Noticias

O turismo en Galicia bate récord de peregrinos e acada unha ocupación hoteleira nunca vista no mes de agosto

2022 foi un ano histórico para o turismo en Galicia con récord de peregrinos e unha ocupación hoteleira nunca vista no mes de agosto. Esta semana superouse a barreira das 348.000 compostelas do total de 2019, o ano con máis peregrinos desde que hai rexistros. Tendo en conta a progresión de afluencia no segundo ano do Xacobeo, podería pecharse o 2022 coa extraordinaria cifra de 400.000 peregrinos. En canto aos datos de ocupación hoteleira no mes de agosto, acadouse un máximo de viaxeiros e de pernoitas e un nivel de recuperación respecto do 2019 por riba da media de España.

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, enxalzou o 2022 como un ano histórico para o turismo en Galicia con récord de peregrinos e unha ocupación hoteleira nunca vista no mes de agosto.

O presidente da Xunta salientou os bos datos turísticos que se están a acadar en Galicia con motivo da entrega dos novos recoñecementos Q de Calidade Turística outorgados o ano pasado polo Instituto para a Calidade Turística Española (ICTE).

Alfonso Rueda chamou a atención sobre a transcendencia de que ao longo desta semana se superara a barreira das 348.000 compostelas do total de 2019, o ano con máis peregrinos desde que hai rexistros. Puxo en valor que esa marca histórica chegaba incluso antes de que rematara o verán e recordou que quedan aínda tres meses por diante “que nos darán moitas alegrías”. Adiantou, ademais, que todos os datos indican que, tendo en conta a progresión de afluencia no segundo ano do Xacobeo, podería pecharse o 2022 coa extraordinaria cifra de 400.000 peregrinos.

Polo que respecta aos datos de ocupación hoteleira no mes de agosto que acaban de darse a coñecer, Rueda calificounos de “espectaculares”, cun máximo de viaxeiros e de pernoitas e un nivel de recuperación respecto do 2019 por riba da media de España.

Acadáronse 726.543 viaxeiros, un máximo da serie histórica de agosto. E no que respecta ás noites, con máis de 1,6 millóns, Galicia iguala o máximo histórico do oitavo mes do ano acadado no 2017 e supera o do anterior Xacobeo (1,4 millóns de noites). As cifras de viaxeiros aloxados superan nun 9,9% as do 2019, antes da pandemia; e as de noites, nun 3,4%. No conxunto de España, o nivel de recuperación respecto do 2019 sitúase no 98%, mentres que en Galicia está por riba do 100% por terceiro mes consecutivo, consolidando a tendencia positiva dos últimos meses. Ademais, Galicia lidera os bos datos turísticos da España Verde xunto co País Vasco.

No acumulado do ano 2022, son 4,1 millóns os viaxeiros aloxados, cun incremento do 82,4% respecto do 2021 e dun 23,6% respecto do 2019. As noites acumuladas suman 7,9 millóns, que son un 59,3% máis que no 2021 e un 11,6% máis que no 2019.

O presidente da Xunta asegurou que estas boas novas confirman que a estratexia emprendida para facer do turismo un dos motores da recuperación económica de Galicia foi axeitada, e que a aposta polo turismo de calidade, unha marca diferencial.

Líderes en certificacións de calidade

O acto de entrega dos novos recoñecementos Q de Calidade Turística tivo lugar na Finca Montesqueiro de Oleiros, o primeiro establecemento orientado á celebración de eventos que consegue este distintivo. No evento tamén se lle outorgou unha mención especial á Travesía Náutica Xacobea por ser a única empresa distinguida como ruta turística, un novo sector na entidade que xestiona o Instituto para a Calidade Turística Española (ICTE) e que confirma o liderado de Galicia nunha marca que aporta prestixio, profesionalidade, diferenciación, rigor e promoción aos certificados. A Comunidade, ademais, sumou no 2021 un museo, o Castelo de Soutomaior.

Con 325 acreditacións -31 novas no 2021- Galicia sitúase no liderado desta marca que premia a excelencia na xestión turística, sendo a segunda Comunidade Autónoma, só por detrás de Andalucía, con máis certificacións. Galicia, ademais, reforza a súa posición vantaxosa en relación ás CCAA da España Verde, e é líder en 13 categorías e pioneira e única Comunidade con certificacións nas modalidades de albergues turísticos, espazos públicos senlleiros, aloxamentos sostibles e rutas turísticas.

Alfonso Rueda destacou que nada disto sería posible sen a implicación das empresas turísticas e dos seus traballadores, dos seus axentes e dos seus clientes. A todos eles felicitounos pola súa profesionalidade e interpretou os bos datos como un aval ao bo facer do sector e á estratexia emprendida da man do Xacobeo. “Podemos estar orgullosos”, dixo.

R., 2022-09-23

Actualidad

Foto del resto de noticias (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
Foto de la tercera plana (vacinacion-2026-01.jpg) A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES