Noticias

Galicia e Bretaña estreitan lazos na defensa dos intereses pesqueiros ante as institucións comunitarias

Galicia mantén un contacto estreito coa rexión de Bretaña nos últimos tempos. E é que comparten un criterio semellante na defensa dos seus intereses pesqueiros ante as institucións comunitarias, pois ocupan o primeiro e o segundo posto, respectivamente, nos produtos pesqueiros da Unión Europea. Froito desta relación, o conselleiro do Mar, Alfonso Villares, acompañado pola directoras xerais de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica e de Desenvolvemento Pesqueiro, Patricia García e Marta Villaverde, respectivamente, e a delegada territorial da Xunta nesta cidade, Ana Ortiz, mantiveron un encontro de traballo coa delegación da rexión francesa, encabezada polo vicepresidente de Mar e Litoral, Daniel Cueff.

Precisamente, no transcurso desta xuntanza, Villares, como exemplo do compromiso do Goberno galego co sector, explicou ao dirixente bretón que a comunidade, coa Estratexia da Economía Azul de Galicia, se converterá nun referente internacional en crecemento azul, dotando dun valor social, medioambiental e económico as nosas rías e ao territorio costeiro, desde un enfoque de protección, conservación e recuperación do medio mariño e da biodiversidade. Un documento imprescindible que mobilizará 144 millóns de euros, e que será clave para a súa planificación, xa que o sector marítimo-pesqueiro galego é líder, alcanzando un valor engadido bruto 25 veces superior ao da UE e máis de 6 veces superior ao de España.

Unha PPC que se axuste ás demandas do sector

Os dous dirixentes coincidiron na importancia de que dende a Comisión Europea se impulse unha nova Política Pesqueira Común que verdadeiramente dea resposta ás demandas do sector, como xa se reflectía no Ditame elaborado no seo do Consello Galego de Pesca, no que Galicia defendía e defende unha solución europea e europeísta que reforce a cohesión social e económica en termos pesqueiros, acuícolas e de transformación e comercialización dos produtos do mar; de igualdade normativa de cara ao interior e exterior da Unión (level playing field); de revisión do concepto de zona altamente dependente da pesca; de actualización da aplicación do deber de desembarque de todas as capturas; e de revisión do criterio de asignación de cotas para adaptalo ao patrón de capturas de cada pesqueira. E é que a actual (PPC) non conseguiu cumprir os obxectivos marcados, evidenciando que debe adaptarse aos novos requirimentos que demanda o sector: mantemento do equilibrio socioeconómico e ambiental; deseño dunha estratexia que dea solución aos problemas; creación emprego e produción sostible; e unha xestión da pesca baseada no coñecemento científico para evitar malos precedentes como o veto da pesca de fondo.

En outubro de 2022 entrou en vigor este veto en 87 áreas da Unión, que suman 16.400 quilómetros cadrados e constitúen unha boa parte dos casos para o arrastre e o palangre galego, pero tamén para o asturiano, o cántabro, o vasco e o andaluz. Un ataque inxustificado e arbitrario contra o sector que nin contou co aval de informes científicos, nin mediu o impacto socioeconómico que iba a provocar na frota. Esta deriva medioambientalista da Comisión Europea provocou que se prohibise o palangre de fondo, unha das artes máis selectivas que existe, como así o proba un informe da USC, que contabilizou a perda en 150.000 euros/ano para cada palangreiro e unha redución de 27 millóns de euros na facturación desta frota galega, ademais do solapamento nas zonas de pesca. A esta decisión da Comisión hai que engadir a posta en marcha en 2023 do Plan de Acción para protexer e restaurar os ecosistemas mariños, que incluíu a prohibición da pesca de arrastre en 2030 en todas as áreas protexidas, o 30% das augas da UE

Descarbonización

Polo que respecta á descarbonización, os dous dirixentes coincidiron en sinalar que esta se faga de xeito equilibrado, xusto e cun custe asumible para o sector. Neste senso, Villares destacou que Galicia rexeita a eliminación xeneralizada do combustible bonificado, pois poría en risco a rendibilidade e o futuro do sector e prexudicaría a flota galega que practica unha pesca responsable e sostible.

A pesca bretoa en cifras

Bretaña conta con 100 portos, repartidos en 12 distritos marítimos. Dispón dunha frota de 1.270 buques, na que traballan 4.800 pescadores. O peixe fresco desembarcado alcanza as 140.000 toneladas ao ano, o que supón o 50% da produción francesa e 290 millóns de euros. Con 21.00 toneladas é a primeira rexión produtora de mexillóns e a segunda de ostras (34.000/ano). Ocupa tamén o primeiro posto en cultivo de algas e o terceiro es piscicultura.

Traballa como organismo intermedio, de xeito que, ao abeiro do Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e Acuicultura (Fempa) 2021-2027, conta cun orzamento que supera os 58 millóns de euros, dos que 16,9 son para pesca sostible e conservación, 30 para acuicultura, 8 para os Galp e 3,3 para asistencia técnica. No caso de Galicia, tal e como trasladou Villares, percibe máis de 4 de cada 10 euros, con 366,2 millóns, seguida de Andalucía, Canaria, o País Vasco e Cataluña.

R., 2025-03-06

Actualidad

Foto del resto de noticias (museo_do_pobo_galego_2.jpg) Foi inaugurada no Museo do Pobo Galego a exposición 'Transfronteiriza', da artista e cineasta tudense Diana Gonçalves, que permanecerá aberta ao público ata o 28 de marzo de 2027. A mostra parte do documental 'Mulleres da Raia', da mesma autora, e froito de tres anos de investigación. A través da linguaxe cinematográfica, de materiais documentais, arquivos históricos e elementos patrimoniais, a proposta constrúe unha experiencia arredor da memoria compartida entre Galicia e o norte de Portugal. En concreto, Transfronteiriza recupera a memoria das mulleres que viviron na fronteira entre ambos territorios a mediados do século XX, que desempeñaron un papel fundamental no comercio transfronteirizo e na supervivencia económica das familias.
Foto de la tercera plana (cdc-00.jpg) Trátase dunha iniciativa que nace como evolución de Circo Presente Continuo e que se vai desenvolver por primeira vez fóra de Madrid. A Cidade da Cultura, o Teatro Principal e o Salón Teatro serán as súas sedes na capital galega, reunindo artistas, compañías, profesionais da programación, distribuidoras e institucións para compartir proxectos e favorecer novas oportunidades de colaboración e contratación. O programa inclúe oito espectáculos, seis mostras breves e catro traballos en proceso. Entre as propostas figuran Naufragio, de Labsurda; Serena, de Circ Bover; Matrimonio, de Kolektivo Konika; Siku, de Jessica Arpin; e Sen patrón, de Pistacatro, que ofreceu un adianto artístico durante a presentación.

Notas

O concerto de Sofía Ros na Casa do Saber do Campus de Lugo este luns, 26 de outubro, ás 20.15 horas, abre unha nova semana ateigada de citas culturais na USC. Música, diversos faladoiros, así como proxeccións audiovisuais integrarán os vindeiros eventos do Outono Cultural. Ese mesmo 26 de outubr,o no Pazo de Montenegro, a partir das 17.30 horas, desenvolverase o primeiro dos encontros 'Memoria democrática'. María Valcárcel, profesora da USC e periodista cultural, é a persoa coidadora deste proxecto. O acceso require inscrición previa.
A música folk será neste 2026 a gran protagonista do ciclo Música para reCREAr, que a Vicerreitoría do campus promove coa colaboración do Concello de Pontevedra, ao abeiro dun convenio de colaboración. Esta programación botará a andar este xoves 29 de outubro, ás 20.30 horas, no Pazo da Cultura, cunha actuación do grupo Caldo, mentres que o 12 de novembro, á mesma hora, poderá coñecerse o proxecto musical do dúo Abril.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES