Buscador
Noticias
O presidente da Xunta garantiu que o Goberno galego traballará ata o último momento ata que as praias galegas estean absolutamente limpas de residuos de pellets que están a chegar pola vertedura destes plásticos por parte do mercante Toconao. Desde o primeiro momento o obxectivo da Xunta é claro; non descansar ata que as praias queden totalmente limpas, garantiu, despois de informar da análise que o Consello da Xunta fixo sobre o impacto da vertedura de pellets.
A Xunta de Galicia intensificará a vixilancia das praias ante a posible chegada de máis pellets nos vindeiros días polo cambio das condicións marítimas, segundo informou hoxe a vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez. Durante a reunión que mantivo esta tarde con técnicos de MeteoGalicia para analizar a evolución das correntes mariñas, á que tamén asistiron o subdirector xeral de Servizo de Gardacostas, Lino Sexto, e a directora de Instituto tecnolóxico para o control do medio mariño (Intecmar), Covadonga Salgado, avaliáronse as previsións meteorolóxicas e a súa incidencia no desprazamento do material vertido polo mercante Toconao en augas portuguesas. Nesa liña, a vicepresidenta segunda explicou que un cento de efectivos se unirán, nos próximos días, ás máis de 200 persoas do operativo medioambiental despregado pola Xunta.
A Rede Galega de Teatros e Auditorios dá comezo mañá en Lugo á súa nova programación semestral, no marco da que, ata o vindeiro mes de xuño, terán lugar 351 funcións escénicas e musicais en 41 concellos de toda Galicia. A Xunta e as entidades locais asociadas cofinancian este circuíto, que para todo o ano 2024 conta cun orzamento de arredor de dous millóns de euros, destinado integramente á contratación de formacións artísticas profesionais de teatro, música, danza, circo e maxia, galegas na súa meirande parte. En concreto, durante estes seis primeiros meses do ano serán máis de 130 as compañías escénicas e grupos musicais que actuarán na rede autonómica, xestionada pola Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades.
As bibliotecas públicas celebrarán o Día do usuario/a das bibliotecas con máis dunha vintena de actividades para todos os públicos. A Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades anima á cidadanía a achegarse a estes espazos para desfrutar das citas, co obxectivo de ofrecer servizos de calidade e de carácter cultural e fomentar o gusto pola lectura. No marco desta cita, a Biblioteca Miguel González Garcés da Coruña agasallará aos usuarios con libros para fomentar a lectura e homenaxeará aos socios que máis préstamos realizaron no 2023, mentres que a Biblioteca de Lugo ten organizadas visitas guiadas polas súas instalacións.
Galicia presentará a súa proposta de promoción anual como destino turístico a partir do vindeiro 22 de xaneiro en Madrid na Feira Internacional de Turismo, Fitur, cunha aposta por consolidarse como un destino acolledor, auténtico e con proxección internacional. Farao cunha proposta programática na que as xentes, o clima, a natureza, a calidade e os recursos culturais adquiren un protagonismo especial na procura de atender a un turista que busca, cada vez máis, experiencias vitais enriquecedoras. Un espazo que recibirá aos visitantes co lema Xa estás en Galicia! daralles a benvida a unha comunidade onde a calidade, a biodiversidade e a sostibilidade serán os eixos dun percorrido polo patrimonio material e inmaterial do destino galego.
A Cidade da Cultura acolle neste primeiro mes do ano unha selección do mellor cine para público miúdo cunha nova edición de Pequefilmes, o festival internacional de curtametraxes infantís que proxectará no Gaiás máis de medio cento de obras procedentes de 16 países, o 26, 27 e 28 de xaneiro. Con Pequefilmes, a Xunta consolida a súa aposta por ofrecer contidos audiovisuais de calidade desde idades temperás, fomentado o gusto polo cinema e o espírito crítico da rapazada, que será a encargada de elixir cos seus votos as mellores curtametraxes que serán premiadas no festival.
A Escola de Arte e Superior de Deseño (EASD) Pablo Picasso pon o colofón á intensa celebración do 50º aniversario do pasamento do artista malagueño coa exposición 'Picasso, alumno desta escola'. Esta mostra reúne orixinais e láminas dos tres anos que cursou Pablo Picasso no centro (1892-1895). Alí, onde conseguiu praza como profesor de debuxo o seu pai, aprendeu os primeiros fundamentos do debuxo, publicando en 1894 a súa primeira obra mestra: unha rapaza descalza, nena pobre como moitas daquela época. Así mesmo atópanse ilustracións sobre o fauno, o home con cordeiro ou as bacanais, temas que debuxa Picasso na Coruña a partir de modelos de xeso.
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou hoxe que o Goberno galego eleva a nivel medio o Plan Territorial de Continxencias por Contaminación Mariña Accidental (Camgal) co obxecto de que o Goberno central actúe no mar para evitar deste xeito que máis pellets cheguen á costa. 'Trátase de traballar e colaborar entre todos', defendeu o mandatario galego sobre esta medida que deu a coñecer na Estrada (Pontevedra), tras visitar esta mañá a praia de Espiñeirido, en Porto do Son (A Coruña), unha da praias ás que teñen chegado estes residuos. Precisamente, salientou que máis de 200 profesionais da Administración autonómica, en colaboración cos concellos, están levando a cabo de forma monitorizada a limpeza destes pequenos plásticos en praias de 33 concellos.
A Filmoteca de Galicia inicia as proxeccións da súa primeira carteleira mensual de 2024, na que sobresae a retrospectiva que se lle dedica ao director nipón Masahiro Shinoda, en colaboración coa Fundación Xapón. Esta escolma insírese na sección Esenciais da cinemateca da Xunta, no marco da que tamén en xaneiro arranca un especial sobre o realizador alemán Wim Wenders, que terá continuidade en febreiro. Este mes conclúe, ademais, o ciclo dedicado ao cineasta italiano Pier Paolo Pasolini, proxéctase a terceira entrega de Cancións de Pedro Costa e ponse en marcha a nova sección Materiais para una historia do cinema en Galicia, co obxectivo de lle dar unha maior visibilidade ao patrimonio audiovisual que conserva o arquivo da Filmoteca.
A Xunta organizará no primeiro trimestre deste ano varias mesas de traballo abertas á participación de todos os membros da Alianza galega polo clima, para sentar as bases para establecer novas vías de colaboración e sinerxías na loita contra o cambio climático. Serán os primeiros encontros promovidos para favorecer o intercambio de experiencias, proxectos e iniciativas entre os aliados. Ano e medio despois da posta en marcha desta iniciativa para fomentar a colaboración entre axentes sociais e económicos e sumar o maior número de apoios en Galicia, chegou o momento de dar un paso máis e promover sinerxías entre os case 100 socios que suma.