
Así llo transmitiu hoxe no marco do encontro celebrado en Luxemburgo ao que Galicia asistiu en representación do resto das comunidades autónomas españolas en materia de pesca acompañando ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación e no que se debateu a proposta de regulamento sobre o FEMP que rexerá entre os anos 2021 e 2027. Outro dos aspectos nos que segue a insistir a comunidade autónoma galega de cara a este novo fondo é a necesidade de mellorar a habitabilidade da frota para que haxa unha remuda xeracional e de habilitar axudas con este obxectivo.
Na sesión de hoxe do Consello de Ministros tamén se intercambiaron pareceres sobre as consultas anuais de 2020 da UE con Noruega que se celebrarán na Comisión de Pesqueiras do Atlántico Nordeste do 18 ao 22 de novembro e que se enmarcan no acordo bilateral de pesca entre a UE e Noruega. Neste eido Galicia defendeu dentro da delegación española a necesidade de manter os criterios establecidos froito do acordo histórico e insiste no interese de maximizar as posibilidades de pesca do bacallau ártico noruegués para a frota galega -tamén coñecido como bacallau de cohesión-, pero sen que isto vaia en detrimento das cotas doutras especies de interese para España.
Tamén se debateu sobre o posicionamento da Unión Europea de cara á sesión anual da Comisión Internacional para a Conservación do Atún Atlántico (Iccat), que se celebrará entre o 18 e o 25 de novembro en Palma de Mallorca. De cara a este encontro Galicia trasladou ao Goberno central a importancia de que non se instaure unha cota para a quenlla e que se aumente substancialmente a cota do bonito do norte toda vez que se está a comprobar que hai unha abundancia importante e que se necesita máis cota tendo en conta que a frota galega practica a pesca selectiva desta especie e cada vez máis centrada na frota artesanal.
Ademais Galicia insistiu na defensa por parte da delegación española dunha pesqueira sustentable do marraxo e da necesidade de manter un equilibrio entre os aspectos ambientais e socioeconómicos na súa pesca, así como na importancia de que se estenda a todas as frotas a normativa relativa ao cercenamento de aletas de quenlla ou finning, un regulamento que a frota española cumpre escrupulosamente. Neste sentido, a comunidade autónoma galega defende a harmonización da normativa para outros estados co obxectivo de evitar desvantaxes competitivas á hora de pescar e comercializar.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.