Noticias

Galicia acada por segundo mes consecutivo o máximo histórico de afiliacións con 1.135.950 cotizantes e o mínimo de paro nun mes de xullo con 107.322 persoas

A directora xeral de Formación e Cualificación para o Emprego, Zeltia Lado, valorou os últimos datos de paro rexistrado e afiliacións á Seguridade Social, destacando que Galicia alcanza por segundo mes consecutivo o máximo histórico de afiliacións, con 1.135.950 cotizantes. Ao mesmo tempo, a Comunidade rexistra o menor número de persoas desempregadas nun mes de xullo de toda a serie, con 107.322 persoas paradas. No referido ás afiliacións, estas medran tanto na comparativa anual como na mensual. Galicia conta con preto de 22.500 afiliacións máis que hai un ano (+2,02 %) e con case 13.000 cotizantes máis que en xuño (+1,15 %), sendo a 3ª comunidade autónoma na que máis aumentan as afiliacións.

Polo que respecta ao paro rexistrado, descende un 0,5 % con respecto a xullo de 2025, o que supón 536 persoas desempregadas menos e encadea a 64ª baixada interanual consecutiva do desemprego.

A redución do paro anual esténdese a todos os sectores de actividade, liderada pola construción (-7,17 %) seguida do sector primario (-6,45 %), da industria (-2,60 %) e dos servizos (-1,70 %). En relación cos colectivos prioritarios, tanto as mulleres como as persoas paradas de longa duración acadan o menor nivel de desemprego para un mes de xullo de toda a serie histórica (desde maio de 2005). No caso das mulleres, o paro redúcese en case 600 persoas (-0,93 %) con respecto ao ano anterior; entre as persoas paradas de longa duración, a baixada é de arredor de 400 persoas (-0,74 %).

Segundo salientou Zeltia Lado, estes datos, analizados desde unha perspectiva de medio e longo prazo, confirman a fortaleza do mercado laboral galego e evidencian o impacto das políticas activas de emprego impulsadas pola Xunta. Por iso, remarcou a importancia de seguir consolidando estas medidas para favorecer un emprego de calidade e dar resposta ás necesidades de cobertura das vacantes das empresas.

R., 2026-08-04

Actualidad

Foto del resto de noticias (20261029-xunta.jpg) Galicia ocupa un lugar destacado nos Premios Nacionais de Investigación 2026, con cinco científicos galardoados. Tivo lugar o acto de entrega destes premios, celebrado no Palacio de Congresos de Europa, en Vitoria-Gasteiz. Os investigadores galegos que recibiron esta distinción son Ángel Carracedo, natural de Santa Comba, catedrático de Medicina na USC e director da Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica; a compostelana Carmen Álvarez Lorenzo, catedrática da USC e directora do Instituto de Materiais da USC (iMATUS); e Laura Castro Santos, de Betanzos, catedrática da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol, pertencente á UDC.
Foto de la tercera plana (festival-jazz-lugo-2026.jpg) O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito D’Rivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.

Notas

A USC impulsa un marco institucional para integrar a IA de maneira responsable, segura e transparente na docencia, na aprendizaxe, na investigación, na transferencia de coñecemento e na xestión universitaria. A iniciativa, aprobada en Consello de Goberno, articúlase a través dun regulamento de aplicación xeral ao que se suma o Plan de Formación en Intelixencia Artificial Responsable (FIAR).
O Campus Industrial de Ferrol reúne a máis de 50 empresas, entidades e asociacións na cuarta edición do FESTALENT, Feira de Empresas e Talento, un evento de referencia que se celebra no Pavillón Municipal de Esteiro. Organizada no marco do programa ImpúlsaT da UDC, a feira conta coa colaboración da Xunta de Galicia, a través da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración e da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES