Buscador
Noticias

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, informou hoxe de que 'Galicia vai liderar un val especializado en tecnoloxía cuántica no que participarán nove países europeos' e que contará cun investimento de 14,3 millóns de euros. O titular do Goberno autonómico lembrou que a comunidade 'está a posicionarse como referente europeo' neste eido e asegurou que o feito de que Galicia lidere un proxecto 'nunha materia con tanto futuro é un reflexo da boa saúde da I+G+i galega'. A Comisión Europea acaba de conceder un novo proxecto de cuántica polo que a nosa Comunidade vai liderar un val de innovación, é dicir, unha iniciativa de colaboración entre rexións que destacan pola súa capacidade neste ámbito e que, grazas a este val, van conectalas para facer novos desenvolvementos e incrementar a soberanía da Unión Europea.

Entre as principais novidades está regular o uso das ferramentas que permiten automatizar certos diagnósticos e outros procesos clínicos, é dicir, abordar a gobernanza ética das tecnoloxías de automatización sanitarias. Establecerase un marco de goberno que garanta a privacidade e a ética no uso das tecnoloxías de automatización no diagnóstico (algoritmos de intelixencia artificial, tecnoloxías de automatización robótica de procesos, aparellos da internet das cousas no ámbito médico, etc.). Hoxe en día xa se procesaron 1.000.000 de imaxes médicas mediante intelixencia artificial nos ámbitos de urxencias e de atención primaria (imaxes de tórax e músculoesqueléticas) no Servizo Galego de Saúde.

O Festival Internacional de Animación Afundación 'Imaxinaria' despediuse na Coruña tras cinco días dedicados a conectar ao público galego coa mellor animación nacional e internacional. O xurado da sección oficial do festival -formado por Giovanna Lopalco, Cynthia Alfonso e Manu Viqueira- recoñeceu no palmarés desta cuarta edición a curta francesa Dieu est timide, do director francés Jocelyn Charles, co Premio Imaxinaria; a curta portuguesa Cão Sozinho, da directora portuguesa Marta Reis Andrade, co Premio do Xurado; e a galega O Corpo de Cristo, adaptación do Premio Nacional de Cómic da creadora coruñesa Bea Lema, co Premio Territorio. O festival resolveu ademais o concurso «Talento Novo», aberto por primeira vez a centros educativos de toda Galicia.

A edición deste ano celebrarase baixo o título 'A porta a universos infinitos' e a cita inaugural será en Ferrol, do 23 ao 26 de abril. A continuación será a quenda de Santiago de Compostela, que terá lugar do 2 ao 10 de maio. En Lugo, pola súa banda, será do 13 ao 17 do mesmo mes, mentres que chegará ao Porriño do 14 ao 17 de maio. No mes de xuño, Redondela acollerá a súa feira do 11 ao 14 de xuño, mentres que en Ourense será do día 17 ao 20. Xa no mes de xullo, Vigo abrirá o día 1, prolongándose ata o día 7, continuando en Ponteareas desde o día 9 ata o 12 e en Rianxo do 23 ao 26. Finalmente, en agosto, as Feiras do Libro viaxarán ata A Coruña, do 1 día ata o 10, Viveiro do día 13 ao 19, Foz do 20 ao 23, e rematarán en Monforte de Lemos onde se celebrará do día 26 ao 29 de agosto.

O proxecto, que leva por nome Ways, usa o concepto do Camiño de Santiago para conectar á cidadanía coa ciencia inspirándose no espírito de intercambio e mobilidade que caracteriza á Ruta Xacobea. Con esta finalidade, proponse converter o proxecto nun percorrido europeo que une tres rexións: Galicia (España), Pomorskie (Polonia) e Emilia-Romagna (Italia) a través das cidades de Santiago, Gdynia, Rávena e Módena. A Comisión Europea é a institución encargada da convocatoria, denominada Science Comes to Town e que acada a súa terceira edición. A través dela, financia iniciativas que achegan a ciencia á sociedade. Apoia a organización de eventos públicos como festivais, obradoiros ou actividades educativas co obxectivo de promover a cultura científica, fomentar o interese pola investigación e fortalecer a relación entre ciencia e cidadanía.

A Xunta de Galicia puxo en marcha a plataforma PRESENTES.gal, unha ferramenta pública destinada a visibilizar o talento feminino galego e facilitar a presenza de mulleres expertas nos espazos de debate, coñecemento e divulgación. Impulsada pola Consellería de Política Social e Igualdade, esta iniciativa constitúe a maior comunidade dixital de mulleres profesionais de Galicia, co obxectivo de facilitar que organizadores de eventos, institucións, empresas ou medios de comunicación poidan localizar referentes femininos nos distintos ámbitos profesionais.

Galicia reivindica o papel das rexións no desenvolvemento de Europa e reclama o seu protagonismo no novo marco financeiro plurianual. O Goberno galego xestiona algo máis de 4.000 millóns de euros (4.058) de fondos europeos de xestión compartida, dos que 1.575 millóns son fondos de cohesión, mentres que 2.117 son da Política Agraria Común e 366 corresponden á pesca. Isto supón o 70% dos fondos asignados a Galicia, tendo en conta que máis da metade dos fondos de cohesión, FEDER e FSE+ destinados á nosa Comunidade os xestiona directamente a Administración central, polo que a Xunta aspira a unha maior capacidade de xestión dos recursos asignados ao noso territorio.

Galicia rexistrou nos meses de decembro, xaneiro e febreiro o inverno meteorolóxico máis húmido do último cuarto de século. A precipitación media ascendeu ata os 800 litros por m2. Uns valores cuxo precedente máis recente se remonta aos anos 2000-01 e que supoñen un incremento do 81% respecto ao habitual neste período. Así, foi o cuarto inverno máis chuvioso da serie histórica. En concreto, decembro non tivo unha anomalía de choiva moi notable, pero xaneiro e febreiro foron meses moi húmidos con anomalías do 98% e do 160% superiores aos valores normais nestes meses, respectivamente. En canto ás temperaturas, vivimos un inverno cálido, aínda que foi bastante máis frío que os dous anteriores.

O titular do Goberno galego, Alfonso Rueda, trasladou esta mañá á Comisión Europea, a necesidade de que o novo marco financeiro teña en conta o papel das rexións, aposte por unha xestión descentralizada dos fondos comunitarios e manteña unha política de cohesión forte no continente. Rueda, como presidente da delegación española no Comité Europeo das Rexións, mantivo unha reunión co resto de representantes nacionais e a presidenta do organismo, Kata Tüttő, co fin de fixar 'unha postura común'. Nela, lembrou as demandas de España cara o novo modelo de financiamento, que xa foron recollidas na Declaración de Galicia aprobada en outubro.

Galicia pechou febreiro con 116.058 persoas no paro, 4.919 menos que no mesmo mes de 2025, e 1.088.231 afiliacións á Seguridade Social, 16.283 cotizantes máis en relación con 2025. En relación coa evolución anual, a baixada no desemprego supón algo máis do 4%. Ademais, o paro tamén se reduce nas catro provincias galegas e en todos os sectores de actividade, liderando a baixada a construción (-8,97%), seguida do sector primario (-8,69%), da industria (-6,10%) e, por último, dos servizos (-3,13%). En canto aos colectivos prioritarios, tanto no caso das mulleres como no dos parados de longa duración, rexístrase a cifra máis baixa de desemprego para un mes de febreiro de toda a serie.