
Nesta oitava edición a programación distribúese en tres seccións por idades: Vagalumes, para cativos de 0 a 3 anos de idade; Miñocas, a partir de 4 anos; e Fanecas, con pezas dirixidas a espectadores a partir dos 7 anos. As proxeccións serán no Edificio CINC da Cidade da Cultura e desde hoxe xa poden adquirirse as entradas a través de Ataquilla a un prezo de 3. Tamén se poderán mercar de maneira anticipada no despacho de billetes do Museo Centro Gaiás e no propio CINC os mesmos días das sesións.
Producións galegas e colaboracións internacionais
O festival infantil conta este ano entre as súas producións con 31 estreas en Galicia e nove en España. Ademais, entre a programación destacan dúas curtas galegas e en lingua galega. Trátase de O monstro e a nena de Jorge Juan Costas Mira e Morte e o meu avó de Gon Caride.
A programación conta tamén con filmes que recibiron importantes recoñecementos en prestixiosos festivais. É o caso da produción portuguesa Ice merchants de João Gonzalez, con nominación ao Oscar e premio á Mellor Curta Animada no Festival de Cine Infantil de Chicago, o máis importante do mundo neste xénero. Outras das cintas destacadas son Varken, premio á Mellor Curta Europea en Weird Market ou A white-white day distinguida como Mellor Curtametraxe Infantil en Insomnia.
Co obxectivo de apuntalar a difusión e crecemento internacional de Pequefilmes, fóra de concurso poderá verse, de balde previa retirada de convite, unha escolma de películas proxectadas nas últimas edicións de dous dos festivais de curtametraxes e cinema para a cativada máis relevantes de Europa: o Festival Clermont-Ferrand e o IndieJúnior do Porto.
Obradoiros de cinema de sombras
Pequefilmes volve nesta edición cuns obradoiros complementarios para que a cativada, ademais de ser espectadora, tamén poida converterse en cineasta por un día e crear as súas propias producións.
Nesta ocasión o público infantil poderá experimentar co cinema de sombras chinesas. Así, durante a sesión adaptarán un conto breve, previamente guionizado, unindo as técnicas do cine e do teatro de sombras. Crearán os personaxes e os escenarios con caixas de luz para ensaiar logo a animación, supervisados pola ilustradora Iria Fafián.
Para participar nos obradoiros é necesario mercar unha entrada (3 euros mais gastos de xestión) que inclúe tanto ao participante como a unha persoa adulta que deberá acompañalo durante a actividade. Poden adquirise de maneira anticipada en Ataquilla e no Museo Centro Gaiás, ademais de no Edificio CINC no mesmo día de cada obradoiro.
Na web www.cidadedacultura.gal pode consultarse toda a programación detallada.
O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito DRivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.
O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade sobre a actividade das infeccións respiratorias agudas referido á semana que rematou o 25 de outubro reflicte que a actividade gripal na comunidade mantén o seu nivel basal con tendencia crecente, constatando un incremento na dispensación de antigripais nas farmacias galegas. En concreto, a taxa de dispensación de antigripais nas farmacias aumentou un 38,9 % na última semana, mentres que a de probas de antíxenos se reduciu nun 17,9 %, tal e como informan as oficinas de farmacia integradas na rede sentinela impulsada pola Xunta, co obxectivo de anticipar a evolución dos virus respiratorios na comunidade.