Noticias

A aceleradora de proxectos Xerme Ecommerce presenta 23 iniciativas elixidas para dinamizar a economía potenciando o comercio electrónico

Celebrouse hoxe en Meaño o acto de presentación da aceleradora de proxectos Xerme Ecommerce, o primeiro programa de formación para o emprendemento no ecommerce desenvolvido ao abeiro da Rede de polos de emprendemento e apoio ao emprego, no que se botará man de profesionais en activo do mundo do comercio electrónico para que un total de 23 iniciativas -a maioría vencelladas á Rede- aprendan a lanzar, xestionar e rendibilizar os seus negocios en liña. As novas tecnoloxías marcan novos retos cada día, especialmente para as pequenas e medianas empresas que representan a meirande parte da economía galega, pero tamén inmensas posibilidades de crecemento.

O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, participou hoxe en Meaño no acto de presentación da aceleradora de proxectos Xerme Ecommerce, en virtude da colaboración co Clúster do Ecommerce Galego. Segundo destacou, trátase do primeiro programa de formación para o emprendemento no ecommerce desenvolvido ao abeiro da Rede de polos de emprendemento e apoio ao emprego, no que se botará man de profesionais en activo do mundo do comercio electrónico para que un total de 23 iniciativas -a maioría vencelladas á Rede- aprendan a lanzar, xestionar e rendibilizar os seus negocios en liña.

En palabras do conselleiro, que estivo acompañado polo secretario xeral de Emprego, Pablo Fernández, as novas tecnoloxías marcan novos retos cada día, especialmente para as pequenas e medianas empresas que representan a meirande parte da economía galega, pero tamén inmensas posibilidades de crecemento. Nese contexto, enmárcase esta iniciativa dirixida tanto a novos proxectos no eido do comercio electrónico como a negocios existentes que aposten por acceder ás oportunidades de expansión que ofrece a comercialización dixital.

Apostando pola innovación sen renunciar á identidade, segundo apuntou José González, a través de Xerme Ecommerce avógase pola formación e pola mentorización, con obradoiros, titorización personalizada e sesións docentes para que os emprendedores busquen oportunidades en todos os mercados, apoiados en expertos profesionais na materia.

O Clúster

Nese senso, o titular de Emprego recoñeceu o labor do Clúster do Ecommerce Galego, pola súa aposta polo desenvolvemento do talento e da competitividade das empresas galegas mediante o apoio, incentivo e promoción do comercio electrónico. Tivo unha mención tanto para as empresas fundadoras como para as adheridas, entre as que se atopa a adega Paco&Loca que acolleu o acto de hoxe.

Tal e como resaltou, a través do Clúster promóvese que convivan empresas nativas dixitais con empresas físicas que teñen unha importante actividade online, facilitando a aprendizaxe mutua.

Engadiu que Iniciativas como a que hoxe bota a andar din moito do bo facer da entidade e, tamén, sobre o afán das galegas e galegos emprendedores por buscar novas opcións de negocio que redunden no beneficio de Galicia.

Rexión Emprendedora Europea

O conselleiro concluíu que colaboracións como esta axúdannos a confirmarnos como Rexión Emprendedora Europea 2025, recoñecemento que vimos de recibir e que valora a estratexia da Xunta a prol de crear actividade económica que xere riqueza e emprego e axude a fixar poboación.

Unha estratexia que tamén se desenvolve con convenios como o aprobado esta mesma semana en Consello, co Clúster da Comunicación de Galicia, para poñer en marcha -por primeira vez tamén- un programa de asesoramento de balde a proxectos emprendedores en materia de márketing e comunicación, para impulsar negocios competitivos neste mesmo marco da Rede de polos.

Unha soa estratexia pero múltiples accións que se seguirán impulsando desde o Goberno galego ao tempo que se poñen a disposición de quen os precise os Polos de emprendemento: 14 xa activos, tras a apertura do de Sarria, que teñen atendido máis de 2.100 proxectos en apenas dous anos.

R., 2024-07-10

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES