Noticias

Galicia presentará en Fitur 2025 o seu programa anual de promoción turística nunha aposta pola consolidación internacional

Galicia presentará a súa proposta de promoción anual como destino turístico a partir do vindeiro 22 de xaneiro en Madrid na Feira Internacional de Turismo, Fitur, cunha aposta por consolidarse como un destino acolledor, auténtico e con proxección internacional. Farao cunha proposta programática na que as xentes, o clima, a natureza, a calidade e os recursos culturais adquiren un protagonismo especial na procura de atender a un turista que busca, cada vez máis, experiencias vitais enriquecedoras. Un espazo que recibirá aos visitantes co lema ‘Xa estás en Galicia!’ daralles a benvida a unha comunidade onde a calidade, a biodiversidade e a sostibilidade serán os eixos dun percorrido polo patrimonio material e inmaterial do destino galego.

O expositor, que acollerá a actividade promocional de Galicia ata o 26 de xaneiro, integrará elementos da natureza de costa, do interior e do clima como refuxio, representados pola rica vexetación e a biodiversidade da comunidade. Terán presenza recursos culturais a través do patrimonio material e inmaterial xunto coa herdanza natural milenaria que continua viva repercutindo en ámbitos sociais e económicos.

En base a estes principios, Turismo de Galicia contará cunha programación que desenvolverá principalmente os tres primeiros días a feira -do mércores ao venres- enfocados a profesionais, onde se prevén un total de 47 presentacións da Xunta de Galicia e de distintas entidades. Na fin de semana, Fitur abrirase ao público xeral, e será cando as actividades do expositor se complementen con actuacións e demostracións da cultura e artesanía galega. A programación completa pódese consultar na web www.turismo.gal

Reutilización e redeseño

A Xunta reutiliza, cun novo deseño máis actual e na liña das demandas turísticas do momento, o stand da pasada edición, que foi galardoado co Premio ao ‘Mellor Stand de Fitur 2024’, co obxecto de seguir parámetros de sostibilidade aproveitando materiais e recursos xa dispoñibles.

Así, nun espazo de case 1.100m2, con máis de 25 metros de pantallas led e apoiado en imaxes gráficas, o espazo transmitirá valores e sensacións que tentarán aproximarse ás emocións que poderán sentir os visitantes se elixen Galicia como destino.

Ademais, como cada ano, para favorecer e impulsar as relación comerciais e contactos cos empresarios do sector turístico galego, disporase dunha área específica de traballo e punto de encontro para as súas relacións comerciais.

O stand será atendido por informadores profesionais con formación e experiencia no eido da información turística de Galicia, acollendo e atendendo de xeito personalizado as demandas dos visitantes.

Fitur é das primeiras feiras turísticas do ano na que terá presenza Galicia este ano -no mes de xaneiro tamén está en Irlanda e Finlandia-, que se completará con ao redor de 30 feiras de promoción de destino máis de ámbito nacional e internacional.

R., 2024-01-10

Actualidad

Foto del resto de noticias (tecnoloxia-maiores.jpg) O 68,7 % da poboación galega de 16 a 74 anos dispón de competencias dixitais básicas ou avanzadas, fronte ao 61,4 % de 2025, o que supón un incremento relativo do 11,9 %. O 42,6 % da poboación galega de 16 a 74 anos ten competencias dixitais avanzadas, cinco puntos porcentuais máis ca en 2025, e o 26,1 % ten competencias básicas. Son datos publicados hoxe polo INE no informe sobre equipamento e uso das TIC nos fogares, analizados polo Observatorio da Sociedade da Información da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).
Foto de la tercera plana (circo-camino-2026.jpg) Foi presentada na Cidade da Cultura a iniciativa 'Circo no Camiño', que celebrará entre o 12 de novembro e o 6 de decembro a súa primeira edición, na que contará con artistas nacionais e internacionais. A proposta Circo no Camiño quere achegar as artes escénicas a diferentes localidades galegas relacionadas co Camiño de Santiago. Para isto avanza unha programación variada de espectáculos de circo, maxia, música, acrobacias, humor e animación de rúa dirixidos a todos os públicos, que se desenvolverán tanto nunha gran carpa como nas rúas.En concreto, a programación desenvolverase en catro localidades galegas: Verín, Lalín, A Estrada e Santiago de Compostela, onde se pechará a programación, entre os días 3 e o 6 de decembro.

Notas

O profesor da Facultade de Fisioterapia e investigador do grupo HealthyFit Pablo Campo é o coordinador dun proxecto que emprega a realidade virtual inmersiva e o exercicio terapéutico para promover a recuperación física e psicolóxica das e dos pacientes que se atopan ingresados tras someterse a tratamentos de terapia celular, como un transplante de medula ósea.
A raza Can de Palleiro demostrou unha constitución xenética singular e diferenciada con respecto doutras razas. Esta é unha das principais conclusións do estudo liderado polo catedrático da USC Paulino Martínez e cuxas conclusións se deron a coñecer nun acto que se desenvolveu na Facultade de Veterinaria de Lugo. Esta investigación xenómica para a caracterización e recuperación desta raza evidenciou que a diversidade xenética do Can de Palleiro sitúase no rango superior entre as razas estudadas.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES