Noticias

Galicia é a comunidade española con máis sendeiros azuis, cun total de 29 que se estenden ao longo de máis de 220 Km

Un total de 29 itinerarios galegos pertencentes a 19 municipios e cunha extensión total de máis de 220 quilómetros terán este ano o recoñecemento internacional de sendeiro azul. Este balance converte a Galicia, unha vez máis, na Comunidade española co maior número de distintivos deste tipo, un galardón que a Asociación de educación ambiental e do consumidor (Adeac) concede desde hai varios anos para recoñecer o papel das sendas e camiños como un recurso valioso para gozar da natureza, realizar actividades deportivas e de ocio ao aire libre e interpretar ambientalmente a contorna.

A relación de galardoados deuse a coñecer esta mañá en Madrid no marco do acto de entrega oficial das bandeiras azuis que, por primeira vez, lucirán os 73 municipios onde se localizan os 86 sendeiros seleccionados por Adeac en España. Este é o primeiro ano que se convoca unha cerimonia propia e separada para anunciar os sendeiros azuis.

Ao evento acudiu en representación da Xunta a directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, quen subliñou que case a metade dos 474 quilómetros que ocupan os novos itinerarios azuis declarados no conxunto do país, están en Galicia.

Neste sentido, considerou que este novo recoñecemento, sumado ás 112 bandeiras outorgadas tamén ás súas praias, ás 11 que recibiron outros tantos portos deportivos e aos 14 centros azuis, consolidan a súa posición entre as comunidades españolas e do mundo que ano tras ano concentran un maior número de distintivos azuis. De feito, Galicia recibiu este ano un total de 166 galardóns entre areais, instalacións portuarias, centros e sendeiros, o que supón 11 máis que o ano pasado.

Novidades no balance de 2022

Entre as principais novidades das rutas distinguidas este ano en Galicia cómpre subliñar que os concellos de Poio e Ribeira entran por primeira vez na listaxe grazas ao recoñecemento do sendeiro litoral de Poio e ao sendeiro litoral de Coroso-Río Azor.

Así mesmo, Sanxenxo repite como o municipio español con máis sendas recoñecidas no seu termo municipal, un total de 7, das cales 1 é nova —a ruta dos carballos de Aldariz— e as outras 6 xa recibiran este recoñecemento en 2021 pero aglutinadas como unha rede de sendeiros.

Tamén destaca o caso de Vigo, que gozará de 3 sendeiros azuis este ano e que se converte deste xeito no segundo municipio español, xunto ao de Cartaxena, con máis sendas galardoadas.

En canto ao reparto por provincias, Pontevedra, con 19 itinerarios localizados nun total de 9 municipios, lidera o ‘ranking’ provincial a nivel autonómico e tamén nacional; seguida da Coruña, con 6 sendeiros noutros tantos concellos; e de Lugo, que suma 4 itinerarios azuis no mesmo número de municipios.

R., 2022-05-26

Actualidad

Foto del resto de noticias (festival.jpg) O porto da Coruña converterase este outono nun dos grandes espazos da música en directo en Galicia coa celebración da segunda edición de Son & Mar A Coruña. Entre o 18 de setembro e o 11 de outubro traerá á cidade máis de 30 artistas en 12 eventos repartidos ao longo de catro fins de semana, reforzando unha proposta que combina música, cultura e territorio. A principal novidade desta edición é precisamente o seu crecemento. Tras a boa acollida da estrea en 2025, Son & Mar A Coruña pasa de seis a 12 eventos, ampliando tamén a súa duración de dous a catro fins de semana consecutivos. Esta evolución reforza a vocación do ciclo de consolidarse como unha das novas citas musicais de referencia do calendario galego.
Foto de la tercera plana (medallas-ouro-galicia-2026.jpg) Unha das Medallas recae en Claudia Álvarez, empresaria arxentina de orixe galega, que preside o grupo Álvarez Argüelles Hoteles. Un negocio familiar que comezou en Mar del Plata e que conta con hoteis en distintos puntos de América. Outra das galardoadas é a fiscal xefa de Menores no cantón suízo de Argovia, Beatriz Gil, que mantén unha estreita colaboración co asociacionismo galego en Zúrich. A terceira Medalla homenaxea a Carla Angola, filla dunha ourensá exiliada tras a guerra civil española, e hoxe 'unha das xornalistas máis influentes de Venezuela'. A cuarta Medalla de Galicia é para a odontológa Camila Fernández, unha das profesionais máis relevantes no Brasil.

Notas

Un equipo internacional liderado desde Galicia polo grupo de Biotecnoloxía e Mellora Forestal da Misión Biolóxica de Galicia do CSIC e que contou coa participación do investigador da Facultade de Bioloxía Javier Sampedro conseguiu por primeira vez a edición xenética dun xene de susceptibilidade nunha especie forestal, o castiñeiro europeo (Castanea sativa), aplicando a tecnoloxía CRISPR/Cas9. No estudo colaboran tamén as Universidades de Turín e Politécnica de Madrid.
Un equipo do Instituto de Investigación en Física, Computación e Ciencia Aeroespacial (Ifcae) da Universidade de Vigo está a desenvolver un proxecto estatal centrado na simulación de sistemas cuánticos non lineais multidimensionais mediante redes neuronais informadas por física. Empregando intelixencia artificial, nel buscan atopar novas propiedades físicas en sistemas cuánticos e fotónicos.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES