Noticias

Pecha o programa TechKids cunha xornada de obradoiros de programación, pilotaxe de drons e realidade virtual

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) organizarán o vindeiro domingo a xornada final do programa “TechKids”, talleres sobre programación, robótica, drons e animación 3D celebrados durante o verán nas Aulas CeMIT de Galicia. A actividade, enmarcada no Programa de Promoción do Talento Dixital de Galicia, está destinada a estimular o talento precoz no ámbito das tecnoloxías da información e comunicacións, así como fomentar o atractivo vocacional de profesións científico-tecnolóxicas entre a poboación máis nova. A organización ten prevista a participación de aproximadamente un centenar rapaces e rapazas de 10 a 17 anos.

O evento celebrarase de 11:00 a 14:30 horas no Edificio do Centro de Innovación Cultural (Cinc) da Cidade da Cultura de Galicia.

No taller “Tech escape room”, deseñado para rapaces de 10 a 15 anos, os participantes farán uso de contidos matemáticos para crear enigmas, xogos e crebacabezas que necesitarán resolver para poder escapar da sala na que estarán pechados.

Outra das actividades centrarase no mundo dos drons. Os rapaces, de 13 a 17 anos, que participen neste taller de “Drones Leo Racing” gozarán da experiencia de pilotar drons e aprenderán diferentes aspectos técnicos de maneira lúdica e activa.

Ademais, os rapaces e rapazas de 10 a 14 anos poderán participar no taller “Microbit Experience”, onde poderán facer divertidos programas para crear emojis en movemento, enviar mensaxes secretas entre as microbils, ademais de programar varios xogos, como o de fronte ou cruz ou a realizar un dado electrónico.

Para seguir cunha mañá repleta de xogos e experiencias, a organización incluíu o obradoiro de “Leap Motion”, un sensor de movemento que permite controlar o computador mediante xestos que se realizan no aire. Os máis pequenos debuxarán no aire, moverán estruturas ou construirán coas súas mans, todo reflectido nun videoxogo.

O “Electric Paint” é un xogo que permite experimentar con pintura condutiva que funciona
sobre multitude de superficies como roupa, mobles, paredes, tea, etc. Estas pintura á auga posúen a propiedade de conducir a electricidade e son axeitadas para crear circuítos brandos e fabricar sensores. É unha actividade ideal para iniciarse na electrónica e a programación, ao mesmo tempo que axuda aos rapaces a poñer en práctica os coñecementos artísticos.

E nesta xornada tamén terá cabida o cine. Os pequenos de todas as idades poderán participar no obradoiro “A maxia do cine”. Nunha sociedade onde os rapaces os uns apaixonados de Youtube e dos mundos virtuais por aumentar o seu espazo vital, mostraráselles con este taller como conseguilo, converténdose en protagonistas da súa propia aprendizaxe facendo cameos nas súas películas favoritas.

Posibilidades profesionais da creación dixital: videoxogos e animación

De forma simultánea, celebrarase de 12 a 14 horas dúas conferencias sobre o mundo dos videoxogos e a animación do director e fundador do Congreso Internacional de Animación, Efectos Especiales y Nuevos Media “Mundos Digitales”, Manuel Meijide, e o cofundador da produtora audiovisual Illusorium Studios – recoñecido estudio de postprodución nacional especializado en 3D–, Raúl Rocha.

Durante esta sesión de traballo, Mundos Digitales presenta en primicia a nova rede social de Facebook, baseada en realidade virtual e con escenarios recreados pola compañía española Illusorium Studios. Raúl Rocha fará a presentación e repasará os fitos e oportunidades dun proxecto destas características.

Máis de 400 rapaces participaron nas xornadas deste verán nas Aulas CeMIT

O CPEIG e a Amtega organizaron nos meses de xullo, agosto e setembro unhas xornadas sobre robótica, pilotaxe de drons e creación de personaxes para videoxogos ou películas de animación, enmarcadas no programa “TechKids”, destinado a fomentar o interese pola ciencia e a tecnoloxía entre a mocidade galega.

Organizáronse 45 obradoiros nas Aulas CeMIT de diferentes concellos das catro provincias galegas nas que participaron 464 alumnos e alumnas. O seu obxecto foi achegar aos máis novos a industria dos contidos dixitais para ofrecerlle unha visión ampla dos perfís profesionais que demanda o sector, a formación e os estudos polos que deben optar se están interesados nesta saída profesional.

R., 2019-10-20

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES