//if ($dataid['id'] == 2){ ?>
Noticias turismo
O Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas de Galicia (PNMTIAG) xa está certificado como destino de ecoturismo, que o converte no primeiro parque nacional de todo o país en obter este recoñecemento oficial ao seu traballo a prol da calidade e da sostibilidade turística dentro das áreas e espazos naturais amparados por algún tipo de protección. Así se deu a coñecer no VI Congreso Nacional de Ecoturismo, que se celebra no Pazo de Mariñán, escenario escollido pola súa localización dentro da Reserva de biosfera das Mariñas Coruñesas e Terras de Mandeo, que exerce de anfitriona e foi o primeiro destino de ecoturismo certificado en Galicia.
A Cidade da Cultura acolle os foros do proxecto 'Eurorrexión destino turístico intelixente' (EDIT) liderado pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia e financiado co Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER). No proxecto EDIT participan, ademais, a Axencia Turismo de Galicia, Turismo do Porto e Norte de Portugal, a Universidade do Minho, o Instituto Politécnico de Viana do Castelo e a asociación CCG/ZGDV Centro de Computación Gráfica. Entre os obxectivos do proxecto EDIT está o de normalizar os datos procedentes de sensores de Galicia e o Norte de Portugal que permitan controlar, analizar perfiles e xestionar os fluxos turísticos.
2022 foi un ano histórico para o turismo en Galicia con récord de peregrinos e unha ocupación hoteleira nunca vista no mes de agosto. Esta semana superouse a barreira das 348.000 compostelas do total de 2019, o ano con máis peregrinos desde que hai rexistros. Tendo en conta a progresión de afluencia no segundo ano do Xacobeo, podería pecharse o 2022 coa extraordinaria cifra de 400.000 peregrinos. En canto aos datos de ocupación hoteleira no mes de agosto, acadouse un máximo de viaxeiros e de pernoitas e un nivel de recuperación respecto do 2019 por riba da media de España.
Galicia espera unha ocupación entre o 75% e o 90%, acadando as mellores cifras na primeira quincena de agosto, segundo o informe presentado polo Clúster de Turismo de Galicia que levou a cabo unha consulta aos seus asociados, principalmente do sector hoteleiro, co obxectivo de coñecer as previsións do sector turístico galego para os meses de xullo e agosto. A recollida da información tivo lugar de forma telefónica os días 29 e 30 de xuño. As perspectivas son optimistas para o conxunto de Galicia, tendo en conta a recuperación do Camiño de Santiago e e dos turistas estranxeiros. Na provincia de Pontevedra agárdase acadar cifras similares ás de 2019, con ocupacións entre o 80 e o 90% no mes de agosto.
Tivo lugar a presentación da nova tempada dos Trens Turísticos de Galicia, que nos meses de setembro e outubro teñen programadas 37 saídas, con novos roteiros (a Ruta dos Queixos de Galicia e a Ruta de As Mariñas), melloras e novidades que amplían máis aló do verán o éxito desta experiencia que cumpre xa sete edicións. Xa se venderon un 26% de toda a oferta de prazas de trens turísticos desta edición, o que significaría que contando só a oferta de prazas do mes de xuño sería case do 75 %. Os Trens Turísticos de Galicia conseguiron unha ocupación de case o 100% na edición anterior entre os meses de xuño e agosto, o que mostra a súa consolidación como un dos produtos turísticos máis demandados polos galegos e visitantes.
Un total de 29 itinerarios galegos pertencentes a 19 municipios e cunha extensión total de máis de 220 quilómetros terán este ano o recoñecemento internacional de sendeiro azul. Este balance converte a Galicia, unha vez máis, na Comunidade española co maior número de distintivos deste tipo, un galardón que a Asociación de educación ambiental e do consumidor (Adeac) concede desde hai varios anos para recoñecer o papel das sendas e camiños como un recurso valioso para gozar da natureza, realizar actividades deportivas e de ocio ao aire libre e interpretar ambientalmente a contorna.
Un total de 112 praias galegas pertencentes a 34 municipios terán este verán unha bandeira azul, distintivo co que cada ano a Asociación de educación ambiental e do consumidor (Adeac) recoñece a areais de todo o mundo en base a criterios de sustentabilidade e de servizos. De todas as praias galardoadas nesta última edición cómpre subliñar que tres lucirán a bandeira por primeira vez: Porto Suevos, no concello de Arteixo; Banda do Río, en Bueu; e Santa Baia, en Vigo. Ademais, a de Fontela Valea, en Barreiros, volve sumarse á listaxe de areais galegos con esta distinción, despois de que o ano pasado non a recibira. Galicia concentra unha de cada cinco das bandeiras concedidas en 2022 en todo o país, con 112 areais recoñecidos que se estenden ao longo de 42,7 km.
O bo tempo meteorolóxico e as reservas de última hora para os días festivos, especialmente a partir do xoves permitiron que Galicia peche unha Semana Santa cunha ocupación media por riba das previsións establecidas polo sector en boa parte dos destinos turísticos galegos, que o sector sitúa por riba do 80%. No caso de destinos turísticos como Ferrol, Ourense Santiago de Compostela, a Mariña lucense ou Ribeira Sacra a ocupación foi incluso maior, situándose entre o 90% e o 100% nalgúns casos.
De cara á celebración de Semana Santa o sector turístico avanza boas perspectivas con previsións de ocupación entre o 60% e o 80%, se ben existen territorios que agardan acadar incluso ocupacións maiores como poden ser Santiago de Compostela, Ferrol ou Viveiro, polos de atracción polas celebracións vencelladas á Semana Santa. A meteoroloxía, as viaxes de proximidade e as reservas de última hora marcarán as ocupacións finais, aínda que o ritmo de chegada de peregrinos que se detecta nas últimas semanas apunta a unha Semana Santa boa para o sector. De feito, só na primeira semana do mes de abril chegaron a Santiago case 4000 peregrinos, máis dos que se chegaron en todo o mes de xaneiro e febreiro e tres veces máis dos que chegaron no mesmo período o ano pasado.
Os establecementos hoteleiros galegos triplicaron en xaneiro o número de viaxeiros e superaron en máis do dobre o número de noites consumidas respecto de xaneiro do ano pasado, segundo os datos recollidos no informe de Conxuntura Turística Hoteleira publicada hoxe polo Instituto Nacional de Estatística (INE). Deste xeito, Galicia rexistrou en xaneiro un total de 127.380 viaxeiros e 236.312 noites cunha estadía media de 1,9 noites. Estas cifras tradúcense en que Galicia mantén un bo ritmo de recuperación da demanda turística galega, que recupera este mes o 76% da demanda turística respecto a 2019.