
Froito deste traballo nace a tese Interrelación entre o procesamento, a microestrutura e as propiedades mecánicas no polímero semicondutor D18: coñecementos derivados de experimentos cuantitativos de dispersión de raios X de grande ángulo con incidencia rasante. Realizado dentro do Laboratorio de Polímeros Funcionais, este estudo analiza como as condicións de fabricación modifican a estrutura interna dos polímeros semicondutores, o que á súa vez condiciona a súa resistencia mecánica. Este coñecemento resulta fundamental para deseñar dispositivos electrónicos máis fiables e duradeiros.
Observar o interior dos materiais
Para responder esta cuestión, a investigadora empregou técnicas avanzadas de caracterización da estrutura dos materiais. Unha das máis relevantes é a dispersión de raios X de grande ángulo con incidencia rasante (GIWAXS, pola sigla en inglés), que permite analizar a organización interna de películas ultrafinas de polímero sen necesidade de alteralas. Igual que unha radiografía permite ver o interior do corpo sen necesidade de abrilo, esta técnica amosa como se distribúen e se ordenan as moléculas que forman o material.
Con todo, os datos obtidos mediante a GIWAXS non reflicten por si sós con exactitude o grao de orde do polímero. Unha das principais achegas da investigación foi desenvolver unha metodoloxía que permite corrixir esa información e cuantificar con maior precisión o seu grao de cristalinidade, é dicir, o nivel de organización das moléculas que o forman. Isto permitiu comprobar como as distintas condicións de fabricación modifican esa estrutura interna e, en consecuencia, as propiedades mecánicas do material.
Cara a dispositivos máis resistentes e eficientes
Ao establecer unha relación directa entre o proceso de fabricación, a estrutura dos polímeros e o seu comportamento mecánico, este traballo proporciona unha nova ferramenta para deseñar materiais con propiedades optimizadas. Trátase dun enfoque que permitirá desenvolver dispositivos de electrónica orgánica máis resistentes e duradeiros, con aplicacións en pantallas OLED, transistores orgánicos de efecto de campo (OFET), dispositivos fotovoltaicos orgánicos (OPV) e outras tecnoloxías flexibles emerxentes.
Defensa da tese
O traballo, dirixido polo investigador Jaime Martín, do Laboratorio de Polímeros Funcionais do CITENI, foi defendido o 23 de xullo de 2026 no Salón de Actos do Campus Industrial de Ferrol, dentro do Programa Oficial de Doutoramento en Física Aplicada da Universidade da Coruña.
O tribunal estivo composto por Esther Barrena, investigadora do Instituto de Ciencia de Materiais de Barcelona (ICMAB-CSIC), como presidenta; Belén Montero, investigadora do Grupo de Polímeros da Universidade da Coruña, como secretaria; e Alberto Davide Scaccabarozzi, profesor asistente do Politecnico di Milano, como vogal.
A tese, que recibiu a cualificación de sobresaínte, contribúe a ampliar o coñecemento sobre os polímeros semicondutores e abre novas posibilidades para o desenvolvemento de dispositivos de electrónica orgánica máis resistentes e duradeiros, ao tempo que reforza o papel do Campus Industrial de Ferrol na investigación en materiais avanzados.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.