Buscador
Noticias
A campaña é froito da colaboración entre a Xunta e a Federación Galega de Comercio e conta co apoio das Federacións Provinciais de Comercio, as asociacións de comerciantes, os centros comerciais abertos de Galicia e de Abanca. Ten como novidade esta edición -a maiores do sorteo das 44 tarxetas por valor de 250 euros e 60 de 150 euros para mercar nos comercios minoristas galegos- o sorteo en directo entre os asistentes á entrega de premios dun premio de 3.000 euros, para gastar nunha xornada de compras na localidade elexida pola persoa gañadora. Tamén co obxectivo de acadar un impacto directo sobre os comercios e o tecido asociativo de contornas máis locais, darase continuidade á campaña Merca no teu comercio.
O ciclo de concertos Orballo Cultural vén de presentar a súa edición 2025, que se celebrará entre os meses de maio a setembro. Este ciclo propón levar ata distintas localidades da xeografía galega, concretamente aos concellos de Estrada, Tomiño, O Porriño, Ribadavia, Muxía, Noia, Ferrol e Sanxenxo, a artistas da escena musical galega. Entre os nomes xa confirmados están Xabier Díaz & Adufeiras de Salitre, Su Garrido Pombo, Herdeiros da Crus ou The Limboos. O ciclo Orballo Cultural busca unir a variada oferta musical de Galicia co patrimonio cultural e natural de distintas localidades, de tal modo que se pon en valor a rica variedade de opcións turísticas da comunidade. Ademais, integra a gastronomía e a artesanía como valores engadidos, nunha proposta que quere apostar pola sostibilidade e a igualdade.
A exposición afonda na realidade das cantareiras dende o século XVIII ata os nosos días. Daquelas, as mulleres das aldeas tocaban por pura necesidade, xa que non había outra maneira de escoitar música ca creándoa. Frei Rosendo Salvado e Rosalía de Castro xa se interesaron no seu tempo polas cantigas populares galegas considerándoas 'pura poesía, sen artificio' a pesar de estar nunha lingua diferente da oficial e proviren de mulleres labregas, de clase baixa. Rosalía foi, de feito, quen máis se identificou con esa literatura, empatizando co sentimento do pobo e levándoo ás altas esferas da época. A mostra tamén recolle, a través de varios documentos, o interese de persoas estranxeiras como Dorothé Schubarth, Alan Lomax ou Gustav Henningsen pola nosa tradición.
A Real Academia Galega (RAG) acordou dedicarlles o Día das Letras Galegas 2025 a sete cantareiras e, a través delas, á poesía popular galega que elas interpretaban. Deste xeito, a Academia recoñece o papel das mulleres na creación e na transmisión literaria, así como o valor da lírica oral, esa que é anónima, que pertence á comunidade e que se aprende escoitando, cantando, traballando, divertíndose... en fin, vivindo nela. Velaquí os nomes e as historias das sete mulleres homenaxeadas pola RAG e por toda a sociedade galega este 2025.
Galicia consolida o seu liderado na taxa de escolaridade de 0 a 3 anos e mantense por riba do 60%, máis de 13 puntos superior á media de España, segundo os últimos datos oficiais que vén de publicar o Ministerio de Educación e Formación Profesional. Esta porcentaxe sitúa á nosa comunidade ao nivel dos países con maiores índices de benestar en Europa, como Suecia ou Dinamarca. Galicia é a comunidade autónoma onde o programa da gratuidade é máis completo, xa que ningunha outra ofrece ata 8 horas diarias e 11 meses por curso atención educativa totalmente de balde ao 100% do alumnado e en todas as escolas infantís: as públicas, as de iniciativa social e as privadas.
O emprego industrial en Galicia crece por riba da media nacional, con 21.100 persoas ocupadas máis que en 2024, o que supón un incremento con respecto ao pasado ano do 12,14 por cento fronte ao 3,16 por cento do conxunto do Estado. Galicia foi a Comunidade na que máis subiu a ocupación no sector da industria, que pasou de rexistrar 173.800 persoas ocupadas no primeiro trimestre de 2024 a 194.900 no primeiro trimestre de 2025, a cifra máis alta de toda a serie histórica. Pola súa banda, a produción industrial medrou no que vai de ano un 4,1 por cento, superando amplamente o crecemento medio estatal, que se sitúa no 1,5 por cento.
Os complexos hospitalarios universitarios de Santiago de Compostela e de Vigo veñen de ser seleccionados para a administración de terapias CAR-T en pacientes adultos. Esa designación formalizarase mediante resolución da Secretaría de Estado de Sanidade, logo da validación por parte do Grupo Institucional do Plan para a Abordaxe das Terapias Avanzadas no Sistema Nacional de Saúde. Galicia xa dispoñía desde 2022 de dous centros designados polo Ministerio de Sanidade para a administración de terapia CAR-T: o Complexo Hospitalario Universitario da Coruña administraba estes medicamentos avanzados en pacientes adultos e o de Santiago de Compostela en pacientes pediátricos.
A cidade da Coruña acolle do 16 ao 24 de maio o Galicia Design Week, festival dedicado ao deseño e de referencia neste ámbito para todo o noroeste peninsular, que desenvolve a súa sexta edición para promover e difundir a creación galega e internacional do sector. O encontro, codirixido por Marta González Rivas e Álex Rico Caramés, e que forma parte da prestixiosa organización World Design Weeks, ofrece unha ampla programación con acceso gratuíto a un total de 21 actividades. Coloquios, exposicións, sesións musicais e gastronomía conforman unha proposta na que o obxectivo é poñer en valor un eido creativo de gran potencial e transversalidade, entre a creación cultural e a produción industrial.
As 105.378 doazóns de sangue do ano pasado supoñen 1.853 máis que no 2023, representando un incremento de preto dun 2 %. O incremento producido nas doazóns de sangue permite elevar un punto máis a taxa global galega, pasando de 38 a 39 doazóns por cada 1.000 habitantes e ano, situando á nosa comunidade entre as que contan cun nivel máis alto de participación en todo o Estado, manténdose ao redor dos tres puntos por riba da media nacional. Outro dato moi positivo é o feito de que o pasado ano 8.931 persoas doaron sangue por primeira vez.
Nas súas tres edicións previas o Serán congregou máis de 17.000 asistentes. Nesta cuarta entrega, e coincidindo coa celebración do Día Europeo da Música e o arranque da programación do verán no Gaiás, o Serán volverá despregar un intenso programa, completamente gratuíto, de concertos, espectáculos e festivais ao redor da música e o baile tradicional de Galicia. Como novidade, o programa incorpora na noite do venres 20 de xuño un festival folk que reunirá a algúns dos nomes máis destacados do tradi actual, como a banda De Ninghures, unha das revelacións da música galega dos últimos anos, que conquista a todo tipo de públicos coa súa fusión de folk con músicas de todo o mundo: desde o rock saharauí ata as melodías cubanas. Compartirán escenario cun dos nosos músicos de raíz con maior proxección dentro e fóra de Galicia: Xabier Díaz, acompañado das súas inseparables Adufeiras de Salitre.