//if ($dataid['id'] == 2){ ?>
Noticias cultura
A Xunta vén de convocar unha nova edición do seu Encontro de Artistas Novos (EAN) que en 2020 cumpre dez anos ao redor da arte emerxente e a creación contemporánea. O EAN10 ofrece a corenta novos creadores a oportunidade de participar nunha estancia de catro días no complexo da Cidade da Cultura durante a que presentar o seu proxecto creativo, ademais de optar a realizar unha intervención artística nas Torres Hejduk do complexo, co Camiño de Santiago como eixo. Como novidade nesta edición, e enmarcado no Plan de reactivación do sectores cultural e turístico fronte aos efectos derivados do coronavirus, a participación no programa estará circunscrita a artistas nados e/ou residentes en Galicia.
A segunda sesión dos Foros #aculturasegue. Reflexións sobre a cultura na era post-COVID-19 analizará este venres 22 de maio os retos das artes escénicas no contexto actual, nun encontro virtual coa participación da directora artística e directora de escena de Voadora, Marta Pazos, e o director artístico de La Fura dels Baus, Carlus Padrissa. A actividade, dirixida a profesionais do sector cultural galego e a todo tipo de público interesado, está organizada pola Xunta de Galicia. Enmárcase no Plan de Reactivación dos sectores cultural e turístico fronte aos efectos derivados da COVID-19, promovido polo Goberno galego e poderá seguirse de balde por videoconferencia, previo rexistro en cidadedacultura.gal.
A rede de museos da Xunta de Galicia súmase á celebración o vindeiro luns 18 de maio do Día Internacional dos Museos, que este ano pon o foco na igualdade, a diversidade e a inclusión e na celebración de actividades dixitais e en liña. Durante todas estas semanas de confinamento, estes equipamentos culturais están a desenvolver un amplo abano de iniciativas a través da campaña #aculturasegue, á que se sumarán numerosas accións nos seguintes centros: Museo de Belas Artes da Coruña, Centro Galego de Arte Contemporánea, Museo das Peregrinacións de de Santiago, Museo Etnolóxico de Ribadavia, Museo Arqueolóxico de Ourense, Museo Massó de Bueu e Museo do Castro de Viladonga (Lugo).
As Bibliotecas Públicas de Galicia xestionadas pola Xunta súmanse aos actos para renderlle tributo a Ricardo Carvalho Calero, autor ao que este ano a Real Academia Galega (RAG) lle dedica o 17 de maio. A situación actual xerada polo coronavirus motivou que as ferramentas e materiais deseñados pola Consellería de Cultura e Turismo en colaboración coas numerosas empresas, entidades e institucións que participan na Programación Conmemorativa das Letras Galegas 2020, fosen reformuladas para que se poidan acceder a elas de xeito virtual ao abeiro da campaña #aculturasegue. Neste contexto, as bibliotecas ofrecerán durante esta semana diversas actividades a través das súas redes sociais e páxinas web.
Galicia intensifica os seus recursos online para renderlle tributo a Ricardo Carvalho Calero, autor ao que este ano a RAG lle dedica o 17 de maio, que xa é o homenaxeado máis dixital de todos os que integran a nómina do Día das Letras Galegas. O impacto derivado da Covid-19 propicia que as ferramentas e materiais conmemorativos deseñados pola Consellería de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia, en colaboración coas numerosas empresas, entidades e institucións que participan na Programación Conmemorativa das Letras Galegas 2020, moitas delas reformuladas e ao abeiro da campaña #aculturasegue, gañen espazo en Internet. O Portal da Lingua Galega ofrece en aberto e de balde numerosos materiais aos que irá sumando outros durante os vindeiros días.
A Xunta de Galicia puxo en marcha durante estas semanas de confinamento a iniciativa Galicia, na túa casa, un microsite que reúne diferentes recursos online para visitar e coñecer varios dos atractivos turísticos galegos de xeito virtual e que xa foi utilizado por máis de 13.000 persoas. No marco da campaña #aculturasegue, as redes sociais da Consellería de Cultura e Turismo están a ofrecer unha serie de visitas guiadas virtuais das que desfrutar cada día ás 17,00 horas para visitar desde a casa algúns dos lugares máis emblemáticos das catro provincias. Desde a súa posta en marcha, foron máis de 6300 as persoas que participaron nestes percorridos en liña que promoven o noso patrimonio.
O conselleiro de Cultura e Turismo, acompañado do seu equipo e membros do Igape, presentou a través dun webinar no que se inscribiron máis de 600 profesionais e axentes do sector cultural o Plan de reactivación do sectores cultural e turístico fronte aos efectos derivados da COVID-19, Un proxecto pioneiro no ámbito autonómico que se porá en marcha este mesmo mes de maio. No encontro achegouse información sobre as principais medidas adoptadas para a reactivación do sector cultural, que inclúen un bloque específico dotado con 10,2M e a meirande parte das medidas transversais do Xacobeo, que conta con outros 5,6M. Establecidas en ambos os casos, para acompañar e apoiar ao tecido empresarial e ao conxunto do sector cultural durante a transición cara á nova normalidade.
A Xunta de Galicia, dentro da súa campaña de lecer e formación #aculturasegue, pon en marcha polas redes sociais e páxina web da Cidade da Cultura o Club das lerchiñas, sesións de contacontos en liña dirixidas ás familias e do que formarán parte seis das mellores contadoras de Galicia: María Lado & Lucía Aldao, Bea Campos, Andrea Bayer, Paula Carballeira e Ledicia Costas. O Club das lerchiñas botará a andar o vindeiro 9 de maio e contará cunha emisión en liña todos ós sábados ata o 6 de xuño. Estas seis contadoras galegas achegaranlles ás familias a través de internet e desde os seus fogares historias sinxelas e amenas, baseadas na tradición oral e tamén contos da súa propia autoría.
A Xunta porá en marcha un grupo de expertos multidisciplinar co obxectivo de adaptar o Xacobeo 2021 á saída da crise sanitaria provocada polo Covid-19. Avanzouno hoxe o conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, tras manter un encontro con representantes de asociacións de amigos do Camiño de ámbito estatal, unha xuntanza que se enmarca na rolda de contactos iniciada nas últimas semanas con diferentes colectivos para abordar a situación actual. Este grupo de traballo contará cunha ampla presencia de representantes de todos os colectivos implicados no feito Xacobeo, como as propias asociacións de amigos do Camiño, a Igrexa ou a administración local, ademais de expertos do ámbito económico, cultural e turístico da Comunidade, entre outros.
As bibliotecas públicas de Galicia celebran o Día do Libro cun amplo abano de actividades online abertas a toda a cidadanía co obxectivo de fomentar a lectura entre a sociedade e seguir dando ao libro todo o protagonismo que merece, con especial énfase neste contexto de confinamento. Entre as accións que se levan a cabo figuran concursos en redes sociais, exposicións virtuais, publicación de catálogos ou recomendacións por parte do persoal das mesmas. Unha das principais actividades na que todos os anos toman parte os museos públicos é a do bookcrossing, unha iniciativa conxunta con bibliotecas de museos e centros de arte de toda España que consiste en deixar libros en lugares públicos para que os recollan outros lectores.
Este venres presentarase na exposición Valente e a unidade das artes, que se exhibe no Pazo de Fonseca da Universidade de Santiago de Compostela, o libro Poemas a Valente, onde o poeta Saturnino Valladares, profesor da Universidade Federal do Amazonas (Brasil), compilou numerosas composición dedicadas ao autor ourensán durante os séculos XX e XXI. Como todos os libros da Cátedra Valente, este leva na cuberta a reprodución dunha obra de arte afín á estética do poeta, neste caso da artista galega Julia Huete.
A música vertebra e estrutura B.S.O. Banda Sonora Orixinal, por cuxa partitura discorren a modo de notas discordantes unha serie de personaxes cun certo pasado pero cun incerto futuro, sempre tentando encaixar nos espazos e nas liñas xustas do pentagrama. Unha estrutura traballada con prosas que se enlazan entre si, dando o final dunhas pé ao comezo doutras de xeito que os distintos capítulos se suceden coma se fosen escenas curtas dunha película.
Co lema Cultura ata a medula, o folclore chega un ano máis ao Concello de Ramirás, que acolle este ano a súa décimo terceira edición do Festival Internacional Rebulir (FIR). Convértese novamente no berce do certame que avoga dende os seus inicios por achegar mostras da cultura e tradición a todos os públicos, cunha gala central o sábado 21 no complexo polideportivo de O Picouto. En canto ás novidades desta XIV edición, destaca o actor Pepe Penabade como presentador da gala central.
A obra Las damas del canapé, de Juan Carlos Fernández León, é a gañadora do concurso de narrativa XXX Premio Literario Camilo José Cela. O xurado do certame tomou o acordo por unanimidade, tras varias valoracións e votacións, na súa reunión deste mediodía no Salón de Plenos do Concello de Padrón. Ao concurso presentáranse un total de 148 relatos. Las damas del canapé, que se presentou co lema Ana Celeste, foi valorada pola súa orixinalidade e estrutura.
A feira de artesanía OFEITOAMAN, que se ven celebrando en Vigo dende 1985, celebra a súa edición número 35 no exterior do Centro Comercial A Laxe, dende mañán 18 de decembro ata o 5 de xaneiro. Este ano, a feira ten a satisfacción de contar ca participación de 21 expositores, entre os que se encontra o recente Premio Nacional de Artesanía, Elena Ferro. Tamén acude por primeira vez o obradoiro de ourivería Ivindi de Tomiño (Pontevedra).
Case duascentas actividades pecharán até fin de ano unha nova edición da Rede Cultural da Deputación da Coruña que neste 2019 ofreceu case dúas mil actuacións nos concellos da Coruña. A Rede Cultural da Deputación da Coruña pechará o ano 2019 cunha ampla programación nos concellos da Coruña, especialmente intensa nas actividades destinadas ao tempo de lecer no Nadal. Até fin de ano programaranse a través do circuíto cultural un total de 173 actividades.
O premio Álvaro Cunqueiro celebra a vixésimo quinta edición aumentando a súa dotación ata 8.000 euros, 2.000 máis que nas súas convocatorias anteriores. Deste xeito, o que é o galardón literario máis lonxevo de todos os que se desenvolven no ámbito teatral galego convértese tamén nun dos que contan cunha maior achega económica. O obxectivo é servir de estímulo á creación literaria no eido dramático, e procurar o seu maior recoñecemento e proxección.
O certame ten por obxectivo dar a coñecer e difundir a poesía e a música editadas en Galicia e Portugal, así como achegar a cultura e a lingua de ambas partes, no marco das accións de desenvolvemento da Lei Valentín Paz-Andrade para o aproveitamento da lingua portuguesa e vínculos coa lusofonía. De feito, a iniciativa ten moi boa acollida entre alumnado e profesorado e está a contribuír a fomentar o estudo do galego e o portugués, ao ter a motivación engadida da música e a poesía.
Son 105 actividades que teñen lugar cada fin de semana ata que remate o ano e nas que os peregrinos poden interactuar cos veciños das cidades e vilas polas que pasa a Vía da Prata, unha ruta con destacados recursos naturais e patrimoniais e que conta cun importante potencial de crecemento. Con este obxectivo deseñáronse tres tipos de actividades: rutas a pé, iniciativas gastronómicas, e obradoiros para nenos e adultos nos que transmitir os valores xacobeos.
A xenial bailaora e coreógrafa Sara Baras é a aposta da programación cultural do Concello de Ourense para esta semana. O sábado, 7 de decembro, ás 21.00 h subirá ao escenario do Auditorio para presentar Sombras, o espectáculo co que vén de triunfar en cidades como Nova York, Londres, París ou Barcelona. A artista gaditana leva máis de 30 anos sobre os escenarios, acadando éxito tras éxito a nivel internacional e reunindo millóns de espectadores.