A demanda turística en Galicia durante o mes de febreiro sitúase no nivel máis alto dos últimos nove anos
O Instituto Nacional de Estatística fixo públicos os datos turísticos relativos ao mes de febreiro que revelan que o aloxamento regrado da Comunidade galega rexistrou a demanda máis alta dos últimos nove anos. Con máis de 352.000 pernoitas acadáronse valores moi similares aos do Ano Santo 2010. Este é o segundo ano consecutivo no que se rexistra un crecemento da demanda turística en febreiro, contabilizándose en total preto de 3.600 noites máis que no mesmo mes de 2018. As estatísticas indican que estes datos son froito do bo comportamento nos establecementos hoteleiros, que foron os preferidos polos viaxeiros no mes de febreiro.

O Instituto Nacional de Estatística (INE) fixo hoxe públicos os datos turísticos relativos ao mes de febreiro que revelan que o aloxamento regrado da Comunidade galega -que engloba aos hoteis, pensións, apartamentos turísticos, cámpings e turismo rural- rexistrou a demanda máis alta dos últimos nove anos. Con máis de 352.000 pernoitas acadáronse, ademais, valores moi similares aos do Ano Santo 2010.
O INE amosa que, cun crecemento do 1%, Galicia superou a media española, onde as pernoitas baixaron case un punto. Este é o segundo ano consecutivo no que se rexistra un crecemento da demanda turística en febreiro, contabilizándose en total preto de 3.600 noites máis que no mesmo mes de 2018. As estatísticas indican que estes datos son froito do bo comportamento nos establecementos hoteleiros, que foron os preferidos polos viaxeiros no mes de febreiro: os hoteis e pensións supuxeron o 94,5% da demanda turística, o 5,5% restante de viaxeiros escolleron tipoloxías de aloxamento extrahoteleiro (apartamentos turísticos, campings e establecementos de turismo rural).
Crecemento da estadía media
En febreiro viaxaron a Galicia máis turistas nacionais do que o fixeran un ano antes. En concreto a demanda deste mercado superou as 293.000 noites, a cifra máis elevada dos últimos tres anos. Segundo as cifras aportadas polo INE, os viaxeiros que escollen a Comunidade como destino optan por pasar cada vez máis días en Galicia. A estadía media creceu en febreiro case un 2%, mentres que no resto do Estado baixou máis dun 3%.
No que se refire ao primeiro bimestre do ano, o comportamento é moi similar. As pernoitas tamén medran en Galicia por riba da media española. A cifra de noites rexistradas en xaneiro e febreiro supera as 670.000, un 1,3% máis que o ano anterior. Mentres, no resto do Estado as pernoitas baixaron neste período case un punto. En total, nos dous meses analizados polo INE, Galicia recibiu máis de 363.000 viaxeiros.
R., 2019-04-01
Actualidad

A cidade da Coruña acolle do 16 ao 24 de maio o Galicia Design Week, festival dedicado ao deseño e de referencia neste ámbito para todo o noroeste peninsular, que desenvolve a súa sexta edición para promover e difundir a creación galega e internacional do sector. O encontro, codirixido por Marta González Rivas e Álex Rico Caramés, e que forma parte da prestixiosa organización World Design Weeks, ofrece unha ampla programación con acceso gratuíto a un total de 21 actividades. Coloquios, exposicións, sesións musicais e gastronomía conforman unha proposta na que o obxectivo é poñer en valor un eido creativo de gran potencial e transversalidade, entre a creación cultural e a produción industrial.

As 105.378 doazóns de sangue do ano pasado supoñen 1.853 máis que no 2023, representando un incremento de preto dun 2 %. O incremento producido nas doazóns de sangue permite elevar un punto máis a taxa global galega, pasando de 38 a 39 doazóns por cada 1.000 habitantes e ano, situando á nosa comunidade entre as que contan cun nivel máis alto de participación en todo o Estado, manténdose ao redor dos tres puntos por riba da media nacional. Outro dato moi positivo é o feito de que o pasado ano 8.931 persoas doaron sangue por primeira vez.
Notas
A ciencia volve espallarse polas cidades de Lugo e Santiago de Compostela grazas a unha nova edición do Pint of Science, un festival de divulgación científica que ten como obxectivo comunicar ao público os avances neste eido dunha maneira interesante e atractiva, levando a especialistas vinculados á USC aos bares e a outros lugares accesibles para o conxunto da cidadanía. O festival que chega este ano á súa décima edición desenvólvese os días 19, 20 e 21 de maio.
O libreiro de vello e investigador Xosé Manuel Valín Barreiro será protagonista este sábado do espazo 'De conversa con...', que forma parte da programación de actividades culturais da taberna A despensa do Saa. Valín falará de Libros con historia. Xosé Manuel Valín é o titular da librería de vello Valín Libros, en Lugo. É autor de 'Lugo, entre la historia y la leyenda', 'Orígenes, mitos y leyendas de Galicia' e 'Manuel Pajón, o bardo lugués'.