Archivo (10 del 2019)

Buscador

Noticias

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) organizarán o vindeiro domingo a xornada final do programa “TechKids”, talleres sobre programación, robótica, drons e animación 3D celebrados durante o verán nas Aulas CeMIT de Galicia. A actividade, enmarcada no Programa de Promoción do Talento Dixital de Galicia, está destinada a estimular o talento precoz no ámbito das tecnoloxías da información e comunicacións, así como fomentar o atractivo vocacional de profesións científico-tecnolóxicas entre a poboación máis nova. A organización ten prevista a participación de aproximadamente un centenar rapaces e rapazas de 10 a 17 anos.
A arte urbana, a innovación na creación musical e as mulleres emprendedoras foron as grandes protagonistas da última xornada de Audacia, festival de artes e emprendemento. Celebrado no Museo Centro Gaiás durante as xornadas do venres e o sábado, Audacia foi todo un espazo de intercambio no que descubrir ideas e procesos de traballo que, no ámbito da arte e a creación, poñen en valor a ousadía e o risco. O encontro congregou a artistas, profesionais e emprendedores do eido cultural, da empresa ou da economía, así como a máis dun milleiro de estudantes e docentes de ensinanzas artísticas como belas artes, audiovisual, moda, creación plástica, fotografía ou música.
O evento CyberSec@GAL, que arrincou o luns con xornadas dirixidas a estudantes, clausurouse na Cidade da Cultura de Santiago cun programa centrado na ciberseguridade nas empresas. Inauguraron a xornada o Director de Empresas de R e do Grupo Euskaltel, o Presidente do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) e máis a Directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA). Expertos nacionais e internacionais trataron temas coma a estratexia nacional de seguridade e a ciberseguridade na transformación dixital e na peme para superar, desta volta, a falla de recursos e minorar riscos. Promoven este primeiro encontro galego sobre cibersegurirade a Cátedra R en Ciberseguridade (iniciativa das Universidades da Coruña e Vigo e máis R) e o CPEIG.
A Xunta volve aprobar en tempo e forma os Orzamentos para 2020, que inclúen o maior gasto social da historia, menos impostos e novos recursos para facer máis competitiva e innovadora a economía. Tras a aprobación do Proxecto de lei de Orzamentos para 2020, que irá acompañado do Proxecto de lei de medidas fiscais e administrativas, o presidente da Xunta destacou o inicio da súa tramitación parlamentaria este sábado en tempo e forma. “A Xunta de Galicia leva aprobando 40 anos consecutivos o seu Orzamento. Todos os gobernos que tivo a Autonomía nestes 40 anos cumpriron as súas obrigas e aprobaron anualmente os seus orzamentos”, engadiu.
Presentouse na Sala Videodrome, o templo do frikismo vigués, a programación definitiva da #2 Edition do Galician Freaky Film Festival e, tal e como se agardaba, chega repleta de contido friki espallado ó longo dos tres días que ocupará o certame. Preto de 40 filmes nacionais e internacionais chegados dende Rusia, México ou Países Baixos conformarán unha sección oficial escollida entre case 200 propostas. “Hai pezas que veñen de Sitges ou de Nocturna” –comentou Juan De Castro, director do certame– “que son a primeira vez que se verán en Galicia”.
Preto do 89% dos fogares galegos ten contratado Internet, o que supón un incremento do 7,5% con respecto ao ano 2018, superior ao crecemento do conxunto do Estado (5,8%) e o maior rexistrado desde 2016. O crecemento máis importante prodúcese nos concellos galegos con menor poboación, os de menos de 10.000 habitantes, nos que os fogares conectados pasan dun 74,6% a un 81,2%. Nos espazos urbanos o crecemento na contratación de Internet e da banda larga é superior á do conxunto do estado. Son parte dos datos publicados hoxe polo INE sobre o equipamento e uso das TIC nos fogares en 2019 e analizados polo Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia (OSIMGA).
O Salón Teatro de Santiago de Compostela será o escenario da estrea esta fin de semana de O que segue, a nova proposta da creadora Cristina Balboa, realizada en coprodución co Centro Dramático Galego (CDG). Cristina Balboa describe O que segue como “un acto de resistencia escénica a través da composición musical, o vídeo e a danza” para construír un “relato feroz” do cotiá a partir das contradicións entre a arte e a vida. A música xoga aquí un papel clave, de xeito que durante a súa creación foise xerando unha dramaturxia baseada na composición musical en vivo e no relato que sucede nese acto performativo.
Bioincubatech busca a incubación de micropemes relacionadas co sector biotecnolóxico a partir da creación de empresas de base tecnolóxica así como apoiar a aquelas empresas que precisan mellorar e innovar nos seus procesos no ámbito biotecnolóxico. Para elo, ofrece catro programas: preincubación, dirixido a proxectos en fases iniciais sen inicio de actividade e sen plan de negocio ou cun plan de negocio non validado; incubación, empresas constituídas cun plan de negocio inicial e cun incipiente acceso ao mercado; aceleración, empresas constituídas cun plan de negocio xa desenvolvido e cun acceso ao mercado significativo; e incubación virtual, proxectos en calquera fase de desenvolemento que non precisen aloxamento físico.
Durante a 41 Semana do Cine de Lugo proxectaranse un total de 130 filmes, que estarán divididos en 10 ciclos. Destes, 112 serán gratuítos, sendo de pago só o ciclo infantil, con entradas a 2,50€, Xoias do Ano, a 4€ e o ciclo Oficial, que terá un prezo de 5€. Ademais, as persoas que acudan ás proxeccións do ciclo Oficial, recibirán cada día unha publicación do Grupo Fotocinematográfico Fonmiñá como agasallo. Como novidade deste ano, dentro do parque de frigsa acollerá o Paseo do Cine de Lugo, que conterá placas homenaxeando a figuras de Lugo que foron importantes no mundo do cine. Neste ano colocaranse as dúas primeiras placas adicadas a Antonio Mourelos e Prudencia Grifell.
A conselleira do Mar, Rosa Quintana, trasladou hoxe ao ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación en funcións, Luis Planas, a necesidade de seguir traballando ante a Unión Europea para facilitar o acceso das entidades asociativas do sector, como as confrarías de pescadores, ás axudas do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP). Neste sentido, Galicia defendeu dentro da delegación española que participou no Consello de Ministros de Pesca da Unión Europea a necesidade da coordinación deste regulamento do fondo con outras normativas europeas como a de control, xa que é o que marcará os criterios de concesións das axudas.
« Anterior | 3  de  6 | Siguiente »

Archivo

2024 (170)

2023 (515)

PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES