Noticias

Preto do 89% dos fogares galegos ten contratado internet, un 7,5% máis que hai un ano

Preto do 89% dos fogares galegos ten contratado Internet, o que supón un incremento do 7,5% con respecto ao ano 2018, superior ao crecemento do conxunto do Estado (5,8%) e o maior rexistrado desde 2016. O crecemento máis importante prodúcese nos concellos galegos con menor poboación, os de menos de 10.000 habitantes, nos que os fogares conectados pasan dun 74,6% a un 81,2%. Nos espazos urbanos o crecemento na contratación de Internet e da banda larga é superior á do conxunto do estado. Son parte dos datos publicados hoxe polo INE sobre o equipamento e uso das TIC nos fogares en 2019 e analizados polo Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia (OSIMGA).

As cifras confirman que os galegos por debaixo dos 34 anos superan a media estatal no uso habitual de Internet, pero especialmente en relación ás compras online, de modo que os mozos galegos superan en 6 puntos porcentuais ao conxunto dos españois. Ao mesmo tempo estanse a producir incrementos significativos do uso das TIC entre a poboación de maior idade.

Uso das TIC

O 84% dos galegos e galegas de 16 a 74 anos utilizaron Internet nos tres últimos meses, cun incremento do 4,5%, con respecto ao ano anterior. Entre a poboación máis nova, por debaixo dos 35 anos, o uso de Internet é practicamente universal. Cómpre destacar o crecemento no grupo de idade de 55 aos 64 anos, onde o uso da Rede medra 15 puntos porcentuais respecto ao ano 2018.

Ademais dos usos tradicionais, como a mensaxería instantánea ou o correo electrónico, un dos usos de Internet máis estendidos entre os internautas galegos a é a banca electrónica, que utiliza o 64,6% dos internautas na nosa comunidade, catro puntos máis que a media estatal. Salientar tamén o importante uso da nube como sistema de almacenamento de ficheiros con fins privados, que practica un 46,2% dos galegos que utiliza Internet converxendo co conxunto do Estado.

Tipo de conexión e hábitat

Segundo a información que ofrece o INE, a maior parte das vivendas que dispoñen de acceso a Internet en Galicia, un 83,1% emprega unha conexión móbil de banda larga través dun dispositivo de man. Trátase da principal tecnoloxía de acceso, por diante da conexión por ADSL, cable ou fibra, que utiliza o 76,2% dos fogares. No conxunto de España as posicións invértese.

Respecto aos datos relativos ao tamaño do hábitat, é salientable que nos concellos con poboación maior de 20.000 habitantes, a media galega iguala ou supera á estatal na contratación a Internet e a banda larga.

Especificamente nas vilas galegas de 20.000 a 50.000 habitantes rexístrase un forte ritmo de crecemento dos indicadores relacionados coa contratación de Internet e de banda larga. Neste tipo de concellos a conexión a Internet de banda larga medrou máis dun 8,5%, situándose no 94,1%, superando o valor da media estatal en 2,5 puntos porcentuais.

R., 2019-10-16

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES