Actualidad de Turismo

Noticias turismo

O Instituto Nacional de Estatística fixo públicos os datos turísticos relativos ao mes de marzo que revelan que no primeiro trimestre o turismo internacional creceu preto dun 3% en relación ao mesmo período de 2018. Tamén se observa un comportamento positivo no relativo ao turismo interno, que tamén experimentou unha suba do mesmo nivel. As cifras deste primeiro trimestre están condicionadas por un factor externo, xa que no ano 2018 a Semana Santa celebrouse en marzo. Sen embargo, isto non afectou ao turismo interno e internacional. No que se refire ao primeiro trimestre do ano, os viaxeiros quedaron máis días en Galicia. A estadía media medrou máis dun 3% colocando o dato deste ano no máis elevado desde o 2014.
O Camiño de Santiago medrou un 61,34% durante esta Semana Santa con respecto á de 2018, que se celebrara a finais do mes de marzo. Entre o Venres de Dores e o Domingo de Resurrección recolleron a Compostela un total de 13.969 camiñantes, a maior parte chegaron a partir do Xoves Santo. En total, nesas catro xornadas, foron máis de 8.000 peregrinos, o que supuxo un 58,41% do total e rexistráronse picos de máis de 2.000 diarios en xornadas como o venres e o sábado. Durante toda a Semana Santa, a maior parte dos peregrinos procederon do estranxeiro. De feito, o 51,6% dos que recolleron a Compostela entre o venres 12 e o domingo 21 chegaron de fóra de España, destacando especialmente os portugueses, alemáns, irlandeses e estadounidenses.
As Montañas do Courel foron declaradas Xeoparque Mundial pola UNESCO nunha reunión celebrada en París por este organismo internacional dependente de Nacións Unidas. Este territorio da provincia de Lugo, que abrangue os concellos de Folgoso do Courel, Ribas de Sil e Quiroga convértese, así, no primeiro Xeoparque Mundial de Galicia e do Noroeste de España, ocupando o posto número 13 do país. Así, queda integrado O Courel nunha rede mundial de parques xeolóxicos e áreas naturais protexidas formada por un total de 141 territorios en todo o mundo, o que supón un extraordinario impulso ao turismo da zona e abre novas posibilidades e oportunidades económicas. A candidatura a Xeoparque Mundial foi presentada en novembro de 2017 ante a UNESCO.
Os aspectos clave do proxecto son a integración nun único punto de toda a información turística da provincia de Ourense por medio do uso dun modelo tecnolóxico aberto (esquema Open Data) sobre a que se fomente a participación, o diálogo e a colaboración entre os turistas a través das novas tecnoloxías e as canles dixitais. Tamén, entre as innovacións do proxecto analizadas hoxe destaca a interoperabilidade, xa que a plataforma será capaz de obter información de diferentes fontes de datos; e a potenciación dos turismos accesible, activo, termal e cultural, ademais de fomentar o carácter innovador do sector turístico da provincia a través de solucións TIC punteiras como son: Big Data, Realidade Aumentada, Realidade Virtual, portais web de potenciación e Marketing Dixital.
A Fundación Artesanía de Galicia, organiza esta Semana Santa en Madrid a terceira edición da tenda pop up Galicia, Saberes e Sabores, que se celebrará no Palacio de Santa Bárbara (Hortaleza, 87) entre o 12 e o 21 de abril. Na iniciativa poderase tocar e saborear a esencia de Galicia grazas á presenza de nove profesionais de Artesanía de Galicia, así como de dez expositores de produtos gastrónomicos. Ademais, haberá un espazo de exposición e venda de pezas artesanais elaboradas por arredor de 50 talleres artesáns galegos. Como en anteriores edicións, a programación completarase con actividades e talleres de gastronomía e artesanía gratuítos para familias.
O labor de promoción internacional da oferta turística galega céntrase estes días en Portugal, que, segundo o Instituto Nacional de Estatística (INE), é o primeiro mercado estranxeiro que achega máis viaxeiros á comunidade galega. De feito, a súa demanda turística medrou o ano pasado case un 7%. Así pois, a oferta turística galega está estes días en Lisboa, dentro da feira Mundo Abreu, un certame organizado polo operador turístico Viaxes Abreu no que participan os axentes da compañía e varios destinos turísticos convidados, entre eles Galicia. Galicia está presente cun recinto aberto ao público a través do que se difunde a súa oferta turística.
A Ribeira Sacra foi elixida hoxe candidata de España para Patrimonio Mundial da UNESCO. Así o ditaminou por unanimidade o Consello de Patrimonio Histórico, reunido no mosteiro de Santo Estevo de Ribas do Sil (Nogueira de Ramuín). A Ribeira Sacra abrangue 22 concellos das provincias de Ourense e Lugo, entre os vales do Sil e o Miño. Reúne un conxunto de cenobios, mosteiros, igrexas, capelas e cruceiros que, pola súa variedade e densidade, configuran un espazo cultural único en todo o mundo, destaca o Consello de Patrimonio Histórico. A candidatura española será presentada ante o organismo internacional en febreiro de 2020 e a inclusión resolverase en 2021.
Este órgano entre a Administración do Estado e as Comunidades Autónomas ten como finalidade especial facilitar a comunicación e o intercambio de programas de actuación e información relativos ao Patrimonio Cultural Español e nel están representados todos os directores xerais con competencias en materia do patrimonio cultural das distintas autonomías españolas, xunto cos representantes do Ministerio de Cultura e Deporte. Hoxe celebrouse apertura deste Consejo que se celebra estes días no Mosteiro de Santo Estevo de Ribas de Sil. A orde do día inclúe a exposición dos aspectos técnicos da candidatura da Ribeira Sacra.
O Instituto Nacional de Estatística fixo públicos os datos turísticos relativos ao mes de febreiro que revelan que o aloxamento regrado da Comunidade galega rexistrou a demanda máis alta dos últimos nove anos. Con máis de 352.000 pernoitas acadáronse valores moi similares aos do Ano Santo 2010. Este é o segundo ano consecutivo no que se rexistra un crecemento da demanda turística en febreiro, contabilizándose en total preto de 3.600 noites máis que no mesmo mes de 2018. As estatísticas indican que estes datos son froito do bo comportamento nos establecementos hoteleiros, que foron os preferidos polos viaxeiros no mes de febreiro.
Este récord de certificacións sitúa á Comunidade galega como a segunda neste tipo de distincións e a primeira da España Verde. Un éxito que se traduce na chegada de 4,8 millóns de visitantes no ano 2018, no incremento da estadía media e tamén no gasto; e que se verifica, así mesmo, no Camiño de Santiago que superou os 320.000 peregrinos en 2018 e se diversifica polos diferentes itinerarios. O sector aposta pola desestacionalización, como reflicten os datos publicados polo INE sobre aloxamento hoteleiro, que indican que 6 de cada 10 turistas que chegan a Galicia fano fóra do verán. Así, no mes de febreiro vendéronse na Comunidade máis de 330.000 noites, un 2% máis que en febreiro do pasado ano.
« Anterior | 21  de  28 | Siguiente »

Notas turismo

      


ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICIDAD
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES