
Pola súa parte, en Sanxenxo prevese que a ocupación se mova na contorna do 75% en xullo, mes moi dependente da climatoloxía e no que priman as reservas de última hora, mentres que en agosto as previsións elévanse ao 85-90%.
Os hoteis da cidade da Coruña estiman que as ocupacións se sitúen entre o 85 e o 90% este verán e nos establecementos de maior categoría estase a reincorporar o visitante internacional. En Santiago de Compostela, agárdanse ocupacións entre o 70 e o 75%, cun pico na ponte das Festas do Apóstolo. Pola súa parte, a previsión xeral para a Costa da Morte sitúase entre o 80 e o 90%, achegándose á plena ocupación na primeira quincena de agosto. Estase a rexistrar un notable incremento no número de peregrinos e peregrinas.
Os aloxamentos de Ferrol amósanse optimistas para este verán. Espérase unha boa ocupación en xullo e agosto, especialmente entre o 24 de xullo e o 16 de agosto. Obsérvase un notable incremento das persoas que transitan polo Camiño Inglés. Na provincia de Lugo impera o optimismo, especialmente para a segunda quincena de xullo e a primeira de agosto. As ocupacións esperadas cífranse entre o 75 e o 90%, porcentaxes que se elevan en localidades do Camiño Francés como Palas de Rei ou Sarria.
A ralentización no ritmo das reservas e a situación económica fan que o sector turístico da Ribeira Sacra sexa cauto á hora de facer previsións, estimando unha ocupación do 60% en xullo, se ben esta se eleva por riba do 70% nas fins de semana.
Por último, o feito de que a alta velocidade sexa por fin unha realidade impulsa o turismo en Ourense, de forma que se espera unha ocupación media do 80%. En todo caso, se ben o AVE acerca aos turistas á cidade das Burgas, tamén permite incrementar o número de excursionistas, persoas que se achegan a pasar exclusivamente unha xornada, sen facer noite.
Ocupación primeiros meses do ano
Nos primeiros cinco meses deste ano Galicia rexistrou preto de 1,7 millóns de viaxeiros aloxados e máis de 2,9 millóns de noites no conxunto dos establecementos de aloxamento como hoteis, pensións, apartamentos turísticos, cámpings, turismo rural e albergues. Así, Galicia superou por vez primeira na serie histórica a barreira de 2,9 millóns de noites no mes de maio.
No que se refire á entrega de Compostelas, dende o mes de febreiro estanse batendo récords de chegada de peregrinos e hoxe mesmo xa son preto de 159.000.
Galicia vén de pechar o mes de xullo máis cálido desde 1961, ano a partir do que se dispón na Comunidade de rexistros climatolóxicos. Esta é a principal conclusión do informe mensual elaborado por MeteoGalicia e que presentou esta mañá en Santiago a directora xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático, Paula Uría. Tal e como explicou, o valor medio da temperatura máxima se situou en 29 graos, cunha anomalía positiva de 3,5 graos en comparación cos rexistros das estacións meteorolóxicas máis representativas da Comunidade. Ademais, no caso da temperatura media o dato situouse en 22,5 graos, 2,8 graos por riba do valor normal climatolóxico para este mes.
O Diario Oficial de Galicia publicou a orde pola que se actualiza a relación de deportistas de alto nivel, alto rendemento, rendemento deportivo de base e vitalicias, así como persoas adestradoras ou técnicas, xuízas e árbitras recoñecidas de alto nivel. Esta actualización súmase ás realizadas en xuño e establece un novo récord de persoas recoñecidas, que ascenden a 1.941, das que 835 son mulleres (43%) e 1.106 homes (57%). Arredor do 76 % das persoas -1.466- son deportistas galegos de alto nivel (623 mulleres e 843 homes). Ademais, figuran 201 deportistas de alto rendemento (101 mulleres e 100 homes), 183 deportistas de rendemento deportivo de base (86 mulleres e 97 homes), 47 persoas técnicas de alto nivel (catro mulleres e 43 homes), 29 persoas árbitras e xuízas (16 mulleres e 13 homes) e 15 deportistas galegos de alto nivel vitalicios.