
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, felicitou hoxe ao sector turístico galego cuxas 282 Q de Calidade acreditan, dixo, a súa permanente expansión e renovación.
Durante o acto de entrega dos diplomas Q de Calidade Turística 2018, Feijóo destacou o éxito patente no récord de certificacións que sitúan á Comunidade galega como a segunda neste tipo de distincións e a primeira da España Verde. Un éxito que se traduce na chegada de 4,8 millóns de visitantes no ano 2018, no incremento da estadía media e tamén no gasto; e que se verifica, así mesmo, no Camiño de Santiago que superou os 320.000 peregrinos en 2018 e se diversifica polos diferentes itinerarios.
Nesta mesma liña, felicitou ao sector pola súa aposta pola desestacionalización, como reflicten os datos publicados polo INE sobre aloxamento hoteleiro, que indican que 6 de cada 10 turistas que chegan a Galicia fano fóra do verán. Así, no mes de febreiro vendéronse na Comunidade máis de 330.000 noites, un 2% máis que en febreiro do pasado ano.
O responsable do Executivo autonómico aproveitou o evento para salientar que a hospitalidade galega non se limita a un recinto concreto ou a unha actividade específica; é unha singularidade de Galicia enteira, dixo, precisando que os visitantes poden desfrutar dun turismo de convivencia.
En Galicia cada galego é un anfitrión. O sector turístico abrangue a todo un pobo que entende a dobre faciana do turismo como ingreso económico e como proxección amable dunha comunidade, dixo, subliñando que esa Galicia anfitrioa sabe aproveitar o valor da paisaxe, como proba o feito de que das 6 empresas españolas de turismo activo con Q de Calidade, 4 sexan galegas; ou que a Autonomía galega sexa líder en España en portos deportivos certificados coa Q de calidade e, tamén, en aloxamentos rurais e no turismo industrial que inclúe as adegas.
Así mesmo, no eido termal, resaltou que Galicia sitúase como a segunda potencia europea, concentrando ademais preto do 20% dos hoteis españois coa certificación de calidade. Só é superada polo País Vasco en axencias de viaxe certificadas e ocupa o segundo posto nacional en servizos de restauración coa Q de calidade.
Feijóo concluíu referíndose ao recoñecemento á excelencia ao restaurante A Tafona de Lucía Freitas; hai tradición e innovación nesta cociñeira compostelá que sabe facer de cada prato unha mensaxe de galeguidade, aseverou, sinalando que este acto proba que Galicia conta cos mellores profesionais e co mellor país para facer do Xacobeo 2021 un novo fito na andaina desta Comunidade, anfitrioa do mundo.
O Consello da Xunta analizou na súa reunión de hoxe un informe da Consellería do Medio Rural sobre o anteproxecto de Lei de loita contra os incendios forestais de Galicia (LLCIF), antes da súa remisión para consulta ao Consello Forestal de Galicia, cuxa reunión está prevista para mañá martes. A futura normativa prioriza reforzar a protección da poboación e a xestión integral do territorio. O presidente do Goberno autonómico, Alfonso Rueda, lembrou que actual lexislación sobre incendios forestais 'ten case 20 anos' e 'cómpre actualizarla e adaptala aos novos tipos de lumes así como aos avances que houbo tanto na loita como na prevención de incendios'.
Galicia é a rexión que máis solicitudes presentou en Europa para participar en proxectos interrexionais de I+D+i. Así o indican os datos da Vanguard Initiative, alianza europea da que a nosa Comunidade forma parte, xunto a outras rexións, para estimular o crecemento europeo da I+D+i a través da colaboración entre territorios de distintos países e a especialización intelixente. Precisamente a Xunta vén de publicar a convocatoria VInnovate Galicia, unha liña de axudas para organismos de investigación e empresas que presenten proxectos con outras rexións. Para poder candidatar á convocatoria VInnovate Galicia da Xunta, cuxo prazo de presentación de propostas está aberto desde hoxe ata o 19 de outubro, os posibles participantes teñen que presentarse antes á fase europea.