Buscador
Noticias
O inverno climatolóxico 2024-2025 (decembro, xaneiro e febreiro) en Galicia foi o sétimo máis cálido da serie histórica -que se remonta a 1961- ao rexistrarse unha temperatura media de 9,8 graos, que supón 1,3 graos máis dos valores habituais nesta época do ano. Segundo o avance do balance climatolóxico desta estación elaborado por MeteoGalicia, esta situación debeuse a que os tres meses deste período rexistraron valores medios superiores aos datos normais. Así, a media da temperatura mínima foi 1,8 graos superior ao habitual e no caso da máxima, o rexistro superou en 0,9 graos os valores normais.
O CDG retoma as representacións do seu último espectáculo de produción propia: A burra, a mesa e o pau, do que ofrecerá ata o 20 de abril cinco funcións semanais no Salón Teatro de Santiago de Compostela. A montaxe, con dirección e dramaturxia de Lorena Conde, conta cun elenco de 15 actores e actrices que integran Xúlio Abonjo, Maika Aguado, Beatriz Barcia, Xosé Manuel Esperante, Andrés Giráldez, Alixa Ladson, Roberto Leal, Mario López, Pablo Loureiro, Carla Mojón, Grial Montes, Paloma Otero, Paulo Serantes, Nelu Vermouth e Arantza Villar para dar vida a unha proposta escénica ideada como unha fábula arredor dunha familia obreira galega desexosa de atopar solucións máxicas para saír da súa precariedade.
O Servizo Galego de Saúde incrementou en 2024 de forma significativa o seu volume de actividade, realizando máis operacións cirúrxicas, máis consultas médicas e máis probas diagnósticas, ao tempo que reduciu o tempo de acceso. O descenso rexistrado foi especialmente significativo no caso do tempo medio de acceso á consulta do especialista, que baixou o pasado ano en 12,5 días. Así o destacou o conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, quen, xunto co xerente do Servizo Galego de Saúde, José Ramón Parada Jorgal, e co director xeral de Asistencia Sanitaria, Alfredo Silva Tojo, presentou en rolda de prensa o balance da actividade asistencial e de lista de espera do ano 2024.
O Morriña Festival vén de anunciar tres novos nomes internacionais para o seu cartel deste 2025 co apoio de Concertos do Xacobeo. O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, presentou esta mañá na Coruña o cartel da súa quinta edición, no que xa estaba xa confirmada a presencia de figuras como Residente, Ozuna, Jhayco, Mikel Izal, Ginebras, Pignoise, Alcalá Norte e Duncan Dhu e ao que agora se suman, tamén, Nathy Peluso, Elena Rose e Alleh y Yorghaki. O Morriña Festival é unha das citas musicais máis relevantes da época estival na comunidade, no marco dos Concertos do Xacobeo, un programa amplo e plural que neste 2025 regresa para apoiar os principais eventos musicais de Galicia.
Un 84,6% das empresas TIC galegas dispoñen de software libre instalado nos seus equipos, tanto ordenadores persoais como servidores, segundo os resultados do informe que hoxe publica o Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia (OSIMGA), referido a datos de 2023. O informe do Observatorio, adscrito á Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, destaca que os produtos de software que máis habitualmente ofertan as empresas TIC de Galicia son os de xestión de negocio; sistemas de virtualización, servidores e aplicacións na nube; e xestión de contidos, páxinas web, e marketing dixital.
Galicia mantén un contacto estreito coa rexión de Bretaña nos últimos tempos. E é que comparten un criterio semellante na defensa dos seus intereses pesqueiros ante as institucións comunitarias, pois ocupan o primeiro e o segundo posto, respectivamente, nos produtos pesqueiros da Unión Europea. Froito desta relación, o conselleiro do Mar, Alfonso Villares, acompañado pola directoras xerais de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica e de Desenvolvemento Pesqueiro, Patricia García e Marta Villaverde, respectivamente, e a delegada territorial da Xunta nesta cidade, Ana Ortiz, mantiveron un encontro de traballo coa delegación da rexión francesa, encabezada polo vicepresidente de Mar e Litoral, Daniel Cueff.
Vénse de abrir o prazo de inscrición para a V Residencia literaria da Cidade da Cultura, que inicia unha nova etapa baixo a dirección da escritora e xestora cultural, Eva Mejuto. Esta nova convocatoria amplía a súa oferta para acoller, ademais de proxectos de narrativa, propostas teatrais e de poesía inéditos de autoras e autores emerxentes e escritos en galego. Ofrécense un total de 10 prazas, sete delas reservadas para persoas nacidas en 1989 e anos posteriores, que queiran perfeccionar as súas obras co acompañamento de autoras e autores de primeiro nivel nas letras galegas e españolas.
A 20ª Mostra Internacional de Cinema Etnográfico do Museo do Pobo Galego abre a vindeira semana en Santiago de Compostela o calendario anual de festivais audiovisuais que veñen recibindo o apoio da Xunta a través da liña específica de subvencións para estes eventos profesionais. A programación estenderase do 12 ao 16 de marzo con 13 filmes a concurso, máis de 40 proxeccións fóra do certame e diversas actividades paralelas para todos os públicos entre as que destaca a sesión inaugural protagonizada polo documental O carro e o home, recentemente dixitalizado pola Filmoteca de Galicia.
A directora xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático, Paula Uría, compareceu hoxe na Comisión 2ª do Parlamento onde avanzou que a Xunta vai poñer en marcha nos vindeiros meses a Oficina de Cambio Climático de Galicia co fin de facer un seguimento das medidas do II Plan Rexional Integrado de Enerxía e Clima 2030 (PRIEC). Ambos instrumentos buscan consolidar os avances na loita contra o quecemento global acadados nos últimos anos e que a comunidade siga sendo un referente a nivel nacional como refuxio climático, o que contribuirá a acadar a neutralidade climática en 2040.
Foi inaugurada na Biblioteca e Arquivo de Galicia a exposición 'Mulleres artistas: aprendendo o oficio' enmarcada na programación con motivo do Día da Muller, que se celebra o vindeiro 8 de marzo. Trátase dunha mostra coa que se convida a reflexionar sobre o acceso da muller á educación artística e que se poderá visitar na Cidade da Cultura ata finais deste ano. A mostra artéllase a partir de documentos históricos orixinais de entre 1785 e 1962, procedentes de dúas institucións fondamente enraizadas na cidade de Santiago de Compostela: a Real Sociedade Económica de Amigos do País e da Escola de Artes e Oficios.