//if ($dataid['id'] == 2){ ?>
Noticias economia
O mercado laboral galego baixa por primeira vez das 117.000 persoas desempregadas desde que hai rexistros (1996) ao obter en abril unha cifra de paro de 115.545, o que supón unha redución nas evolucións anual (-8,54) e mensual (-3,03) que é superior en ambos casos á reflectida na media do Estado. Ademais, acada o máximo nivel de afiliacións á Seguridade Social nun mes de abril de toda a serie (2004), con 1.087.434 persoas. Galicia é a terceira comunidade autónoma na que máis descende o paro en termos relativos na comparativa anual e especificou que neste caso avantaxa ao conxunto do Estado en 2,77 puntos (-5,77). En canto ás afiliacións á Seguridade Social, o titular de Emprego destacou ademais que Galicia conta con 19.099 máis en relación a hai un ano.
O novo Plan Estratéxico de Comercio de Galicia 2025-2030 foi presentado pola Xunta de Galicia a través de 74 accións que, cun orzamento de máis de 320 millóns de euros, potenciarán e incrementarán a competitividade, a visibilidade e a gobernanza deste sector, que na nosa comunidades ocupa a máis de 107.000 persoas en máis de 32.000 establecementos, o que fai que Galicia sexa a quinta comunidade de España con maior número de empresas de comercio retallista.
A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, convocou hoxe os principais sectores da economía galega máis expostos ao comercio con EE.UU a unha reunión que se celebrará a vindeira semana para abordar a situación derivada da política arancelaria anunciada polo país norteamericano. Nunha carta enviada hoxe aos responsables dos clústeres e asociacións sectoriais, Lorenzana emprázaos á reunión que terá lugar o vindeiro luns, 14 de abril, logo de que se celebre o Consello Interterritorial de Internacionalización, convocado por parte ministro de Economía, Comercio e Empresa, Carlos Cuerpo, este xoves coas comunidades autónomas para coordinar a resposta das diferentes administracións.
A comunidade rematou o ano co 100 % do orzamento executado, cun superávit do 0,25 %, reducindo a débeda en 234 millóns de euros e rebaixando a ratio débeda/PIB ata o 14,5 %. Galicia pechou o exercicio cun superávit de 202 millóns de euros. Un saldo positivo motivado por unha liquidación do SFA superior á inicialmente prevista, que permitiu a recuperación da concesión de catro autovías, cun aforro de 342 millóns de euros nos exercicios futuros. Esta operación ten carácter financeiro e, polo tanto, non ten impacto no cálculo do saldo. A débeda por habitante sitúase na comunidade nos 4.395 euros fronte aos 6.870 euros da media de comunidades.
Ademais, Galicia lidera un ano máis o esforzo investidor, cun 16,4% do gasto de capital sobre o gasto non financeiro, case o dobre da media.
A débeda pública de Galicia representa só 3,55 % do total da débeda do conxunto das comunidades, o mellor dato de toda a serie histórica, que comeza no ano 1994. Ademais, Galicia é a Comunidade Autónoma que máis reduciu a súa débeda ao peche do exercicio 2024, 234 millóns de euros menos que a finais de 2023. Deste xeito, a débeda de Galicia sitúase no 14,5 % do PIB, fronte ao 21,1 % da media autonómica. O secretario xeral Técnico e do Tesouro da Consellería de Facenda e Administración Pública compareceu hoxe a petición propia na Comisión 3ª do Parlamento para dar conta do endebedamento da Comunidade Autónoma de Galicia ao peche do exercicio de 2024.
A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, salientou hoxe a importancia de que exista un diálogo fluído entre Alcoa e o comité de empresa nun ano, dixo, que vai ser 'crucial' para a compañía, posto que sairá da súa condición de empresa en crise e poderá ter acceso, polo tanto, a axudas públicas e outras vías de financiamento. Segundo apuntou, para iso, o prazo que manexa a propia Alcoa é o último trimestre de 2025 cando, engadiu, ao superar esa condición 'vai poder abrir todo un campo de vías tanto de financiamento como de apoios públicos'. 'Cremos que este ano é crucial', sinalou Lorenzana, para que 'xa poida comezar a funcionar no mercado económico con normalidade'.
O presidente autonómico, Alfonso Rueda, anunciou a aprobación por parte do Consello da Xunta do Plan director da automoción para o período 2025-2027, que 'estará dotado de 230 millóns de euros' para impulsar un sector 'que está a vivir a súa propia revolución industrial coa chegada do vehículo eléctrico'. Esta industria foi declarada estratéxica xunto coa metalmecánica, a naval, o sector forestal-madeira, a industria das TIC, a loxística industrial, a industria da alimentación, o sector téxtil e confección e a industria da construción. O Plan director da automoción é o resultado dun proceso participativo e colaborativo de interlocución con todo o sector.
Alfonso Rueda destacou que o Goberno autonómico traballa no deseño da nova Estratexia de internacionalización da empresa galega 2026-2030, a folla de ruta para seguir potenciando a saída ao exterior das empresas galegas e que inclúe medidas para que o tecido produtivo afronte mellor os retos do futuro máis inmediato. Rueda salientou a posible implantación de aranceis por parte de Estados Unidos ao produtos doutros países. Nesta liña lembrou que, na actualidade, hai 'un millar de empresas galegas que exportan aos EEUU, das que 350 o fan de forma regular'.
A economía galega medrou un 2,9% no cuarto trimestre de 2024 en relación ao mesmo período do ano anterior, como se desprende da información publicada polo Instituto Galego de Estatística. En canto á evolución intertrimestral, de setembro a decembro de 2024 o PIB autonómico aumentou un 0,8%, mentres que o ano se pechou cun crecemento do 2,8%. Os datos de contabilidade trimestral do IGE mostran que o emprego en termos de postos de traballo equivalentes a tempo completo- medrou no cuarto trimestre un 1,0%.
O titular do Executivo galego, Alfonso Rueda, sinalou que o reparto da débeda autonómica entre todos os españois suporá que cada galego deba pagar 220 euros máis. Ademais, sinalou que a débeda mutualizada a Galicia 'non desaparece', súmase á doutras Comunidades Autónomas e increméntase a que 'pasa a ter cada galego'. Durante a sesión de control no Pleno do Parlamento de Galicia, o presidente da Xunta sinalou que a mutualización dos 4.000 millóns de débeda autonómica non implica a transferencia directa deses recursos e que pasen a estar a disposición da Xunta. Con esta medida, parte da débeda das autonomías pasaría a estar asumida pola Administración Xeral do Estado, pero as comunidades non contarían con novos recursos e unicamente aforrarían o pago de parte dos xuros.
Vintecinco tendas forman parte inicialmente da plataforma web de venta online do CCA de Foz, que foi presentada esta tarde na Casa da Cultura. As persoas interesadas en facer as súas compras a través deste formato poden visitar este centro comercial virtual en www.compraenfoz.com, onde atoparán os escaparates individuais dos negocios participantes con fotos dos produtos, con textos, etc. As tendas dispoñen de carriño da compra e realización de pedido online, entre outras posibilidades.
O Plan de reactivación económica pon en marcha un paquete de formación dixital para mellorar os coñecementos e habilidades de 2000 persoas no que se inclúe un programa para autónomos, outro para formadores, unha liña para menores de 30 anos sen emprego e un ciclo de obradoiros. A primeira das iniciativas, Autónomos dixitais, é un novo programa formativo que pretende reforzar o tecido produtivo galego facilitando o desenvolvemento de competencias en comercio electrónico e novas canles online.
O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, mantivo hoxe un encontro por videoconferencia con participantes na iniciativa Autónomos dixitais, un novo programa formativo que busca reforzar o tecido produtivo galego facilitando a 1200 alumnos o desenvolvemento de competencias en comercio electrónico e novas canles online co obxectivo de mellorar tanto a comunicación cos clientes como o coñecemento dos seus produtos e servizos.
O Ministerio de Facenda vén de indicar que Galicia é a comunidade autónoma que mellor pagou as súas facturas ao peche do primeiro trimestre do ano, tal como mostran os datos do Informe mensual sobre plazos de pago a proveedores y deuda comercial de las Comunidades Autónomas publicado hoxe. O período medio de pago (PMP) de Galicia ao peche do primeiro trimestre situouse en 14,51 días, o que supón o tempo máis baixo das 17 comunidades autónomas.
Ábrese o prazo para que as familias soliciten a súa participación no Fondo Solidario de Libros de Texto, ou ben as axudas para a adquisición de libros de texto, e de vales para material escolar destinadas ao alumnado matriculado en Educación Primaria, ESO e Educación Especial en centros sostidos con fondos públicos, para o vindeiro curso escolar 2020/21. O prazo para presentar as solicitudes permanecerá aberto dende o 20 de maio ata o próximo día 19 de xuño, tal como establece a convocatoria.
A Xunta e a distribución alimentaria van reforzar e implementar a campaña de comunicación #VoudeSúperFeirón nas redes sociais cunha orientación orixinal e participativa para fomentar o consumo de produtos do agro galego no fogar a través de receitas gastronómicas. Con este novo impulso -que se porá en marcha nas vindeiras semanas- trátase de animar a que cadaquén elabore receitas con produto agroalimentario galego e que as presente a través das súas redes sociais co cancelo #FeirónNaCasa.
O DOG publica hoxe a orde da Consellería do Medio Rural que amplía ata o 15 de xuño o prazo que teñen os agricultores e gandeiros galegos para solicitar as axudas da PAC. A orde modifica a emitida o pasado 12 de febreiro co obxectivo de dar resposta ás restricións por mor do coronavirus, que impediron que moitos interesados se puidesen achegar aos bancos ou ás entidades de aconsellamento que colaboran coa administración para a tramitación destas achegas.
Un establecemento comercial vilalbés afronta unha serie de axeitadas iniciativas sanitarias para, no momento en que sexa posible reiniciar a actividade comercial, ofrecer aos seus clientes a maior seguridade. Lanas Pingüín Corsetería, rexentada por Mary Fra, ten instalada xa no seu establecemento unha máquina de ozono para, dúas veces por semana, vaporizar as prendas, penetrando o vapor nos texidos da roupa, e pulverizar o local dúas veces ao dia, fóra do horario comercial.
Adiántase preto dunha semana o pagamento da Renda de inclusión social de Galicia (Risga) do mes de abril para aliviar a economía doméstica de 10.000 familias galegas. Trátase dunha medida pioneira na nosa comunidade para a que o Goberno galego destinará un investimento de 4,5 millóns de euros. O Consello da Xunta deu onte luz verde a esta medida e lanzouse a orde de pagamento.
A superficie de monte baixo instrumentos de ordenación ou xestión forestal acadou no ano 2019 as 262.175,96 hectáreas en Galicia, case un 8% máis ca no exercicio anterior. Así se desprende dos datos que manexa a Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal da Consellería do Medio Rural e que se poden consultar no Anuario de Estatística Forestal de Galicia. É salientable o incremento do 27,26% na superficie de monte que foi inscrita pertencente a MVMC de xestión privada.