Archivo (4 del 2019)

Buscador

Noticias

O Centro Dramático Galego (CDG) entra na terceira semana de representacións de Neorretranca e posmorriña no Salón Teatro de Santiago, onde poderá verse ata o vindeiro 5 de abril. A actividade retomarase mañá e o mércores cos primeiros pases matinais da campaña escolar da nova produción propia da compañía pública, dirixida por Gena Baamonde a partir dos textos Fantasía nº 5 en sol ou non, de Esther F. Carrodeguas, e Boisaca ou a divina desgraza, de Roi Vidal Ponte. Gena Baamonde dirixe Neorretranca e posmorriña para o CDG cun elenco integramente feminino do que forman parte Ánxela Blanco, Areta Bolado, Olga Cameselle, Mercedes Castro, Raquel Espada, Anabell Gago, Atenea García, Andrea Quintana, María Roja e Laura Villaverde.
As estradas de titularidade autonómica rexistraron en 2018 unha intensidade media diaria de 3.097 vehículos, un 2,2 % máis que no exercicio anterior. Así o expón a Memoria de Tráfico que elabora anualmente a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade e que se publicará nos vindeiros días. A intensidade media diaria (IMD) de vehículos superou ao valor autonómico nas vías das provincias de Pontevedra, con 4.408 vehículos ao día, e da Coruña, con 4.288. Por debaixo da IMD galega atópase o tráfico nas estradas de Ourense, con 1.642 vehículos ao día, e o de Lugo, con 1.582. Do tráfico rexistrado polas estacións de aforo durante o 2018, o 7,5 % correspondeuse con vehículos pesados, un valor similar ao ano pasado.
Durante o segundo trimestre deste ano o Plan DigiTalent, impulsado pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), amplíase con tres novas actuacións: a fase local da World Robot Olympiad e as Bolsas DigiTalent, ambas impulsadas pola Amtega, e a iniciativa The North Codes promovida pola empresa DXC Technology. Estas actuacións súmanse ás catorce iniciativas que veñen desenvolvendo desde o inicio do curso 2018-2019 e coas que a Amtega e o sector TIC suman esforzos para avanzar no desenvolvemento de dous dos eixos estratéxicos do Plan DigiTalent: as vocacións científico-tecnolóxicas e os novos perfís dixitais.
Un total de 915 alumnos e alumnas participan este curso na segunda edición do Programa Proxecta: Apuntámonos a non beber!!!, duplicando así a participación do ano pasado cando se celebrou a primeira edición do Programa. A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade pon en marcha por segunda vez este programa destinado ao alumnado de 1º da ESO dos centros públicos educativos galegos. Nesta edición participan un total de dezanove centros das catro provincias galegas, de Boiro, Melide, Zas, Negreira, Mugardos, Palas de Rei, Meira, Monforte, A Gudiña, dous centros escolares de O Barco de Valdeorras, Xinzo de Limia, Castro Caldelas, Moaña e Ourense.
A Cidade da Cultura abrirá ao público o Xardín do Teatro, o espazo verde co que culmina a transformación do baleiro deixado polo Teatro da Música, un dos dous edificios do Gaiás que non se chegou a rematar. Este novo xardín, de 11.574 metros cadrados, conta con especies botánicas procedentes de diferentes partes do mundo, un auditorio ao aire libre, estanques, instalacións para practicar deportes urbanos e áreas de lecer para gozar da natureza. O proxecto do Xardín do Teatro foi realizado polo estudio de arquitectura de Compostela RVR conxuntamente coa UTE Perea+Euroestudios. O deseño baséase nas ideas de diversidade e universalidade, a través dunha escolla de especies procedentes de todos os continentes, complementando así ao Bosque de Galicia.
Dez traballos procedentes das tres universidades galegas conforman o programa da vixésima Mostra de Teatro Universitario de Galicia que se desenvolverá no Teatro Principal e na Sala de Teatro Roberto Vidal Bolaño. Entre os días 22 de abril e 16 de maio, sete compañías da USC, dúas da Universidade de Vigo e unha da Coruña amosarán as súas montaxes escénicas dende as 21.00 horas, con función dobre os días 14 e 16 de maio. A entrada é de balde previo paso polo despacho de entradas, aberto dende as 18.00 horas no caso do Teatro Principal e dende as 20.30 horas na Sala Roberto Vidal Bolaño.
O próximo 30 de abril dará comezo a sección oficial do VIII Festival Primavera do Cine en Vigo. Nesta ocasión, para o apartado de curtametraxes, realizouse unha selección de 34 traballos divididos en tres categorías diferentes: curtas galegas, curtas lusófonas e curtas de animación. Entre as obras escollidas cabe destacar Madness de João Viana ou Altas cidades de Ossadas, de João Salaviza, ambas estreadas na Berlinale, Mariñeiro de Juan Galiñanes, unha peza documental con Celso Bugallo ou Americano, o último traballo do vigués Fon Cortizo. En definitiva, a octava edición do Primavera do Cine mostrará creacións dunha gran calidade artística.
O acto contou coa asistencia do director da exposición Xulio Xiz e do deán da Catedral de Lugo, Mario Vázquez Carballo. A exposición está organizada polo colectivo Egeria, co apoio da Xunta de Galicia, dirixida por Xulio Xiz, e coordinada por Antonio Xiz e conta coa asesoría histórica de Marcos Calles. A exposición está composta por 12 paneis dobres, compleméntase con fotografías e gravados alusivos a estes 350 anos de historia, e unha antoloxía de textos poéticos sobre o Santísimo, con obras do Licenciado Molina, Valentín Lamas Carvajal, Angel Johán, Díaz Castro, Calderón de la Barca, Angel Garrote, Luis Romero Porras, Manuel Rodríguez López, Enrique Saavedra Lastra, Evaristo Correa Calderón e María Rosa de Vega Araujo.
Os galegos Davide Salvado e Fernando Barroso son dous dos 20 artistas seleccionados para o cartel de concertos promocionais de SoL Madrid, evento profesional arredor do negocio da música que terá lugar do 6 ao 8 de xuño. Definido pola organización como evento boutique, SoL Madrid celebrarase no Impact Hub arredor dun programa de reunións de negocios entre empresas, profesionais e artistas cun exclusivo grupo de programadores de festivais, axencias de contratación e medios de comunicación procedentes de Asia, Estados Unidos, Europa e Latinoamérica. En paralelo, desenvolveranse os devanditos concertos promocionais, aos que estarán convidados os acreditados no encontro.
Tras a experiencia positiva do ano pasado, este ano volve celebrarse en Santiago o II Congreso Internacional O Camiño do Medievalista baixo o lema “Et Ultreia” que tradicionalmente os peregrinos do Camiño de Santiago adoitaban para incentivarse no esforzo de ir ‘máis aló’ ata chegar á tumba do Apóstolo. O encontro terá lugar no Paraninfo da Universidade compostelá entre os días 24 e 26 de abril e conta co apoio e a colaboración da Rede de Estudos Medievais Interdisciplinares, a Universidade de Santiago de Compostela, o Departamento de Historia da USC e o Centro de História da Sociedade e da Cultura da Universidade de Coimbra. Están previstos tres relatorios de recoñecidos especialistas no ámbito dos estudos filolóxicos, históricos e artísticos dedicados á Idade Media.
« Anterior | 3  de  6 | Siguiente »

Archivo

2024 (180)

2023 (515)

PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES