Noticias

A Xunta intensificará a vixilancia das praias ante a posible chegada de máis pellets nos vindeiros días polo cambio das condicións marítimas

A Xunta de Galicia intensificará a vixilancia das praias ante a posible chegada de máis pellets nos vindeiros días polo cambio das condicións marítimas, segundo informou hoxe a vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez. Durante a reunión que mantivo esta tarde con técnicos de MeteoGalicia para analizar a evolución das correntes mariñas, á que tamén asistiron o subdirector xeral de Servizo de Gardacostas, Lino Sexto, e a directora de Instituto tecnolóxico para o control do medio mariño (Intecmar), Covadonga Salgado, avaliáronse as previsións meteorolóxicas e a súa incidencia no desprazamento do material vertido polo mercante Toconao en augas portuguesas. Nesa liña, a vicepresidenta segunda explicou que un cento de efectivos se unirán, nos próximos días, ás máis de 200 persoas do operativo medioambiental despregado pola Xunta.



A maiores, como avanzou o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, a Comunidade elevou ao nivel 2 o Plan territorial de continxencias por contaminación mariña accidental de Galicia (Plan Camgal) tendo en conta, entre outros, as predicións de MeteoGalicia.

Así, segundo incidiu Ángeles Vázquez, “o Goberno central debe actuar dentro das súas competencias e, sobre todo, no mar”. “Xa non hai escusas”, aseverou a vicepresidenta segunda, que engadiu que o Executivo central debe despregar xa os seus medios no ámbito mariño co obxectivo de recoller a maior cantidade posible de sacos evitando así a chegada de pequenas partículas á costa, cuxa retirada resulta moito máis complexa.

A responsable do Executivo autonómico fixo fincapé no respecto institucional e na vontade de colaboración de Galicia en contraposición á falta de comunicación e ás trabas por parte do Goberno central.

Nesa liña, salientou que hoxe mesmo transcendeu publicamente que as autoridades portuguesas comunicaron ao Executivo central o propio día 8 de decembro que o buque Toconao perdera seis contedores, un dos cales contiña material plástico. Sen embargo a vicepresidenta segunda lamentou que esa información non fora trasladada á Xunta, de xeito oficial, ata o día 3 de xaneiro, diminuíndo a capacidade de Galicia de activar unha resposta integral á posible chegada de restos á costa.

De feito, cómpre lembrar que a Goberno autonómico detectou a mediados do mes de decembro a chegada puntual de residuos plásticos a algúns areais, dos que descoñecía a súa orixe, e malia notificar esta incidencia ao Executivo central, este en ningún momento advertiu ás autoridades galegas do acontecido nas costas portuguesas co buque Toconao só uns días antes.

R., 2024-01-10

Actualidad

Foto del resto de noticias (festival-jazz-lugo-2026.jpg) O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito D’Rivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.
Foto de la tercera plana (gripe-vacinacion.jpg) O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade sobre a actividade das infeccións respiratorias agudas referido á semana que rematou o 25 de outubro reflicte que a actividade gripal na comunidade mantén o seu nivel basal con tendencia crecente, constatando un incremento na dispensación de antigripais nas farmacias galegas. En concreto, a taxa de dispensación de antigripais nas farmacias aumentou un 38,9 % na última semana, mentres que a de probas de antíxenos se reduciu nun 17,9 %, tal e como informan as oficinas de farmacia integradas na rede sentinela impulsada pola Xunta, co obxectivo de anticipar a evolución dos virus respiratorios na comunidade.

Notas

A USC impulsa un marco institucional para integrar a IA de maneira responsable, segura e transparente na docencia, na aprendizaxe, na investigación, na transferencia de coñecemento e na xestión universitaria. A iniciativa, aprobada en Consello de Goberno, articúlase a través dun regulamento de aplicación xeral ao que se suma o Plan de Formación en Intelixencia Artificial Responsable (FIAR).
O Campus Industrial de Ferrol reúne a máis de 50 empresas, entidades e asociacións na cuarta edición do FESTALENT, Feira de Empresas e Talento, un evento de referencia que se celebra no Pavillón Municipal de Esteiro. Organizada no marco do programa ImpúlsaT da UDC, a feira conta coa colaboración da Xunta de Galicia, a través da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración e da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES