
O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, agradeceu a xenerosidade e a implicación da sociedade galega, que permitiu acadar as 105.378 doazóns de sangue o ano pasado, o que supón 1.853 máis que no 2023, representando un incremento de preto dun 2 %.
O titular da carteira sanitaria do Executivo galego, acompañado da directora da Axencia Galega de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS), Marisa López, presentou o balance de doazón de sangue do pasado ano.
Tal e como detallou o conselleiro, o incremento producido nas doazóns de sangue permite elevar un punto máis a taxa global galega, pasando de 38 a 39 doazóns por cada 1.000 habitantes e ano, situando á nosa comunidade entre as que contan cun nivel máis alto de participación en todo o Estado, manténdose ao redor dos tres puntos por riba da media nacional.
Outro dato moi positivo destacado polo conselleiro é o feito de que o pasado ano 8.931 persoas doaron sangue por primeira vez, o que reflicte a crecente confianza da cidadanía no sistema e o firme compromiso das novas xeracións.
Xunto ao anterior, a campaña universitaria na que participan os sete campus galegos tamén presenta un bo balance, acadándose 1.348 doadores, o que permite asegurar o relevo xeracional que resulta fundamental para cubrir as necesidades de sangue diarias dos hospitais do Servizo Galego de Saúde e dar continuidade a un sistema de doazón do que o conselleiro amosouse orgulloso.
Gómez Caamaño puxo en valor o labor dos profesionais que integran os equipos de hemodoazón da Axencia Galega de Doazón de Órganos e Sangue, máis de cen, así como ás entidades que contribúen a conseguir estas boas cifras, como son os concellos, as universidades, as empresas, a Federación Galega de Irmandades de Doadores de Sangue, así como ás 73.421 persoas que doaron o seu sangue que, co seu xesto, contribúen a salvar vidas.
O conselleiro animou a toda a sociedade galega a seguir por este camiño de solidariedade, de xenerosidade e de compromiso coa sanidade pública galega.
O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito DRivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.
O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade sobre a actividade das infeccións respiratorias agudas referido á semana que rematou o 25 de outubro reflicte que a actividade gripal na comunidade mantén o seu nivel basal con tendencia crecente, constatando un incremento na dispensación de antigripais nas farmacias galegas. En concreto, a taxa de dispensación de antigripais nas farmacias aumentou un 38,9 % na última semana, mentres que a de probas de antíxenos se reduciu nun 17,9 %, tal e como informan as oficinas de farmacia integradas na rede sentinela impulsada pola Xunta, co obxectivo de anticipar a evolución dos virus respiratorios na comunidade.