que proxectan as profesións científico-tecnolóxicas e a percepción que os máis novos teñen delas. Trátase da segunda edición do Programa “Tecnólogo por un día”, impulsado pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) no marco do Plan de Promoción do Talento Dixital de Galicia 2020, DigiTalent. As cifras de participación nesta actividade superaron as 200 solicitudes, o dobre que na edición anterior.
Un total de doce espectáculos finalistas competirán polos galardóns. ​Commedia​, de Contraproduccións, opta a un total de 12 premios do teatro galego; ​Divinas Palabras Revolutio​n, do Centro Dramático Galego, é finalista en 7 categorías, e A leituga, de Emedous, aspira a acadar 5 galardóns. Ademais, outras pezas como ​Invisibles, de Redrum Teatro, e ​A Casa O’Rei​, de Ibuprofeno Teatro, optan a 4 premios. A obra ​O servidor de dous amos​, de Talía Teatro, é finalista en 3 modalidades, mentres que montaxes coma ​#Camiños, Anatomía dunha serea, ou ​A nena e o grilo competirán en 2 categorías. Completan o cadro de finalistas ​Arnoia Arnoia, Contos do Recreo e ​Patapatúm.
Nesta edición da feira de Boston estarán Pescados Rubén, Fesba, Pescados Hermanos Lijó, Cassua, Frigoríficos Botana, Congelados Noribérica, Pasteurizados Cíes, Congelados Videmar, Isidro 1952, Nagreen Group, Salgado Congelados e Oversea Atlantic Fish. Ademais, tamén estarán presentes na feira con posto propio outras entidades galegas como ADM Galicia, Cabomar, Cámara de Comercio de Pontevedra, Vigo e Vilagarcía, Grupo Ibérica Congelados, Ingeniería de Proyectos Marinos (Inpromar), Rotogal, Stolt Sea Farm, World Wide Fishing Company e, a través das súas filiais estadounidenses, Nueva Pescanova, Profand e Mascato.
O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo Aller, está a participar no 8º Cumio Europeo de Rexións e Cidades, que cada dous anos organiza o Comité Europeo das Rexións para debater dende unha perspectiva subestatal, os desafíos que afronta a UE. Nesta ocasión, a declaración política aprobada advirte de que “Europa se está transformando a unha velocidade sen precedentes debido á globalización, a revolución dixital, o clima e o cambio demográfico”. Para que a UE poida facer fronte a estes retos eficazmente, a declaración apela a un esforzo coordinado de todos os niveis de goberno, afirmando que “a UE necesita as súas rexións e cidades tanto como estas necesitan a Unión Europea”.
As indicacións xeográficas protexidas (IXP) de carne de vacún de Galicia creceu en 2018 por riba do 3% en certificación e comercialización de Ternera Gallega, acadando os 122 millóns de euros de valor económico en primeira venda. Esta IXP mantivo ademais as súas cifras de actividade no campo, con 8.199 explotacións e 132.868 tenreiros rexistrados. A IXP Vaca Galega / Boi Galego, conta xa con 683 explotacións, 21 industrias inscritas e 8.593 vacas e bois rexistrados. O pasado ano certificáronse un total de 334 canais que sumaron 138 toneladas de carne. A nosa comunidade ocupa o segundo lugar dentro de España en número de cabezas de gando tras Castela e León.
« Anterior | 3  de  5 | Siguiente »

Archivo

2024 (211)

2023 (515)

PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES